En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

lunes, 10 de octubre de 2011

Hanoi

A nosa estadía na capital dividiuse en dúas etapas, unha antes de visitar Sapa e outras após desta viaxe ás montañas do norte do Vietnam.

O noso primeiro día en Hanoi, no que celebrábamos un dos nosos aniversarios, fomos xantar a un recoñecido restaurante local, con chef francés. Ao irmos á hora do xantar, o prezo non foi alto, grazas aos menus económicos dos que goza a diario unha clientela composta por occidentais desprazados e vietnamitas con nivel económico medio-alto . Comimos gazpacho, carpaccio de vitela, ensaladas, sobremesas…estivo ben este oasis de cociña mediterránea no Vietnam, aínda que neste país faise menos necesario do que noutros, xa que a gastronomía vietnamita está, ao noso entender, moi por riba que as dos seus veciños.

Instalámonos na parte vella da cidade, perto do lago Hoan  Kien e da catedral de Santo Xosé, onde existe unha ampla oferta de hostais para persoas con orzamento apretado.  Unha das noites que pasamos aquí tivemos a sorte de durmir nunha habitación de auténtico luxo (cama redonda, baño enorme, plasma, dvd, computador con acceso a Internet, café de balde…), grazas a unha xenerosa rebaixa no prezo despois da habitual negociación. A rebaixa chegou ao 150 %...neste país nunca se sabe onde está realmente o prezo real das cousas.


Nunha das nosas numerosas “pateadas” pola cidade, visitamos o Templo da Literatura, exemplo da arquitectura tradicional vietnamita do século XI que albergou a primeira universidade do país; o Museo das Mulleres, cun transfondo bastante patriarcal mais cunha sección sobre o papel das mulleres na guerra impresionante; e o Museo de Historia, que fai un repaso da historia local desde a prehistoria até o século XX, con especial atención aos periodos Cham e dos emperadores da dinastía Nguyen.

Percorrer o Complexo do Mausoleo de Ho Chi Minh levounos toda unha mañá. O Museo Ho Chi Minh resulta sorprendente, coa súa mistura entre documentación histórica sobre a vida do “Tio Ho” e arte vietnamita contemporánea cargada de “simbolismo revolucionario kitch”. Non poidemos ver o corpo embalsamado de Ho Chi Minh, xa que seica por estas datas, e durante tres meses ao ano, pasa unha temporada en Rusia para a súa correcta conservación. Perto do complexo está o Palacio Presidencial, antiga residencia do gobernador da Indochina, e na mesma propiedade, e muito máis austeras, as dúas vivendas que ocupou Ho Chi Minh na súa etapa como presidente do Vietnam.


Unha das experiencias máis sorprendentes da cidade é observar (ben á mañá moi cedo  ou á noitiña) á xente practicar deporte arredor do lago Hoan Kien. Non hai nada mellor que comprarse algo para almorzar e sentarse nun dos bancos ollando para unha multitude de persoas de todas as idades (mesmo paisanos e paisanas de 90 anos) practicando tai-chi, ximnasia deportiva, diferentes artes marciais, facendo pesas…tamén cabe a posibilidade de exercitarse con eles e elas…houbo quen practicou tai-chi cun grupiño de mulleres maiores…

En Hanoi aistimos tamén a un espectáculo teatral de marionetas de auga. Non gostamos muito del, sobre todo da parte musical do mesmo. En xeral demasiado turístico, a pesares de ser representado por membros da compañía municipal desta arte tradicional vietnamita..

Uns dos días que pasamos en Hanoi adicámolo a visitar a famosa Bahía do Halong. Como sempre comentamos, non gostamos muito das excursións organizadas, mais a bahía fica lonxe da capital e chegar alí resulta complexo e caro por conta propia. A excursión inclúe a traslado en autobús até a cidade de Halong, un percorrido en barco polas numerosas illas da bahía, o xantar no propio barco e, no noso caso, un tempo para percorrer a bahía pola nosa conta en kayak (dicer que non se nos deu especialmente ben a actividade,..meso chegamos a ter serios problemas para sortear un barco que se cruzou no noso camiño). Declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO, o lugar resulta impresionante, con máis de tres mil illas cheas de grutas. Especialmente recomendábel é a visita á cova de Thien Cung, que hai que facer a pé.

Remata a nosa viaxe polo Vietnam, país do que gostamos muito, e ao que agardamos algún día volver...
 

Sapa


Ao chegarmos a Hanoi, tiñamos por diante perto de 376 kilómetros para gozar dun dos destinos máis agardados: Sapa, unha vila rodeada por enormes montañas habitadas por varias étnias minoritarias. Sapa está a uns 1.200 metros de altitude e ten uns 36.200 habitantes (segundo a Lonely Planet).
En Hanoi, todas as axencias de viaxes ofrecen tours organizados para visitar Sapa, mais nos decidimos ir pola nosa conta, e aínda que economicamente tampouco é que aforrasemos muito, a experiencia foi estupenda.
Para chegar até Sapa optamos por reservar dúas literas de cama branda no tren público, cun prezo total de 840.000 VND. Ao coincidirnos fin de semana non ficaban prazas libres para volver o domingo no tren público, así que tivemos que ir a Ratraco, unha compañía privada que opera no mesmo tren cun vagón específico. É curioso o sistema do trens vietnamitas, xa que no mesmo tren atópanse vagóns públicos e privados, operados por distintas empresas, uns atrás dos outros. A diferenza de calidade entre unha cabina e outra é considerábel, é economicamente só custa 5 dólares máis, polo que ir ao barato ao final case sempre sae caro…
As 06.30 da mañá o tren deixounos en Lao Cai, unha pequena vila a 38 km de Sapa. E desde alí (sen almorzar nen nada!) en autobús unha horiña máis. Menos mal que en Sapa agardaban dous cafés quentiños e dous sandwiches xigántescos de xamón e queixo!!
Acostumados xa a calor, a temperatura de Sapa foi un refrescante descanso! Despois dun mes e medio, por fin conseguimos sacar o polar da mochila.

