En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

sábado, 5 de noviembre de 2011

Shanghai

Por mor dos diversos inconvintes que pasamos en Hong Kong (tifones, Día Nacional da China, etc…) tivemos que retrasar a nosa chegada a Shanghai un par de días. O cambio de voo foi relativamente doado, inda que obviamente tivemos que pelexar un pouquiño xa que o persoal de Iberia nunca pode solucionar as cousas á primeira… E todo isto tivo un final feliz: unha viaxe en primeira clase Hong Kong – Shanghai. Durante a viaxe servíronnos un marabilloso viño francés, ensaladas, queixo manchego e xamón serrano Ah! e tamén un magret de pato con verduritas e gnocchis. O postre foi un xeado riquisimo, e por suposto non puidemos resistir pedir un Porto para rematar a cea!
Bund
A primeira nova positiva á nosa chegada a cidade máis poboada da China, foi atoparnos un hotel limpo e confortábel, e cunha localización envexábel perto do Bund, a fachada ribeireña máis coñecida de Shanghai.
As nosas primeiras horas adicamolas a percorrer o Bund e a nova zona de Pudong. O contraste entre estas dúas ribeiras do río Huongpu resulta sorprendente. Por unha banda o Bund, cos seus maxestuosos edifícios estilo Nova Iorque, comezos de século e fronte a el Pudong, cos seus rañaceos futuristas. Dicer que para cruzarmos dunha beira á outra, collimos un tren que atravesa o río por un túnel soterrado cheio de luces psicodélicas (unha turistada…).
Pudong
Unha das nosas mañas na cidade adicámola a coñecer os xardíns e o bazar de Yuyuan. Os xardíns son unha boa mostra do paisaxismo chinés, cos seus estanques de auga, recunchos adornados exquisitamente con pedras e xazmíns, acolledores pavillóns…O lugar foi creado no século XVI por unha adiñeirada familia de funcionarios da dinastía Ming, e hoxe é un dos principais reclamos turísticos de Shanghai. O bazar circundante resulta un tanto agobiante, sempre repeleto de miles de turístas chineses (e algún que outro turista occidental) na procura de souvenirs. Nós aproveitamos a nosa visita para xantar nun económico restaurante xaponés de shushi.
Xardíns de Yuyuan
Após xantarmos, paseamos até o parque de Renmin, e a praza do Pobo, espazos axardinados e moi ben coidados para o esparcimento e o lecer. Neste agradábel entorno atópase entre outras moitas opcións museísticas, o museo de Shanghai, coas súas variadas coleccións de arte chinesa. A visita, de non ser unha persoa moi interesada na materia, resulta un tanto aburrida.

Da praza do Pobo, dirixímonos á sede do Primeiro Congreso Nacional do Partido Comunista Chinés, un pequeno edifício reconvertido en museo, e cousas desta “nova China”, rodeado de tendas das primeiras marcas do mundo capitalista. No museo pódese observar, vixiados/as de perto pola policia militar, a mesa e as taciñas de té polas que beberon Mao e compañía en data tan sinalada.

Shanghai, ou polo menos a zona centro, non se diferencia moito de calquera cidade occidental: comida basura americana, roupa de marca, e luces de neón…Na rúa East Nanjing a principal arteria comercial da cidade, mesmo se pode coller un tren chu-chu para a atravesar de estar agotado/a de tanta compra. 

Máis interesante que comprar en Gucci ou Louis Vuiton resulta achegarse ao complexo de galerías de arte contemporánea de Moghansan, situado nuns antigos edificios industriais, e onde se pode curiosear entre un montón de coleccións de pintura, escultura e posters comunistas.

Paseamos tamén polas rúas da denominada “concesión francesa”, un barrio residencial con bonitas avenidas arboladas, coidados restaurantes , tendas de deseño onde se xunta o máis in da sociedade local cos e coas turístas e desprazadas/os occidentais.
Moghansan Art Center

Para descansar da gran cidade, visitamos nunha maña a antiga vila de Qibao, un lugar que prosperou durante as dinastías Qing e Ming, e que hoxe foi absorbida pola enorme crecemento de Shanghai. A vila está chea de casas tradicionais, rúas estreitas e canais. Mágoa que o lugar estivera ateigado de turistas, maioritariamente chineses. Ao estarmos en plena temporada de vacacións chinesas este risco córrese en todos os lugares de interés.

Desde Shanghai desplazamonos tamén até Shuzhou, nun tren de cercanías que alcanzou os 290 km/h e que chega até Nanjing. O motivo da viaxe foi coñecer Tongli, unha pequena vila a dezaoito km de Shuzhou que conserva abundante arquitectura tradicional de China. A visita a este lugar parécenos imprescindíbel de viaxar a Shanghai (ver album de fotos no facebook). Como curiosidade dicer que Tongli alberga o interesante Museo Erótico, un repaso pola sexualidade chinesa a través da historia.

En xeral, gostamos moito da mistura entre tradicción e modernidade que agochan Shanghai e a súa contorna. Ficamos sorprendidas polo seu dinamismo e a súa puxanza como centro financieiro e da calidade de vida que respiran os seus barrios máis céntricos, se ben, somos conscientes de encontrarmonos nun lugar que non reflexa a pluralidade de realidades dun estado da dimensión do chinés. Agora toca o Xapón, onde estaremos uns días na súa capital, Tokio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario