En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

domingo, 13 de noviembre de 2011

México DF

Após superar numerosas peripecias, dimos chegado a México DF. Aos problemas coa VISA norteamericana relatados no post anterior houbo que engadir que a compañía coa que voábamos, American Airlines, non deu topado a nosa reserva até minutos antes de fechar o embarque. E para darlle máis emoción, no noso transfer en Chicago, case ficamos en terra ao ter que pasar un control especial por mor da “puñetera” VISA.

No avión de Chicago a México DF (unha auténtica tartana), xa se respira ambiente latino, señores cos típicos chapeus mexicanos, mulleres con centos de bultos que non dan entrado nos compartimentos…

O noso hotel, o Hostal Catedral, resultou ser un lugar agradábel e limpo (cecais con algo de ruido nocturno de máis). O mellor de todo é a súa localización, xusto detrás da Catedral e da Praza do Zócalo. As terrazas con vistas a esta praza nas que descansar, o seu bar na azotea con comida de primeira e os seus almorzos tipo buffet fan deste hostal un lugar que recomendamos para ficar en México DF por poucos cartos.

Zócalo

Dado o limitado do noso tempo na cidade polos problemas co noso paso polos EEUU, tivemos que priorizar os lugares que visitar. Após instalarnos, dirixímonos a pasear polas rúas comerciais próximas de Francisco Madero e 5 de Mayo, que unen a Praza do Zócalo coa Alameda Central e o Palacio de Bella Artes. Neste paseo atopámonos cuns rapaces que estaban a rapear na rúa. Eran moi bos, dando uns recitais de beat box incríbeis, mais non parecían despertar muito entusiasmo entre os e as transeuntes. A cultura hip-hop ten unha presenza importante nas rúas da capital mexicana. Outro día asistimos a un espectáculo de breakdance impresionante nun recuncho do Zócalo.

Adicamos unha mañá a visitar o museo de Frida Kahlo, sito na casa azul na que Frida conviviu con Diego Rivera e pola que pasaron tantas personalidades do mundo da arte, da política ou intelectuais. O museo, sendo pequecho, resulta interesante, cunha xeitosa selección da obra da artista. A casa, en torno a un agradábel patio, é preciosa.

Casa Museo de Frida Kahlo

Após visitarmos o museo de Frida dirixímonos ao de Diego Rivera Anahuacalli. O edificio, diseñado polo propio autor (finou antes de terse rematado) para que fose a súa casa, estudo e tumba, é unha espectacular piramide construida con pedra volcánica. O museo alberga parte da enorme colección de arte precolombina de Rivera, máis de 3.000 pezas, ademais de bosquexos e obras do artista. A finca onde se ubica o edificio, con variedades de flora e fauna local, é un espazo verde con moito potencial. Mágoa que as autoridades e a fundación que dirixe o museo non lle outorguen a atención que merecen tanto o lugar, como a figura do polifacético artista. As salas están invadidas por excéntricas obras de arte contemporánea que ocultan e desvirtuan o espazo museístico orixinal, facendo que mesmo parte da obra e dos obxectos persoais de Rivera sexan trasladados a un faiado para deixar espazo “a novos artistas”. Ademais preténdese acometer unha reforma do edificio que anulará un dos espazos que dotaban de equilibrio arquitectónico e artístico á  súa construcción. Durante a nosa visita, o guia queixouse amargamente desta situación. Dicer que no percorrido só estabamos catro persoas: unha parella de profesores mexicanos, que nos fixeron aprender moito da historia, tradición, e situación politico-social do pais, e nós.

Os museos de Frida e Diego están en Coyoacán, un bohemio barrio con rúas estreitas, bonitas prazas, cafés, postos de artesanía, e numerosa presenza de artistas. No medio da praza principal instalouse unha acampada de indignadas/os mexicanas/os. Sentámonos un anaco a escoitar unha das súas asembleias, concretamente trataba a problemática do transporte público na capital e os intereses especulátivos asociados á construcción de novas autovias. As intervencións foron moi críticas co goberno local, en mans da esquerda institucional, o PRD.

