En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

viernes, 11 de noviembre de 2011

Tokio

Ao coller o tren desde o aeroporto cara o centro de Tokio tivemos unha rápida inmersión no Tokio que íamos atopar: toda a xente facía unha rigurosa e correcta fila para entrar, e todo o mundo baixou e subiu do tren dun xeito increibelmente ordeado. Xa no interior do vagón tivemos unha segunda estampa de Tokio: unha avoa sentada ao noso carón, ía compartindo co seu neto segredos e consellos para pasar de nivel nunha partida aos “marcianitos” nunha desdas consolas de man tan de moda (sentímolo pero non lle sabemos o nome, somos da época da Game Boy, e de aí xa non pasamos). Era envexable con que interés e entusiasmo collía a avoa a partida, e con que rabia lle pasaba a consola ao neto cando perdia.

Exemplo da normalización tecnolóxica xaponesa

Coas bromas chegamos un pouco tarde ao hotel, e ás 05.00 érguemonos para visitar a lonxa de Tsukiji, onde se subastan atúns xigantescos…
O caso é que non tiñamos cartos cambiados a Yens, así que non podiamos nin coller o metro para chegar até Tsukiji. Levounos dúas horas atopar un caixeiro. Sorprendeunos bastante a escasa presenza de oficinas bancariais e de caixeiros, nun país tan consumista como é Xapón. Finalmente atopamos un nun Seven Eleven, e o primeiriño que fixemos ao ter cartos foi comprar dous “Nescafes” de lata. Coido que ante a falta de cafés normais, fixemonos adictas ao Nescafé frio de lata, pois é o noso almorzo habitual desde fai polo menos 15 días. A verdade é que despois do segundo, xa pensamos que non están tan mal…
 
Atúns conxelados
E despois do café, xa puidemos coller o metro para achegarnos até a lonxa, mais foi un intento fallido pois cando por fin entramos na lonxa eran as 08.00 da maña, e xa non había nada de ambiente.
De todos xeitos, dimos un paseo polo mercado e polos postos de comida para meter algo quente no corpo depois do madrugón e das carreiras.

Ao ter tan pouco tempo, descartamos totalmente a idea de descansar un pouco, e valientemente fumos pasear polas rúas de Ginza, un barrio comercial onde se ubican as tendas das marcas máis caras e centros comerciais moi completos. Neste barrio, ademais de ir ver a Gozilla, visitamos o edificio de Sony, onde puidemos ver claramente como serán os seráns familiares en menos de cinco anos. Nunha sala, ofrecenche ver o trailler do filme do Capitán Araña en 3D cunhas gafas minúsculas. A calidade da imaxe deixounnos totalmente anonadados. É tan espectacular que supoñemos que estarán en todas as casas en menos de nada!
E despois desta experiencia tan tecnolóxica fumos ao Xardín Imperial, que nos serviu para botar unha siesta no campo cando as pernas xa non podían co corpo.
Nun longo paseo despois da siesta, visitamos os edificios gubernamentais. Chamounos moito a atención a casa do Presidente xaponés, un edificio de liñas moi simples, que aparenta ser moi transparente, cunhas enormes cristaleiras. Supoñemos que xustamente esa parte tan visibel para a cidadanía non será a parte máis habitada da casa, pois sería impactante ver ao Presidente e a súa familia en pixama polas mañas…
Perto dos edificios gubernamentais está a Biblioteca Nacional, o Teatro nacional (de estilo occidental), o Tribunal Supremo, e numerosos parques aos que xa non puidemos achegarnos polo apretado da nosa axenda.
E non tan perto está a zona das librerias: Jimbocho, mais a siesta nos deu ganas de andar así que desde a Biblioteca nuns vinte minutos (ou un pouco máis) puxemonos en Jimbocho. Hai un montón de librerías, sobre todo con libros de segunda man. Por suposto non mercarmos nada, xa que todo estaba en xaponés!
O seguinte punto de parada no trekking urbano por Tokio foi Akihabara, onde se concentran as tendas de electrónica e o manga. Atopamos moitas rapazas disfrazadas repartindo flyers, mais non tiñan demasiado interés en darnos ningún a nos, polo que ficamos sen saber que é o que anunciaban.
Para cear nada mellor que un bento de oferta! Nos centros comerciais a eso das 20.00, cando xa non van vender moito máis, poñen a comida super reibaixada, co que nos dimos un luxo e mercamos shushi, e outros manxares preparados por cociñeiros de renome.
Chegamos ao hotel ás 23.30, totalmente destrozadas, pero coa ilusión de erguernos outra vez ás 05.00 e, esta vez sí, chegar a tempo á subasta do atún.
E chegamos. Como non dispoñiamos de moito tempo (e o día anterior xa pasearamos de abondo), mercamos dous pases de día para poder coller todos os metros que nos fixeran falta. Costan uns 10 euros e amortizase rapidamente, pois o metro en Tokio (como todo) non é nada barato.
O caótico ámbiente dos traballadores (case non había ningunha muller) non deixaba de ser ordeado. Todo funcionaba correctamente, sen aparente estrés ou nerviosismo.

