En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

miércoles, 28 de septiembre de 2011

Hue


A viaxe desde Hoi An até Hue en autobús vía Danang dura unhas catro horas, contando cunha estratéxica parada de media hora nunha tenda de souvenirs para turistas a medio camiño (nós aproveitamos o interesado receso para baixar un rato á unha maravillosa praia).
Hai quen afirma que Hue, capital do Vietnam entre 1802 e 1945, é o centro intelectual, cultural e espiritual do país. Nós non chegaremos a afirmar tal, mais a verdade é que conta con muitos atractivos que fan que pague a pena parar nela. A cidade está dividida polo río Song Huong (río do Perfume), e a pesares de contar con 335.000 habitantes, é facilmente abarcábel a pé.

O primeiro día percorrimos a Ciudadela, a que fora cidade imperial, que data de 1804 e está cercada por unha muralla de 6 m de altura e 2,5 km de lonxitude. No interior das murallas visitamos a Cidade Proibida Púrpura, a residencia privada dos emperadores da dinastía Nguyen. O recinto imperial está un tanto descoidado, se ben conserva parte do seu encanto, e as dimensións do recinto impresionan. Após sairmos do recinto, paseamos polos barrios populosos que o rodean, e paramos a tomar un batido de frutas nunha terraza ateigada por xente local. O batido consistiu nun vaso cheo de fruitas (identificamos tamén anacos de abacate) con leite condensada. A maiores puxeron unha cunca con xeo picado e unha culler coa que machacar a fruita e o xeo até facer o batido manualmente. Estaban moi bos, e pagamos polos dous menos de un dólar.

O noso segundo día en Hue adicámolo a visitar, a través dunha viaxe organizada, as tumbas reais máis a pagoda de Thien Mu, na contorna de Hue. O circuito faise en autobús a excepción do último treito, no que se regresa á cidade en barco polo río do Perfume. Non gostamos en exceso destas visitas organizadas, ainda que ás veces son unha boa solución para visitar lugares alonxados aos que resulta complexo chegar se non contas con muito tempo. A visita ás tumbas de Tu Duc e Minh Mang, xunto coa pagoda de Tien Mu, son moi recomendábeis, sobre todo polo seu precioso entorno natural.

Incenso
Tamén visitamos o que ía ser unha vila onde se fabrica o incenso, e que resultou ser un conxunto de tendas de souvenirs onde señoras corren a sentarse nas súas mesas de "traballo" para preparar algunhas varillas de incenso en canto os e as turistas baixan do autobús.

Gastronomicamente falando dicer que atopamos de casualidade un restaurante marabilloso. Estaban a cair baldes de auga e metímonos no primeiro lugar que vimos aberto coa intención de tomar un café. Ao botarlle un ollo á carta decidimos xantar alí. Comimos un atún guisado de primeira, xunto cunhas xudías con gambas e carne de porco, arroz, tres cervexas e dous tés…todo boísimo e nun patio chulísimo…por uns 8 dólares.

Como curiosidade, deixamos esta foto, que reflicte unha outra forma de machismo... Os cánones de beleza aos que están sometidas as mulleres asiáticas son un tanto "peculiares". Resulta que non está nada de moda estar bronceada, así que moitas mulleres (especialmente as novas) cubren totalmente os seus corpos e caras como se levaran un burka, para evitar que lles de un raio de sol!! Coas altas temperaturas que hai por aqui, ir tan tapadas debe ser toda unha tortura... E por se fora pouco, case todos os productos de beleza conteñen algo así como "branqueante". Por suposto os homes non teñen reparos en sentarse nunha terraza e disfrutar do sol.


Desde Hue viaxamos de  novo nun autobús cama até Hanoi, onde faremos unha pequena parada antes de dirixirnos a Sapa, cidade situada nas montañas do norte do país, próximas á fronteira chinesa. 

Unha aperta!

jueves, 22 de septiembre de 2011

Hoi An

A nosa aterrizaxe en Hoi An foi un pouco complicada, xa que demoramos dúas horas para atopar hotel. A relación calidade prezo dos hoteis resulta peor que no resto do Vietnam, aínda que o último día mudámonos a un hotel con piscina e un cuarto novo, limpo e bonito, por 10 dólares a noite.

Ponte xaponesa
Despois de instalarnos fumos dar unha volta polo casco vello da cidade. Hai que pagar unha entrada de 90.000 VND que da dereito a percorrer as rúas do casco vello e a cinco visitas a escoller entre as casas tradicionais, as pagodas, os templos, os salóns de actos da comunidade chinesa ou os museos. Case todos os sitios que visitamos non están moi cuidados, e a verdade é que se ven desde as portas. Poidemos ver case todos os sitios interesantes que recomenda o folleto turístico que te dan coa entrada. 
Unha das cousas máis curiosas é a ponte xaponesa...construída segundo conta a lenda sobre o ponto máis feble dun dragón co fin de aniquilalo... Unha explicación cecais máis obxectiva ou científica para a construcción da ponte responde a motivos comerciais entre os dous barrios que confrontan o río.


Excursión ás ruinas de My Son

As ruinas de My son os restos máis importantes que fican do antigo Imperio Cham, e foron declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
Para visitar as ruinas My Son a opción máis cómoda é contratar unha excursión, ou aventurarse a chegar por conta propia alugando unha moto.
Nós optamos pola excursión organizada (120.000VND, uns 6 dolares). Fomos en autobús até as ruinas, e ao chegarmos comenzaba un espectáculo de música e danza tradicional cham. A verdade é que a música resulta interesante, se ben pareceunos un pouco arrítimica e estridente. Os bailes lembran ás figuras e relieves das pagodas, onde sempre aparecen mulleres en posturas de baile.

Despois comezamos o percorrido polo conxunto de templos. Poucos fican en bo estado, xa que se viron afectados polos bombardeos estadounidenses durante a guerra.