En Coyoacán visitamos tamén o parque de Frida Kahlo, un agradábel lugar onde puidemos asistir a un ensaio dunha compañía de danza local, e falamos tamén con familiares dun grupo de estudantes méxicanos asasinados por un bombardeo do exército colombiano cando visitaban un campamento das FARC no Ecuador. As familias, que tiñan un posto informativo no parque, solicitaban protección ao goberno mexicano para a única supervivente do bombardeo, hoxe na clandestinidade, ao recair sobre ela unha orde internacional de detención por participar en supostas actividades terroristas.

Deunos a impresión que o goberno mexicano, coa excusa da loita contra o narcotráfico e a inseguiridade cidadá, está a instalar un estado de excepción contra todo o que altere a orde estabelecida. Son frecuentes os asasinatos de estudantes de esquerdas, membros de movementos sociais, labregas e labregos defensoras/es da terra, etc., a mans das forzas de seguridade do Estado ou de grupos “irregulares ou paramilitares”.

A verdade é que ler os xornais mexicanos é arrepiante. Abundan os espeluznates e numerosos feminicidios nas portadas dos xornais, tiroteos, asasinatos… A pesar da gravidade dos caso, e da violencia que se vive, os xornais son tremendamente sensacionalistas, empregando nas portadas fotos dramáticas do “cadaver do día”.

Respecto ao tema da seguridade, comentar que nos non tivemos problema algún, si ben tomamos as lóxicas medidas de prevención, como non pasear polas noites por barrios problemáticos ou cousas así. Nos lugares turísticos, a presenza policial (armada e con chaleques antibalas), é impresionante.

Volvendo a nosa estadía, dicer que na zona centro percorrimos, a maiores do Zócalo e a Alameda, a Praza das Tres Culturas, a Praza de Garibaldi (cos seus centos de mariachis), e as rúas entorno á Praza de Santo Domingo (nas que atopamos un enorme “feirón”)

Desde a cidade desprazámonos en autobús para coñecer Teotihuacán, a visita arqueolóxica por excelencia do país , e que foi unha das cidades prehispánicas máis importantes de América. As dimensións do recinto son increíbeis, e as vistas desde o alto das súas enormes Pirámides son espectaculares.

Día de Muertos/as
Para completar a nosa experiencia en México DF temos que facer referencia á celebración do “Día de Muertos”, coincidente coa nosa estadía na cidade. Os preparativos da celebración son sorprendentes, as rúas engalánanse con calaveras e esqueletes, as casas e edificios públicos énchense de ofrendas, unha especie de altares onde se ofrecen alimentos ou presentes ás persoas finadas (moi bonita a adicada a Diego Rivera no seu museo). As persoas vivas agasallan a familiares e amizades mortas neste día, e mesmo van xantar ás tumbas dos cemiterios. Resulta moi entretido visitar os mercados e observar como familias enteiras fan compras de diversos obxectos relacionados coa morte para celebrar unha data tan sinalada.

Como curiosidade da nosa estancia en México DF, dicer que unha noite, ao noso regreso ao hostal, atopámonos cun concerto de Pablo Milanés no Zócalo, unha actividade de balde coa que non contábamos.

Gostamos de todo o que probamos da gastronomía mexicana: quesadillas, tacos, enchiladas, nachos, guacamole, carne arrachera…Unha boa solución para comer por pouco diñeiro e dirixirse a un mercado e xantar nun dos postos de “comidas corridas” (os nosos menús do día). No mercado de Coyoacán comimos dúas cremas de queixo, dous pratos de arroz con mole, tortitas con guacamole e verduras, unha de tacos e unha de quesadillas, con auga de frutas para beber…todo por catro euros!.

Ficamos encantados da nosa breve visita a México DF, e agardamos poder voltar no futuro para coñecermos mellor e máis en profundidade a cidade e outros lugares do fascinante estado mexicano.

Próxima parada…Perú.

No hay comentarios:

Publicar un comentario