Despois da visita á lonxa, collimos un metro a Ueno un enorme parque, cun lago precioso.

Foi a segunda vez que vimos unha estampa que nos deixou, como dicilo…, totalmente perplexas: un señor paseaba aos seus dous cans nun carrito para bebés. Os cans ían monísimos cos seus respectivos abrigos, asomando as súas cabeziñas polo carrito. O primeiro día tamén viramos a unha señora cun can dentro dun carrito de bebés, mais temos que recoñecer que pensamos que a señora, ademais de que seguramente querría ao can como a un fillo/a, era un pouco friki. Tanto ela como o señor que vimos no parque parecían bastante normais, así que será que en Xapón queren moitísimo aos cans, e os tratan como “reyes”. Ao fin e ao cabo, non lle fan mal a ningúen por levar aos cans nos carritos.

Continuando polo parque atopamos un campamento de persoas sen fogar. Ningunha das persoas que alí estaban parecían ter problemas de alcolismo ou drogadicción (moitas veces problemas habituais nas persoas sen fogar as que estamos acostumadas). Todas e todos eran xente de idade avanzada que ou charlaban tranquilamente ou aquelaban as suas tendas/campamentos.

Nas inmediacións do parque de Ueno atópase o Zoo, o Museo de Ciencia e Tecnoloxía e o Museo Nacional. Mais nos non fumos a ningún (tan so nos achegamos a velos desde fora). A falta de tempo, e o apretado do noso orzamento, deixaron fora a visita a estos tres lugares.

O que si fixemos foi o ritual de ofrenda nun templo. Primeiro lavamos as mans coa auga da fonte que estaba á entrada do templo, botando auga nun cazo e do cazo ás mans. Despois, coas mans limpas, botamos de novo auga nas mans, e enxugamos a boca. A continuación, mercamos unha vela que puxemos nunha especie de altar, para por último, tratar de tocar a campá. Inda que tratamos por todos os xeitos de facer soar a campá non fumos quen…

E de templo en templo, collimos outro metro para chegar ao Templo budista Senso-ji, no barrio de Asakusa (onde estaba o noso hotel). Este templo é unha das visitas máis típicas de Tokio, o que se notaba na afluencia de xente que por alí andaba. Nas contornas do templo está a segunda pagoda máis alta de Xapón, así como tamén pódese visitar o templo sintoísta Asakusa-jinja que reflicte a boa convivencia entre estas dúas relixións no Xapón.  