My Son
 O val onde están os templos é precioso, rodeado de montañas inmenas, unha das cais deulle o nome de “My Son”, que non significa o meu fillo, senon montaña bonita!. Segundo a Lonely Planet a montaña chámase Dente do Gato...mais nós gostamos máis da explicación do guía!
Após explorar o conxunto de templos voltamos ao autobús, que nos levou a coller un barco no medio da nada. No barco, comimos un austero prato de arroz con verduras e conversamos cun guía que estaba a aprender español. Deixáronos de novo en Hoi An por volta das 14 h, hora na que combináramos para ir recoller uns zapatos feitos a medida!
Zapaterias ou "fábricas de zapatos a medida"
Hoi An é un paraiso para as compras (é sería aínda máis marabilloso de non ter que aturar ás millares de vendedoras que constantemente ofertan a súa mercadoría a berros de “buy something, buy something”). En Hoi An hai centos de tendas especializadas na confección de roupa e calzado a medida. Por mor do espazo nas mochilas, e xa que ao traxe non lle vemos moita utilidade durante a viaxe, optamos por facernos uns zapatos á medida que costaron (despois dun intenso regateo) 10 dolares. Seguramente poderíamos telos conseguido por algo menos, mais as non tiñamos forzas para proseguir a dura negociación.
Unha vez fechado o prezo, miden o pé de todos os xeitos posíbeis, e tardan aproximadamente 12 horas en facerte os zapatos. A verdade é que quedaron moi ben!
Na vila tamén se poden atopar  kimonos e pixamas de seda, sacos de durmir tamén de seda, farolillos, manteis, cadros, e un sinfín de souvenirs! Resulta moi difícil controlar a tentación de comprar de todo mais hai que facelo, así que ningún/ningunha de vós vai levar de regalo un kimono de seda vietnamita…

Gastronomía

A gastronomía de Hoi An encantounos! O primeiro día gozamos no restaurante For You dunhas estupendas cervexas á 4.000 VND (é decir uns 20 céntimos de euro) e un menu degustación, que consistiu en rollitos primavera, rosa branca (unha especie de orella feita con  papel de arroz rechea de gambas e carne de porco), e cao lau (uns fideos planos con verduras, porco e picatostes).
O segundo día dímonos unha pequena homenaxe e probamos outro menu degustación semellante ao do día anterior, mais neste caso con marisco e peixe cociñado en folla de plátano. Pagamos polos dous menus e a bebida uns 13 dólares, e todos os pratos estiveron impresionantemente ricos!
Pero o mellor sen dúbida foi a cea do noso derradeiro día en Hoi An. Moitas señoras montan unha especie de cociñas móbiles con distintos recipientes desde onde sacan os ingredientes para preparar uns mágnificos cao lau. Aproveitamos tamén para probar os banh xeo (tortitas salgadas cruxentes que abres, enches con verduras, e envolves todo en papel de arroz). O sitio é estupendo pois montan os puestitos xusto ao lado da ribeira, e iluminan as mesiñas con velas e farolillos. É unha mágoa que non teñamos unha foto que amose a beleza de sitio.. A comida estaba boisíma, o lugar marabilloso, e o prezo…por dous cao laus, un banh xeo e dúas cervexas pagamos 90.000 VND (4,5 dólares).
Con tanto madrugar, camiñar e suar..decidimos que nos mereciamos un día de praia! E que praia!!! Collimos dúas motos con conductor para ir e volver á praia de Cua Dai, unha das moitas praias situadas entre Hoi An e Danang, e que forman un areal de máis de 30 quilómetros coñecido como China Beach, onde os soldados dos EEUU descansaban e surfeaban nos días de permiso durante a guerra (en Danang foi onde desembarcaron as primeiras unidades de marines norteamericanos). Unhas sombrillas feitas con follas de palma e unhas cómodas tumbonas fixeron que estiveramos no paraiso! Ora ben, un paraíso bastante caluroso, no que para chegar ao mar pola area queimas as prantas dos pés. 

Foi unha moi boa despedida de Hoi An.

miércoles, 21 de septiembre de 2011

Nha Trang


Interior do autobús cama
Despois de viaxar unhas doce horas nun autobús-cama chegamos a Nha Trang, vila costeira do sudeste de Vietnam, onde tiñamos que pasar outras doce horas para coller o seguinte autobús cara Hoi An.
A viaxe foi toda unha experiencia. A medida das camas responde aos estandares asiáticos de altura...polo que ás persoas altas élles díficil acomodarse. A isto houbo que engadir un intenso cheiro a cabrales procedente do compañeiro da litera de atrás, e como sempre, os videos musicais que nos acompañaron durante a viaxe. Manu levaba sobre a súa cabeza o monitor da TV e eu o altavoz que agardemos non procovara danos irreparábeis nos meus tímpanos!

Teleférico
Para pasar o día en Nha Trang decidimos ir ao parque de atraccións Vinpearl Land (entrada 360.000 VND). O parque está situado nunha illa, polo que para chegar hai que coller un teleférico. As vistas durante o traxecto, que dura uns 15 minutos, son espectaculares.






Túnel do acuario
O recinto está dividido en varias áreas: parque acuático, parque de atraccións, acuario, sala de "maquinitas" e unha praia impresionante.
Ao chegar, pasamos un bo rato tirando unhas canastas, montamos en touro mecánico, e en mil maquinitas ultramodernas.
A zona do parque acuático está realmente ben, especialmente o "tsunami"...un tobogán no que baixas montado nun flotador xigante cunha pendente moi considerábel.
O acuario encantounos! Está realmente ben montando, e inda que non é moi grande, ten tartarugas, tiburóns, carpas xigantescas e outras muitas especies.

A illa conta cunha praia impresionante, e a pesar de que comezou a chover non puidemos evitar darnos o último chapuzón nunhas augas cristalinas e mornas...
Praia


Despois da dura xornada, agardábanos a segunda noite en autobús cama rumbo a Hoi An.
O autobús, inda que un pouco mellor que o anterior, fíxose un pouco duro por mor da conducción extrema do conductor, que entre os bruscos freazos e o uso abusivo do claxón impediunos durmir máis de dúas horas seguidas.

Mil bicos

martes, 20 de septiembre de 2011

Ho Chi Minh


Ho Chi Minh é unha cidade sorprendente. En nada se asemella ás cidades do sudeste asiático que temos visitado até o de agora. Anchas avenidas, tendas das primeiras marcas, bares e restaurantes de primeiro nivel, rañaceos…e tamén vida de rúa, mercados, arquitectura colonial, infinitas tendiñas de roupa e artesanía local…moitas fouces e martelos, e unha infinita variedade de cartelería socialista do máis interesante…sempre coa presenza obrigada do “Tio Ho”…


Se non hai sitio na estrada...ocupánse as beirarrúas!
Unha das peculiaridades desta cidade é o intenso tráfico. En Ho Chi Minh circulan 4 millóns de motocicletas…e aquí ninguén respecta os pasos de peóns!...cruzar a rúa resulta toda unha aventura, hai que cruzar de vagar, deixando que os/as motoristas teñan tempo de esquivarte…mais non ficar parado/a, sempre avanzar…Na actualidade é obrigatorio o uso de casco, todo un acerto das autoridades, xa que antes de adoptarse esta medida finaban na cidade tres persoas ao día por accidente de tráfico.