O primeiro día fomos de paseo pola vila e até a veciña aldea de Cat Cat.

Nos blogues que consultamos antes de chegarmos a Sapa, había unha “conclusión unánime”: todo o mundo destacaba a excesiva impronta turistica da vila, e a verdade é que todo aquí está orientado ao turismo. Hai centos de tendas con roupa de montaña de imitación das marcas máis coñecidas, e souvenirs elaborados polas mulleres dos asentamentos das étnias minoritarias. Elas baixan á vila para intentar vender ás e aos turistas os seus produtos, mais son tantas e ás veces tan insistentes que provocan certo caos, e aínda que a nós parecéronnos adorábeis, entendemos que poidan chegar a cansar. Moito rimos durante unha romántica cea, á luz das velas, con unha delas vendo para nós coa súa cara pegada ao cristal da xanela que tiñamos ao carón da nosa mesa. Estivo polo menos unha hora e media, que foi o que tardamos en cear, sen despegaren un milímetro a súa face do cristal.

Semella que o goberno intenta regular a situación, pero ao mellor non o fai todo o ben que debera, porque ao chegarmos vimos unha pequena liorta entre as mulleres da etnia H’Mong e a policia. Mais tanto polo noso rudimentario inglés, como polo das habitantes de Sapa, non conseguimos saber moi ben cal é a situación real. O certo é que as relacións non son boas entre unhas minorías étnicas que non se identifican como vietnamitas e protestan polo que consideran un veto ao seus produtos artesanais por parte da policia en favor das tendas da vila (rexentadas por vietnamitas), e o goberno de Hanoi.

Nos arredores de Sapa viven seis etnias: a Mong, a Dao, a Kinh, a Tay, a Day, e a Xa Pho. É sorprendente velas (xa que son elas as que maioritariamente levan as súas roupas tradicionais) cando de súpeto sacan o teléfono móbil do cesto! A mistura entre modernidade e tradición semella atopar un equilibrio envexábel nestas culturas.

O paseo pola vila foi moi entretido, especialmente no mercado, onde nos sorprenseu especialmente a venda de can. Sí, había can a venda como alimenticio.

Despois do paseo, achegámonos até Cat Cat. Está moi perto e hai moitas indicacións para chegar. Ademais, o camiño é de pedras, co que é imposíbel perderse. Ah! Cobran entrada, mais paga moito a pena, xa que o camiño é precioso. Durante o traxecto, ademáis de ver casas “reconvertidas” a tendas de souvenirs, alucinamos cos balcóns escarbados nas montañas para as plantacións do arroz. O que pode chegar a facer o ser humano!! (aquí hai que dicir, que vimos o traballo de preparación do balcón ou terraza in situ, e as que alí traballaban eran todas mulleres).
Tamén pasase por unha ponte chulísima, que remata ao carón dunha fervenza moi xeitosa.

Unha das nosas guías coa sobriña no campo de arroz
O segundo día fixemos un trekking un pouco máis largo. No canto de contratarmos un guía, como fan a maioróa dos turistas, negociamos directamente con dúas mulleres H’Mong. Con isto aforramos que viñeran seis ou sete mulleres detrás nosa (como pasaba coa maior parte dos turistas que por alí andaban), e a experiencia foi moito máis auténtica. Convidaron a xantar na súa casa, espigamos arroz coa familia, ademais de outras muitas curiosidades sobre as súas vidas.


Durante o trekking (ou máis ben teríamos que chamalo “paseo”) visitamos tamén o lugar de de Tá Van, habitado polas etnias Dao e H’Mong. Sorprendeunos a igrexa católica tan curriña que tiñan alí.

Moita xente queíxase de que os trekkings son demasiado suaves. Nós, após telo lido en tantos blogs, non albergábamos demasiadas expectativas sobre facer un trekking explosivo, así que o paseo foi máis que gratificante, tanto polas nosas compañeiras de montaña, como polas vistas e as xentes que alí viven.

Foi un día inolvidábel.

Gastronomía

Sapa tamén foi un paraíso gastronómico. Desde o chocolante quentiño á noitiña, que prestaba despois das camiñatas, cando xa o frío entrara no corpo, até o pato “á moda da casa” con toques de xenxibre.
Foi curioso (ademais do can que non quixemos probar) a variedade de galiña negra que teñen en moitos dos postos de barbacoas que rodean a praza principal.

Mais sen lugar a dúbidas, o xantar máis rico foi ao que nos invitaron as nosas guías na súa casa: un maravillosos tofu con tomate, tortilla francesa e noodles. Tardamos unhas dúas horas en comer, xa que houbo que facer lume para poder cociñar e levou o seu tempo. Mentras as mulleres cociñaban (non quixeron a nosa axuda) nós xogamos coas meniñas da aldea.