O sono volveu a aparecer despois dunha intensa maña, e nada mellor para relaxarse (ou iso pensabamos nos) que un baño nun Onsen. Os Onsen son uns baños públicos con augas termais, algo semellante á Chavasqueira (Ourense), mais con un uso totalmente diferente. E igualmente de diferente foi a nosa experiencia no Onsen, xa que a parte masculina disfrutou dunha relaxada experiencia, mentras que a parte feminina tivo que aprender a marchas forzadas o riguroso protocolo do baño e hixene no Onsen. Para empezar, a información previa que facilitan en inglés é minima así que tampouco sabes moi ben o que se pode facer e o que non. O primeiro que se tenta facer é obvio, ver o que fan as demáis e tentar imitalas, algo que parece doado pero que non o é tanto. Mulleres fundamentalmente de máis de 60 anos, séntanse nuns minúsculos taburetes en fronte dunha parede con grifos baixos tipo alcachofas de ducha. Alí lávanse a conciencia frotándose fortemente cunha toalla de man. Eu non tiña nin toalla de man, nin xabón…así que dinme unha ducha normal só con auga (duchárame esa mesma maña, así que moi sucia non podía estar) e fun directa para a bañeira de auga termal. Pois ben, case lles da un infarto cando ía meterme na bañeira. Unha señora agarroume da man, levoume outra vez a ducha e fixome duchar a conciencia con xabón. Despois da ducha, e do bochorno que tiña, tentei volver a meterme no baño, e outra vez o fixen mal. Antes de meterte hai que coller unha palangana que está flotando na auga e lavar os pes. Eu por suposto non o fixera, xa que a ducha está literalmente a un paso da bañeira, todas iamos descalzas, e acababa de frotar os pes como nunca o fixera na miña vida, pero as normas son as normas. Pedin de novo mil disculpas a todas, lavei de novo os pes, e por fin metinme na auga. Estaba a ferver! Levoume dez minutos aclimatarme á auga e outros dez recuperarme da vergonza que acababa de pasar. No Onsen había duas bañeiras de auga quente e unha de auga fria, as duchas que mencionamos, e unha sauna. Ver as mulleres na sauna foi alucinante. A máis nova rondaba os 80 anos, e sentábanse nunha postura en cunclillas que para nos é totalmente imposible. Ao saír, estabamos como novas.

Tan novas nos sentiamos que fumos á unha das zonas da xuventude xaponesa: Shibuya. Para chegar hai que baixarse na estación de metro do mesmo nome (Shibuya), onde está o famoso cruze de Kousaten... É impresionante ver a marabunta de xente que cruza, iluminados por inmensos paneis de anuncios luminosos.


Hotel do amor, ou para o amor?

Desde alí, fumos en busca dos famosos hoteis do amor, só a velos, pois o noso hotel xa nos ofrecía todo o que podíamos desexar. A verdade é que estos hoteis son do máis pintorescos, e as parellas que entran ou saen tamén o son. Había de todos os tipos. Os hoteis teñen dúas tarifas: unha para “descansar” e outra para pasar a noite.
 A zona de Shibuya tamén está plagada de curiosas tribus urbanas. Unha das que máis nos chamou a atención foi a de uns rapaces que tinxen o pelo de rubio, van hiperbronceados e levan un look tipo back street boy pero moi esaxerado. Nunha persoa asiática o moreno e o pelo amarillo son sumamente impactantes.

Tocaba cear, e o sitio que escollimos tamén nos deixou coa boca aberta. Para escoller o menu, tiñas que empregar a pantalla táctil do computador que estaba na minúscula mesa na que íamos cear. Ademais para manter a privacidade, a mesa estaba rodeada de manparas, creando un cubículo claustrofóbico ao principio, e acolledor depois do primeiro trago de cervexa.

O camareiro ou camareira!
E de Shibuya á torre de Tokio nunha parada relámpago, e de alí a Shinjuku, que ten a estación de trens máis grande da capital, cun promedio de 3.6 millóns de viaxeiras/os por día. Sair da estación foi toda unha odisea, e debe resultar imposíbel para aquelas persoas que sofran de claustrofobia. Nesta útlima parada, baixo cronómetro, pois tiñamos 30 minutos antes de que o metro pechara, paseamos pola zona de Golden Gai, un barrio para tomar algo “ao sair de traballar”. Alí bautizamos unha rúa como “A rúa da moda galega” pois había un Berskha, un Zara, e un Adolfo Dominguez.
Depois fixemos unha rápida incursión polo “barrio rojo” de Tokio, moi tranquilo e asquerosamente nada marxinal. Parecía unha rúa máis. Non había mulleres na rúa, só homes (maioritariamente negros) e carteis que insinuaban co que se traficaba dentro dos locais.

Por certo, en Xapón parece ser que está moi mal visto sonarse os mocos en público. É preferibel ir tirando deles para riba, o que a nos resultounos moi chamativo.
Tres días en Tokio non chegan a nada, así que agardamos poder voltar a Xapón no futuro, con máis tempo, e máis orzamento...





No hay comentarios:

Publicar un comentario