De entre a numerosa oferta museística da cidade, nós escollimos o Museo de Cidade Ho Chi Minh e o imprescindíbel Museo dos Vestixios da Guerra, coas súas escalofriantes fotos de torturas e de persoas afectadas por deformacións derivadas do uso de armas químicas, as súas recreacións de celdas de torturas, o seu armamento, o fondo documental sobre o tratamento do conflito nos medios de comunicación, e muitas outras sorpresas máis. Á superioridade militar e moral demostrada no conflito, o pobo vietnamita engade unha xenerosidade tal, que no propio museo existe un espazo para homenaxear as penalidades sofridas por muitos soldados dos EEUU e as súas familias, afectadas tamén polas armas químicas empregadas polo imperialismo norteamericano durante o conflito. Así mesmo, valórase positivamente a reapertura das relacións entre o Vietnam e os EEUU, reiniciadas durante a administración Clinton (que por certo durante a súa visita á cidade parou a comer unha sopiña no austero Pho 2000, moi perto do noso hotel). Na entrada do museo, un panel agradece a todos os pobos, colectivos, partidos e persoas que apoiaron a longa loita do pobo vietnamita pola súa liberdade. A visita a este museo foi probablemente unha das nosas máis emocionantes experiencias do que levamos de viaxe.

Sen comentarios...jejeje
Un dos nosos días na cidade Ho Chi Minh aproveitámolo para visitar os túneis de Cu Chi, unha rede de diminutas galerías e Bunkers que chegou a alcanzar máis de 200 km, e grazas a cal o Vietcong chegou a controlar amplas zonas rurais desde Saigón até a fronteira camboxana. Os túneis orixinais son realmente diminutos. Nós fixemos un pequeño percorrido por un tramo “adulterado” para turistas occidentais (polos orixinais moitos non poderían andar), menuda sensación de agobio!  Durante a visita recibimos interesantes explicacións da vida nas galerías (escolas e hospitais chegaron a ter), e sobre as trampas coas que a guerrilla e as persoas simpatizantes da súa causa agasallaban ás tropas norteamericanas. A “macarrada” da xornada reservámola para o final da visita, onde existe a posibilidade de disparar diferentes armas nun campo de tiro. Obviamente decantámonos polo mítico Kalashnikov, o fusil de asalto soviético AK47. Non acertamos coa diana, e non levamos o premio, un pano dos que empregaban as guerrilleiras e guerrilleiros do Vietcong.

Palacio da Reunificación
Á volta desta excursión visitamos o Palacio da Reunificación, antiguo palacio presidencial de Vietnam do Sur, e símbolo da reunificación do país despois da rendición do Sur ante o Norte. O palacio, un precioso edificio tipo racionalista, exemplo da arquitectura vietnamita dos anos 60, consérvase exactamente igual que o día no que os tanques comunistas derribaran as súas portas o 30 de abril de 1975. Pódese entrar en todas as súas dependencias, mesmo no bunker que servía de centro de operacións militares durante a guerra. A visita paga moito a pena.

O noso último día, antes de collermos o bus nocturno que leva á cidade costeira de Nha Trang, visitamos as pagodas de Cholon, bairro polo que paseamos e onde comimos e bebimos en diferentes postos da rúa. 

Gastronomía

Gostamos moito dos “bocadillos” vietnamitas que ofrecen os múltiples “puestitos” de rúa. Ás veces non se recoñecen todos os ingredientes que levan, xeralmente carne e variedade de verduras e legumes, mais están boísimos e seu prezo non chega ao medio euro! Gastronomicamente dicer que fomos un día cear algo de marisco. As ostras gratinadas con queixo están moi boas, si ben un caranguexo que comimos á grella non tiña moito sabor…

Despedimonos xa! Unha aperta...e até Nha Trang

lunes, 19 de septiembre de 2011

Delta do Mekong

 A nosa entrada no Vietnam desde a Camboxa pola fronteira Prek Chak – Xa Xia, a través do Delta do río Mekong, foi do máis accidentada e rocambolesca. Partimos desde Kampot en furgoneta até a fronteira, para proseguir após do control de aduanas até a cidade de Ha Tien. Alí tivemos que agardar unha hora e media por outra furgoneta que nos levou á cidade de Chau Doc, ao norte de Ha Tien. Nesta cidade tivemos que facer unha “carreira” en dúas motocicletas (con equipaxe e todo) desde a oficina da compañía de transporte que contratáramos a outra coa que realizamos o derradeiro tramo da viaxe até a cidade de Can Tho, onde fixemos noite. Toda unha odisea de máis de 12 horas para cubrir unha distancia de pouco máis de 200 km, si ben unha estupenda forma de coñecer de perto a vida cotidiana das xentes do delta. Supostamente contratáramos un servizo con un só trasbordo para todo o percorrido, mais aquí as cousas van así e hai que relaxarse. O mellor foi o intento de cobrarnos un prezo extra por parte dos motoristas (servizo cuberto pola compañía contratada). Un dos homes dirixiuse a nós falando baixiño para pedirnos cartos, e ante a nosa rotunda negativa botou a rir e realizou o seu traballo sen ningún problema…ás veces hai que poñerse firmes, mais en xeral a xente aquí é moi amábel.
Entrada na República Socialista do Vietnam

 En Can Tho visitamos o famoso mercado flotante de Cai Rang, e dimos paseos pola zona da cidade situada en torno ao río. A visita ao mercado resulta toda unha experiencia. Seica as transaccións non realizadas en “terra firme” non están suxeitas a taxas no país, polo que estos mercados están ateigados de labregos/as, comerciantes e cidadanía en xeral.. Para identificar o “xénero” que leva cada embarcación, só hai que fixarse na mostra que levan pendurada dun pao vertical. Nós visitamos o mercado nun pequeno bote gobernado por unha señora maior. Para chegar a tempo, erguímonos moi cedo, por volta das 6  da mañá xa estábamos no mercado tomando un café servido por un “bar flotante” (unha barca que se vai achegando ao resto das embarcacións ofrecendo café ou té procedentes de fumexantes termos). Á volta da nosa visita, decidimos almorzar como a xente do lugar, e paramos nunha xeitosa terraza para dar boa conta de cuncas de pho bo (sopa de fideos con porco e verduras) e raviolis vietnamitas (recheos de caranguexo e porco)…un almorzó lixeiriño para ser ás 9 da mañá.
Mercado flotante de Cai Rang

A nosa primeira impresión do Vietnam, a pesares de entrarmos por unha zona marcadamente rural, é a de atopármonos nun país moito máis desenvolvido que os que levamos visitado até o de agora...recollida de lixo, alumeado público, edificacións dignas e pouco chabolismo en xeral, motoristas con casco, boa sinalización de rúas...

