En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

sábado, 12 de noviembre de 2011

Xi'an e os Guerreiros de Terracota





Para chegarmos a Xi’an desde Pingyao en tren, vivimos unha desas experiencias inesquecíbeis que agochan este tipo de viaxes. Ao estaren esgostados os billetes en litera, tivemos que viaxar nos vagóns xerais con asentos duros. Éramos conscientes, por outras experiencias en Asia, do que podía suceder na viaxe. Mais as nosas peores expectativas pronto se viron superadas. Os billetes en cuestión non teñen asento reservado (chamámoslle asento a un banco), polo que hai que pelexalo cando subes ao vagón. Nós perdimos a batalla e o primeiro tramo da viaxe (a viaxe de Pingyao a Xi’an ten unha duración de dez horas) fixémola de pé. No vagón, o cheiro era nauseabundo, unha mistura entre suor rancio, lixo orgánico e tabaco. Polo menos finalmente puidemos sentar despois dun par de paradas.

Nos trenes chineses fúmase, cómense, e tíranse pipas e outros restos de comida no chan… todo un exemplo da solidaridade entre viaxeiras/os, de cidadanía e de civismo.
Xi’an, antigo punto de partida e chegada da ruta da seda, e capital de varias dinastias chinesas en diferentes periodos, é hoxe unha enorme cidade de máis de tres millóns de habitantes, se ben conserva parte do seu encanto pasado nomeadamente coas súas impoñentes murallas e o seu barrio musulmano. E na súa contorna, alberga o famoso Exército de Guerreiros de Terracota e as tumbas imperiais.

O noso hotel en Xi’an foi un “remanso de paz”, despois dunha viaxe tan axitada. A pesares de ter reservado dúas camas nun cuarto compartido non apareceu ninguén  por alí até o último momento, no que chegaron dúas rapazas españolas ao cuarto. O edifício do hotel é espectacular con diferentes patios interiores, sofas onde descansar e botar un pitillo, e un bar cunha cociña excelente.


Do que máis gostamos na cidade foi do barrio musulmano, coas súas rúas ateigadas de “puestitos” de comida, e as típicas tendas de produtos de imitación. Comimos un típico prato a base de cordeiro de Xi’an, noodles feitos ao momento, e varias sobremesas musulmanas. Faltounos por probar a sopa con pan…o estómago xa non daba para máis!

Ao non contarmos con demasiado tempo en Xi’an, e ter algo de cansanzo e preguiza, decidimos visitar o Exercito dos Guerreiros de Terracota a través dunha excursión organizada desde o noso hotel. A verdade é que costa imaxinarse un exército soterrado a tamaño real, con miles de soldados, carros e cabalos. Este achado arqueolóxico descuberto recentemente (1974) aínda está por descubrir na súa totalidade, incluíndo as tumbas reais próximas ao mesmo. As dimensións do recinto impresionan, e si ben na segunda e terceira fosa que se visitan non son muitos os guerreiros que se poden ver, a primeira das fosas alberga 5.000 guerreiros aliñados en formación de batalla, unha imaxe realmente impactante. Ao longo dos espazos accesíbeis para as persoas visitantes existen distintas vitrinas onde poder ollar de perto figuras de guerreiros perfectamente restauradas. Nós gostamos muito desta visita, e tamén do económico xantar con variedade de pratos tradicionais incluído no noso tour.

No hay comentarios:

Publicar un comentario