Desde Can Tho dirixímonos, desta vez nun “moderno e colorista” bus directo, até Cidade Ho Chi Minh, próxima parada da nosa viaxe…
Bus a Ho Chi Minh

 Unha aperta e até a próxima!

lunes, 12 de septiembre de 2011

Costa Sur de Camboxa

Partimos desde a capital do país en bus cara o sur, para visitar concretamente a localidade de Kampot e a súa fermosa contorna.

Plantación de pementa
Desde Kampot realizamos unha excursión dun día polos arredores. Un guía local levounos no seu carro visitar campos de sal e plantacións de pementa (auténtico orgullo local), coñecer a cova-templo de Phnom Chnork, pasear por aldeiñas mariñeiras habitadas por musulmanos/as, así como percorrer a veciña Kep. Comentar que o carro avariouse en repetidas ocasións; un problema na batería fixo que tiveramos que purrar por el unhas cantas veces, e mesmo ser asisitidos por camioneiros nunha estrada sen asfaltar na que nos deixou tirados, e pola que non daba pasado ninguén…




A visita á cova-templo de Phom Chhnork foi toda unha aventura. Guiados por un grupo de nenos e nenas da zona, e coa axuda dunha lanterna, percorrimos as profundidades da cova por unha ruta apartada do camiño principal polo que van os turistas. Foi incríbel...até nos lanzamos por unhas lianas imitando ao Tarzán e á Chita...jjeje! O entorno é espectacular, e o camiño, inda que por momentos resultaba complicado, pagou a pena. O mellor é ver a facilidade coas que nenos e nenas de entre 10 e 15 anos saltan de penedo en penedo na escuridade da cova, descalzos, e sen inmutarse…

Vila mariñeira
A población musulmana de Kampot, adicada prácticamente na súa totalidade á pesca, vive en pequenas aldeas conectadas co mar a través de canais. Ao chegarmos a un destes lugares, fomos recibidos por unha encantadora rapaza, coa que botamos unha parrafada e que nos ensinou como a súa familia tostaba o cacahuete na súa casa (tamén nos deu a probar o xénero).

Kep é unha pequena vila mariñeira e histórico destino “veraniego” da burguesía camboxana (a propia familia real ten segunda residencia na vila). Conta con unha boa oferta de hoteis (a maioría algo caros para os que imos con un “orzamento apretado”). Xantamos no chamado “Mercado do Caranguexo”, e camiñamos por un tramo do seu "paseo marítimo". Estivemos na praia, mais chovía bastante e non prolongamos muito máis a nosa estancia en Kep.

A última actividade do día foi contemplar o solpor desde unha barca en travesía polo río. Unha viaxe de ida e volta desde Kampot de perto de hora e media, onde vimos muitas das luxosas segundas residencias da xente adiñeirada do país, e na que nos cruzamos con infinitas embarcacións de pesca.

Pasamos dous días agradábeis en Kampot. Conseguimos unha habitación de primeira por só 7 dólares noite. No plano gastronómico, a verdade é que non tivemos muito contacto coa comida local, a excepción da nosa visita a Kep, onde xantamos un arroz con gambas e chipiróns no mercado. Culpa de non termos probado máis a comida local tena un bar levado por un veterano e hippie matrimonio francés máis a súa filla, lugar no que paramos para tomar algo, coa intención de irmos cear a un coñecido restaurante de cociña mariñeira, e do que xa non saimos polo bo ambiente e por podermos xantar algo que botábamos en falta: un bo queixo, neste caso francés…

jueves, 8 de septiembre de 2011

Phnom Phem

A capital de Camboia é impresionante...non deixa de sorprendernos a cada segundo con novas fotografias, algunhas máis agradábeis que outras... a cidade esconde rincóns preciosos e xente entrañábel, mais tamén amosa imaxes como a de vellos occidentais repugnantes con rapaciñas camboxanas, ou a de meniños/as moi pequerrechos/as durmindo sós nas rúas! Ás veces resulta moi díficil controlarse...

A verdade é que non imaxinábamos así a cidade, con grandes avenidas, espazos públicos, boas edificacións, bares e restaurantes de primeira, un pequeno comercio de artesanía local sorprendente...o que si non vimos por ningures foi o perigo do que preveñen moitas publicacións sobre viaxes...pola nosa experiencia, Phnom Phem é unha cidade tan segura como o é o resto do sudeste asiático. 

Aproveitando que tíñamos que facer o visado para Vietnam, paseamos por rúas nada turísticas até chegarmos á embaixada, e sorprendeunos a tranquilidade que se respiraba, ademáis das estupendas casas e do mágnifico parque móbil que circulaba...Abundan os "todoterrenos" Lexus e Prado e os coches Camry de Toyota.

De novo, vivimos unha situación un tanto insólita coa policia camboxana, na figura do policia que supostamente vixía a entrada da Embaixada do Vietnam, pois este home pretendía tramitarnos él mesmo o visado cobrándonos 10 dolares máis do prezo fixado pola propia embaixada...

Museo nacional
Recorrimos tamén a pé as zonas máis turísticas: fumos desde o Palacio Real paseando pola ribeira do Tonlé Sap, até subir con moitísimo esforzo a montaña máis alta da cidade (que ten nin máis nin menos que case 27 m!! jejejej). Visitamos todos os mercados da cidade e un centro comercial moderno (e non compramos nada para variar...). A cidade, que ten en torno a 1,3 millóns de habitantes, non conta con transporte público algún, si ben para percorrer o centro non o botamos en falta. A maioría dos occidentais (turistas ou non) móvense en tuc-tuc. Nós só nunha ocasión precisamos coller unha moto para chegarmos a tempo ao Palacio Real. É toda unha aventura ir dúas persoas en moto (tres co conductor obviamente) a toda velocidade pola cidade, mais os conductores locais están afeitos e saen moi a conta.


Interior da prisión S21
Gostamos moito da visita ao antigo instituto Tuol Svay Prey, convertido polos xemeres vermellos na prisión S-21 (tamén coñecida como a "Oficina de Seguridade Especial"), onde interrogaban, torturaban e asasinaban ás mulleres e homes "contrarrevolucionarias/os". O lugar, agora convertido en museo, conserva as celdas das persoas presas, as máquinas de tortura, e as calaveras das persoas mortas no centro S-21...Espeluznante. Cerca de 14.000 persoas pasaron pola prisión, mais só sairon 12. O museo está cheo de fotografías das vítimas, e conta tamén con diversa documentación sobre a guerra civil e o ascenso ao poder dos xemeres vermellos, biografías dos seus dirixentes e información sobre o que foi o proceso revolucionario posterior (desprazamentos de populación das cidades ao rural e traballos forzados incluídos), as bases sociais que sustentaron a Kampuchea Democrática e o seu fin coa intervención vietnamita no ano 1.979. Por último, uns paneis informan do proceso xudicial auspiciado pola ONU que está a levar ante os tribunais aos principais líderes supervivintes dos xemeres vermellos, e amosa testimonios de homes e mulleres que foron tanto guardas como persoas presas do centro.

Gastronomicamente falando diremos que provamos o famoso amok camboxano, un peixe asado en folla de plataneiro con especias e leite de coco. Está moi bo, un pouco picante, mais nada comparado cos platos tailandeses. Outra das agradábeis sorpresas da cidade é a happy hour, durante a cal as xarras de cervexa local só costan medio dolar...

Mil bicos!

martes, 6 de septiembre de 2011

Battambang

Emprendimos viaxe a Battambang en barco a través do lago Tonlé Sap. Este lago ocupa durante a temporada seca unha superficie de 3.000 km2, mais cando chegan as choivas, anega as terras circundantes chegando a ocupar 13.000 km2, o que fai posíbel ir de Siem Reap a Battambang "case case en liña recta".

Navegar entre as copas das árbores é toda unha experiencia. O vello e pequecho barco no que viaxamos emprégase principalmente para usos turísticos (é moito máis rápido e económico viaxar entre Siem Reap e Battambang en bus), si ben ao longo da travesía fomos recollendo tamén xente local, que ao habitaren nas aldeas flotantes do lago, non teñen outro medio de transporte público que non sexa este. A viaxe, que dura unhas 6 horas contando as paradas para recoller e deixar xente e unha parada máis longa para xantar nunha das aldeas flotantes do camiño, transcurre entre preciosos canais de auga. É unha tranquila e fermosa maneira de coñecer a vida mariñeira da Camboia interior.


Battambang é unha pequena localidade (140.000 habitantes) con pasado colonial. Actualmente a arquitectura colonial está un tanto deteriorada, e o principal atractivo da localidade reside nos templos e aldeas da súa contorna, que amosan ao viaxeiro a realidade da vida labrega do país, con extensas plantacións de arroz, feixóns, chiles e mesmo unha cativa zona vitivinícola. Á nosa chegada, e despois de atopar hotel, dimos un largo paseo pola ribeira do rio, polas rúas principias e tamén polos bairros máis deprimidos, que sempre agochan as imaxes máis impactantes da xornada…

Á noite fomos a un concerto no Phare Ponleu Selpak , un centro artístico para nenos e nenas desfavorecidas. A experincia foi moi curiosa. O grupo en cuestión, do que non lembramos o nome, facía unha especie de fusión entre música tradicional camboiana e músicas populares contemporáneas (pop, rock, reagge...), acompañada de danza. Ficamos sorprendidas do éxito que tiña entre o público local, inmensa maioría na sala, e que enfervorizado berraba, batía palmas e bailaba...


Ao día seguinte fixemos unha excursión nun tuc-tuc (taxi local consistente nun carromato tirado por unha motocicleta) compartido con uns alemáns. Visitamos en primeiro lugar o tren do bambu, e fixemos unha viaxe nunha das plataformas de bambu propulsadas por un pequeno motor. A viaxe resulta interesante, mais demasiado turística, xa que este medio de transporte, inda vivo noutras localidades do país, en Battambang está principalmente dirixido ás/aos turistas. O máis curioso é que cando dúas plataformas de bambu coinciden en sentido contrario, a que ten menos pasaxeiras/os ten que desmontarse e deixar pasar á máis pesada.

 Após visitar o tren do bambu dirixímonos ao templo de Phnom Banan, unhas construccións anteriores ás de Angkor, e que supostamente inspiraron estas. A colina na que se atopa o templo alberga tamén algunhas covas. Resulta algo intrigante buscalas entre avisos de peligro por existencia de minas, e non tranquilizan en exceso as palabras das persoas locais que aseguran que a zona xa está “peinada” e non ten perigo explorala.

As emocións máis fortes da xornada chegaron coa nosa visita a Phnom Sampeu. O camiño que leva a esta preciosa montaña é toda unha mostra da forma de vida das xentes do lugar. Homes e mulleres traballando nos campos de arroz, sacando ás vacas, sementando legumes, collendo cocos….e infinitos grupos de nenos e nenas xogando polos camiños e saudando ás e aos viaxeiros que por alí pasan, unha auténtica gozada. 


Ao chegarmos ao noso destino contratamos un guía local supostamente coñecedor dos lugares máis importantes que alberga a montaña (paga a pena facer a visita sen guía). Levounos por algúns templos e imaxes de buda sen moito interese, e finalmente chegamos ao lugar que nós procurabamos, as grutas e covas empregadas polos xemeres vermellos para executar presas e presos da zona durante o seu goberno. Resulta increíbel que moreas de cráneos e osos de vítimas non identificadas fiquen no lugar a modo de macabro recordatorio…


As vistas desde o cumio do monte son, por outra parte, espectaculares....


Temos que destacar da nosa visita a Battambang, o bo hotel no que estivemos hospedados, o Royal Hotel. Unha enorme e limpa habitación doble cun amplo baño no seu interior por 8 dólares a noite. Palabras maiores merece o pequeno restaurante situado a 10 metros deste hotel, cunha cociña tanto xemer como occidental de primeira e a moi bo prezo, e con xarras de cervexa a medio dólar.

No momento de escribir está entrada, estamos de camiño en bus cara a Phon Phem, a misteriosa capital do país, onde pasaremos os próximos días...

Até outra.

Templos de Angkor


A nosa viaxe desde Bangkok á Siem Riep, para visitar os templos de Angkor, foi bastante accidentada. Trataremos de resumila: Primeiro collimos un metro desde o centro de Bangkok para enlazar co tren que leva até o aeroporto, desde alí un bus até a cidade fronteiriza de Aranya Prathet, para cruzar a pé a fronteira até Poipet, xa na Camboia, para desde alí coller un taxi até o destino final, Siem Riep. A anécdota viu por parte da policia da fronteira camboiana, que pretendeu extorsionarnos para que pagaramos unha cantidade maior de cartos que a oficialmente estipulada para o visado. Ante a nosa negativa non puxeron obxección, e recibimos o visado igual que outras persoas que si pagaron o soborno....ora ben, mal rato si que pasamos.

Os templos de Angkor son unha das principais atraccións turísticas de todo o sureste asiático, si ben na temporada de choivas comprobamos que é posíbel visitalos sen aglomeracións. Nós mesmo estivemos sós nalgúns dos máis afastados.


É unha mágoa que ningunha das nosas fotos (consultar o noso facebook) amose realmente o bonito que son os templos de Angkor.O primeiro dos templos que visitamos foi o Angkor Wat, o maior edificio relixioso do mundo. A seguinte parada foi na cidade fortificada de Angkor Thom, que mide uns 10 km2 aproximadamente. No marco desta cidade visitamos o Bayon, a terraza dos elefantes, o baphuon, a terraza do rei leproso... Logo fumos ao Preah  Khan, e de aí fumos parando en todos os templos até chegar ao impresionante Ta Prohm, moi coñecido pola peli de "Tomb Raider", peli que nos inda non vimos. A natureza convive aquí dun xeito estravagante coas ruinas do templo, parece de feito que as xigantescas árbores lle están quitando espazo aos restos arquitéctonicos...Agora ben, o protagonismo comparteno ao 50%, e a mistura é impresionante...

Tanto a Lonely Planet como moitos viaxeiros ven moi apresurado facer este circuito nun día, e a verdade é que se tes moito tempo (e cartos! porque a entrada para os templos costa 20 dolares por día) paga a pena espaciar un pouco máis a visita. Para dar unha idea da grandiosidade do lugar decir que nunha das súas épocas máis encumbradas , no tránsito entre os séculos XII e XIII, Angkor contaba con perto de un millón de habitantes, cando Londres na altura apenas chegaba aos 50.000. De todos xeitos, é factible velo todo nun día madrugando moito e reducindo os tempos de descanso...ou renunciando a eles como no noso caso.

A cidade de Siem Riep, o lugar onde se centralizan os servizos para as persoas que visitan os templos de Angkor, non está mal, mesmo diremos que ten un encanto propio. Nós gostamos moito desta cidade. A súa oferta de restaurantes, sobre todo os de barbacoas, é completísima; ten unha zona na ribeira do río onde resulta agradábel pasear; e mesmo conta con algúns exemplos xeitosos da herdanza arquitectónica francesa.

Para rematar: Contratar un tuc tuc para todo o día co que percorrer os distintos templos, costounos 15 dolares...Non perder a calma con todos os conductores de tuc tuc, non ten prezo...(ah! e a visa aquí non serve para casi nada)

viernes, 2 de septiembre de 2011

Camboia: primeira parada Siem Reap

Despois do bombardeo de post atrasados, toca falar dos impresionantes templos de Angkor en Siem Reap: a octava marabilla do mundo. O malo é que despois de tanto traballo (e dos madrugóns: levantámonos normalmente sobre as 06.00) xa non temos forzas para máis.

Deixamos unha primeira parte sobre os nosos días aqui, e maña continuamos a escribir sobre os Templos de Angkor...

O tema gastronómico....foi do máis variado, sempre acompañado eso si de cañas a 0,50 dolares! Probamos unha rica barbacoa con carne de terneira, cocodrilo, serpe, gambas e ancas de rá., e outro dos días un prato moi típico: terneira con prebe de peixe fermentado (que ben sendo peixe podrido). Coido que inda temos o cheiro no naris....uff! vai ser difícil de esquecer un sabor tan intenso e tan peculiar.


Para rematar os días en Siem Reap... dímonos un "masaxe de pes/pedicura" cuns peixes que supostamente comen as peles mortas.. Os primeiros cinco minutos, mentres non nos acostumamos á sensación, deunos un ataque de risa polas cóxegas que fan os peixes!!


Unha aperta a todas/os!

Lago Inle

Máis unha vez, as viaxes son toda unha aventura... Neste caso foi moi divertida grazas ao noso compañeiro de viaxe. Sen el, as 14 horas de autobus terían sido moito máis aburridas...

O Lago Inle é un paraíso natural no medio das montañas do estado shan. Un mundo acuático relaxado, con xardín e mercados flotantes, con unha rica artesanía e agricultura…e con xente acolledora e amabilísima, que fan da estancia un auténtico remanso de paz.

Mariñeiro remando co pé

Nós estivemos hospedados no hotel Min Ga Lar, nunha habitación ampla e bonita, con un bo baño, e o mellor, con uns almorzos memorábeis (zume, café, ovos, filloas recheias de tomates e cebola, sandía, plátanos tostadas, “rollitos primavera”…). O prezo por noite para dúas persoas, con almorzó incluído, foi de 16 dolares.

O noso primeiro día no lago realizamos un circuito en lancha motora para visitar mercados, plantacións de tomates, talleres de tecedeiras, mosteiros e pagodas, tomar algo vendo o precioso solpor…pasamos un día increíbel. Para abaratar a excursión, combinamos con tres persoas máis (a nosa amiga portuguesa, e uns novos amigos: un alemán e un austríaco moi riquiños), xa que nas barcas entran cinco e así saiamos máis a conta. Pagamos uns 3 euros por persoa pola embarcación, que partiu ás 8 da mañá e regresou por volta das 6 da tarde.

O único “malentendido” durante a nosa viaxe en barco foi a parada nunha tenda na que se “MOSTRAN” ás mulleres de pescozo largo. Evitar que esta tortura se converta nun reclamo turístico é importante, polo que optamos por ficar na porta e comentarlle amabelmente ás persoas que alí estaban a nosa postura en contra de torturar e mutilar os corpos das mulleres, e que non queríamos contribuir a perpetuar este tipo de violencia contra ás mulleres visitando a tenda nen sacando fotografías as rapazas.

O segundo día reparounos unha experiencia inesquecíbel. Contratamos un guía de senderismo para realizar un roteiro polas montañas que rodean o lago. Como chovera bastante o día anterior, o camiño estaba impracticábel e a ascensión fíxose realmente dura. O percorrido incluía a visita a algunhas aldeas pa-o (unha minoría étnica da zona), para finalizar no Mosteiro de Kuon Soun Taungbo, onde xantamos e desde onde observamos a grandiosidade do Lago Inle. O noso guía resoltou ser unha persoa realmente coñecedora do lugar, e con moitas ganas de saber sobre a nosa forma de vida. Preguntaba muito sobre como é vida na Europa, e non tiña reparos en falar da situación política do seu país (sempre deixando claro que a conversación non debía sair de alí, por suposto)…falounos da corrupción, dos abusos policiais, das tensións étnicas e relixiosas. Ao chegarmos ao mosteiro estabamos realmente agotadas fisicamente. Pola súa banda, o guía tiña forzas dabondo para facernos o xantar, e dispoñerse a iniciar a baixada, esta vez descalzo…Antes de deixarnos de volta no noso hotel, convidounos á súa casa, que viña de rematar de construir e da que estaba moi orgulloso. Fomos recibidos pola súa muller e filla, e convidados a té, doces e froita. Foi unha experiencia inexquecíbel, e unha familia marabillosa…

A xente é tan amábel que paga a pena que vos aburramos con outra anécdota. Unha das noites perdémonos na vila no medio dunha torrencial choiva nocturna. Pois ben, un home que iba en moto parouse e insistiu en levarnos ás dúas na súa moto até o hotel! E por suposto, non aceptou nin un pitillo!!

O noso periplo por Myanmar rematou cunha viaxe de 12 horas en bus entre o Lago Inle e Yangón. No aeroporto tivemos unha longa espera até coller o voo de volta a Bangkok, desde onde partimos por estrada cara Camboia, próxima parada da nosa viaxe.

Bagan

A viaxe de Mandalay a Bagan foi todo unha experiencia. No bus, que demorou máis de 12 horas en completar unha distancia de 200 quilómetros, conviviamos viaxeiras/os e mercadorías. O cheiro dentro era tremendo, non entrabamos nos nosos asentos, parte dos nosos compañeiros de viaxe estaban colocados e non deixaban de botar peidos e arroutos…En medio da noite, e nunha zona no medio da nada onde non había iluminación algunha máis alá dun marabilloso ceo estrelado…o bus avariouse. Durante dúas horas, acompañamos ao conductor e demais tripulación que, sentados no medio da estrada á luz dunhas lanternas, sacaron o motor e comezaron a darlle golpes cunha ferramenta irrecoñecíbel até que, non nos explicamos como, volvérono colocar e o bus arrancou. 




Bagan é unha chaira repleta de templos (seica 4.400). Case todos remóntanse á mesma época, en torno ao século XII. Este enclave arqueolóxico ocupa unha extensión de 42 km2, polo que querer visitar a totalidade das edificacións resulta completamente imposíbel. Nós combinamos varios transportes para facer a visita: camionetas locais que transportan á xente dunha localidade a outra, carros de cabalos, e muitos paseios a pé. O lugar é increíbel, e as vistas desde os templos aos que se pode, literalmente, “escalar”, impresionantes.

En Bagan durmimos tres noites en tres hoteis diferentes. A primeira noite nun hotel normaliño, a segunda foi unha homenaxe nun hotel moi bonito con piscina e todo, e a terceira fixémolo nunha “cuadra” perto da estación de autobuses, xa que partiamos ás 4 da mañá para o Lago Inle e só queriamos un lugar para deixar as maletas e botar unha cabezada.

Gostamos muito da gastronomía en Bagan. Ao ser un lugar turístico, hai variedade de lugares onde xantar. Nós fixémolo nun vexetariano que tiña un tofu riquísimo, e nun restaurante con ampla carta onde dimos boa conta dun menu indiano a base de sopa, chapatis e currys.

Mandalay


A nosa chegada a Mandalay foi un caos, despois de viaxar toda a noite, atopámonos con unha cidade parcialmente anegada, o que imposibilitaba visitar muitos dos lugares de interese. Choveu tanto pola mañá que decidimos retirarnos ao noso hotel (unha habitación no faiado dun edificio, con baño compartido, teito de uralita…horríbel!) a descansar e agardar a que escampara para proseguir o noso paseio.

Mercado

O máis espectacular da cidade é a ascensión á chamada Colina de Mandalay, unha subida que hai que facer descalza/o, e que ten como premio unhas espectaculates vistas desde o seu cumio, desde onde se observa a planicie sobre a que está construída a cidade, as montañas que a rodean, e o enorme río Ayeyarwady (anteriormente chamado Irrawady). Ao longo da ascensión, que leva perto de unha hora, numerosos monxes e estudantes acompáñante durante un anaco para poderen así practicar o seu inglés. Para nós foi tamén unha boa maneira de coñecer xente local.

Vistas desde a colina de Mandalay


Os arredores de Mandalay son moi coñecidos e visitados. Nós estivemos en dúas antigas localidades, Amapura e Sagaing. En Amarapura visitamos un enorme e colorido mercado, unha ponte de teca e un bonito bairro de tecedeiras. O mellor foi podermos asistir a un pwe, unha especie de obra de teatro birmana, medio drama histórico medio musical. Atopámolo sen agardalo, no medio do mercado. Os homes que participaban no espectáculo levaban unha borracheira tremenda, mentras as mulleres non deixaban de realizar ofrendas florais a Buda…Tamén gostamos muito de Sagaing, e das súas colinas coroadas de templos. Coñecimos tamén a parte máis rural do municipio, adentrándonos en pequenas aldeias onde os nenos e nenas non deixaban de sairnos ao paso e ficar sorprendidísimos ollando cara nós…nunca tal cousa viran!.

En Mandalay ceamos sempre no mesmo sitio, un posto de rúa perto do noso hotel rexentado por indianos, no que servían uns chapatis (unha especie de filloa que se molla nuns prebes picantes) deliciosos, e outros pratos de arroz e sopas a bo prezo. Non pagamos nunca máis de 5 euros por cear dúas persoas. O ambiente do local é xenial, as mesas son diminutas e ocupan parte da rúa, a clientela é toda local, e resulta mesmo difícil atopar sitio nas súas horas punta, sobre todo a partires das sete da tarde. A xente procedente da India está completamente integrada nunha Myanmar con maioría de xente de etnia bahamar. A outra gran minoría existente no país, a chinesa, semella non o estar tanto, e resulta máis antipática para a cidadanía birmana. No país conviven dúas grandes relixións, o budismo theravada, practicado pola maioría da populación, e o Islam, profesado por un 10%, con máis presenza nas principias cidades, onde a comunidade musulmana habita bairros enteiros entorno ás numerosas mezquitas.

Mandalay é a segunda cidade birmana en poboación con cerca de 950.000 habitantes aproximadamente (xa que non hai censo oficial desde 2005), e a primeira en número de monxes.
 En Tailandia xa nos chamara a atención o ritual despertino dos monxes recorrendo a cidade na procura de lismosna e comida. Os monxes tailandeses son moi diferentes  dos birmanos, estos últimos moito máis amables e cercanos.
Novicia


 Chamounos tamén a atención o impresionante número de monxas coas que nos cruzamos, especialmente novicias co seu cuenquiño (moi similar ao que utilizan os seus compañeiros masculinos) e descalzas, tamén na procura de cartos e comida....

jueves, 1 de septiembre de 2011

Birmania/Myanmar


Imos con retraso nas entradas do blog, mais este acolledor país non permite o libre acceso ao noso blog...
Así que desde Camboia apuntamos os post das cidades visitadas noutro país con dous nomes...

A nosa chegada a Yangon agardounos no aeroporto o amábel persoal do hotel que tiñamos reservado para as dúas noites que pasamos na antigua capital do país, o Motherland Inn 2. Metéronos nun microbus do máis pintoresco e leváronos de ruta pola cidade antes de achegarnos ao hotel. Este hotel/pensión é moi recomendábel. Vante buscar ao aeroporto, as habitacións están limpas en comparación co que se ve por aquí, e o almorzó vai incluído, todo por uns 13 euros a habitación doble. Ao chegar á tardiña, deixamos as maletas e dirixímonos ao centro de Yangón camiñando para trocar moeda e cear algo. No vestíbulo do hotel coñecimos a unha rapaza portuguesa que viaxa soa pola zona e viuse connosco. Falamos no noso idioma despois de varios días, e comprobamos máis unha vez, que “a nossa língua é mundial”, e que nos relaciona con millóns de persoas polo mundo adiante. Por certo que a rapaza caeunos moi ben e coincidimos con ela noutras paradas da nosa viaxe por Myanmar.

As primeiras sensacións ao pasearmos polas rúas da cidade son as de atopármonos nun lugar extremadamente pobre, sen os principais servizos básicos que debera ter unha cidade destas dimensións (5 millóns de habitantes). As estradas están destrozadas, as beirarrúas ou non existen ou están completamente anegadas, case non hai alumeado público, amoréase o lixo, os animais andan soltos pola rúa (pitas, vacas…). Semella que fas unha viaxe cara atrás no tempo….os homes vestidos cos seus tradicionais longyis (saias), mascando todo o día betel,unha folla rechea de noces, tabaco e outras cousas que lle dan sabor…un estimulante que produce euforia, con componentes alucinóxenos, mais que en doses elevadas produce sedación. Nós probámolo nunha ocasión, estás salibando durante unha hora e cuspes un líquido vermello… ao tomarmos só unha dose, non notamos os efectos…

Kyats trocados no mercado negro

Betel


Para conseguir trocar dólares a un prezo aceptábel, tivemos que probar no mercado negro. Non resulta moi complexo. Hai que deixarse ver por algunha zona comercial, e se ninguén ofrece a posibilidade de trocar, preguntarlle directamente a algunha persoa local, preferentemente home, polo asunto. A nós levounos un dos camereiros do bar onde ceamos a outro local onde nos trocaron dolares por kyats a un prezo razoábel, moi superior ao “troco oficial”. A operación é surrealista, xa que as persoas locais non lles vale calquer billete, teñen que ser billetes novos, inmaculados….e tes que ir sacando billete a billete até que atopan un que lles vale. A sensación é estraña, porque non sabes realmente cantos cartos levas no peto, xa que dependendo do estado do billete, de que sexa un billete de cen dólares ou non, ou da cidade na que te atopes, ou da persoa con quen des…o troco é diferente…ao que se une que podas ter no peto muitos billetes de dólar que aquí ninguén queira por estaren pintados ou minimamente arrugados….todo esto nun país no que non existen os caixeiros automáticos…

Ao día seguinte visitamos a maravillosa Shwedagon Pagoda, coa súa famosa agulla de ouro, probabelmente a stupa máis impresionante de todo o sudeste asiático. Xa pola tarde, paseamos por rúas e mercados, e pola zona do peirao. O paseio foi duro debido á intensa choiva que nos acompañou toda a xornada. En Myanmar pódese decir que coñecimos realmente a dureza da estación húmida, xa que en Tailandia chovéranos máis ben pouco. A choiva aquí é ben diferente, é como se te botaran un balde de auga por riba, e os chuvasqueiros pouco fan. O bo é que coa calor que vai secas pronto…

O terceiro día visitamos algunhas pagodas polo centro e descansamos no noso hotel, desde onde reservamos o billete do autocarro nocturno para a nosa seguinte parada, a segunda cidade do país, Mandalay. Aproveitando que dúas persoas aloxadas no hotel tiñan billete no mesmo bus, compartimos taxi con elas até a estación de autocarros, unha auténtica cidade dentro da propia Yangón, con edificios dentro, numerosos bares, un traxín increíbel de xente, incontábeis buses…unha “loucura”…

O taxista que nos levou foi a primeira persoa local que nos falou abertamente da situación política do país. Foi moi crítico co goberno do desgoberno. Pareceunos un pouco sorprendente a escasa presenza policial e/ou militar nas rúas, pero o taxista aclarounos que “que nos nos os viramos non significaba que non estiveran”. Parece ser que o goberno opta pola policia secreta e informadores “civis” que denuncian as súas veciñas e veciños ante calquera mínima crítica ao goberno de Thein Sein. A situación política é lamentable… para máis info: http://www.amnesty.org/es/region/myanmar/report-2010

Rangún/Yangon a pesar de ser a cidade con máis habitantes, xa non é a capital do país desde o 2005. É moi curioso que a maioría dos habitantes de Birmania non saben que Yangon xa non é a capital. Os motivos do cambio da capital son... delirantes! 
Sobre o tema, atopamos este interesante artigo: http://www.ub.edu/geocrit/b3w-753.htm
que merece a pena ler.
Ademais o artigo sinala outros estrafalarios (por chamarlles de algún xeito) feitos acaecidos nos últimos anos da historia birmana, como por exemplo, o día que Ne Win, gobernante entre 1962 e 1988, decidiu cambiar toda a moeda local a billetes multiples de 9, deixando na ruína a toda a cidadanía, xa que os billetes anteriores perderon todo o seu valor dun día para outro... 



Shwedagon Pagoda