En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

miércoles, 21 de diciembre de 2011

Parati

Non sabemos ben o porque, mais en toda a vila os cartaces e indicadores chaman a cidade Pararty. Si con Y, e eso que supostamente en portugués non existe... Nos imos manter a ideia inicial e chamala Parati, con I.
Pois ben, Parati está entre São Paulo e Rio de Janeiro (levounos unhas catro horas e media chegar en autobús).

O noso hotel (o Velejador) foi aceptábel, salvo polo cheiro a humidade que había no cuarto o primeiro día e que afortunadamente desapareceu depois dun día de ventilación. Os espazos comúns do hotel están ben; a piscina é pequena pero xeitosa, e o almorzo foi estupendo. Os hoteis en xeral tenñen prezos elevados en canto a relación calidade / prezo dos estandares europeos, mais a beleza desta pequena vila colonial e das praias próximas ben mereceron o dispendio.


Rúa da zona vella
As súas rúas empedradas lembran as rúas portuguesas, mais están en moito pior estado. Para os paseos pola zona vella son case necesarias as botas de montaña!
Parati foi un importante e próspero asentamento durante o século XVIII, mais despois ficou case abandoada, o que permitiu que a vila conserve (hoxe recuperada para o turismo) a súa arquitectura colonial practicamente intacta.





Tivemos a sorte de poder asistir á festa de fin de curso da Escola de Capoeira de Parati, celebrada na Casa da Cultura. Foi sorprendente ver a danza-loita e as acrobacias coas que musculosos brasileiros nos deleitaron...



As praias máis cercanas a Parati son as praias do Pontal e de Jabaquara, e o seu estado é lamentábel, cunha auga sucia e un cheiro que nada invita ao banho.

Trindade, un "asentamento turístico" e pesqueiro, a cuarenta minutos en bus, ofreceunos en cambio unha das praias máis fermosas da viaxe (para nós, as nosas praias seguen a ocupar o primeiro posto mundial).
O Atlántico brasileiro é igual de bravo que o galego, salvo para aqueles acostumados a tranquilidade das rías que pensan que todo o Atlántico é como un prato.

Praia en Trindade

E gastronomicamente temos que dicer que a cousa tampouco estivo mal. Os pastelões de calabresa e os de bacalhau quitan o sentido, o mesmo que as pizzas, que tenhen un sabor especial. Agora ben, comezamos a cansar de tanta masa fritida... e tan pouca verdura.

Caipirinhas con cachaça local
E unha das cachaças máis famosas do Brasil (por non dicer que a que máis) e a cachaça de Parati, polo que non quedou outra que tomar un par de caipirinhas para testala...Ante a absitnencia tan prolongada que levamos, e inda que mesmo nos cause vergoña, temos que recoñecer que despois de dúas caipirinhas tivemos que retirarnos a durmir.

Parati, ademais de ser unha vila preciosa, foi unha boa parada próxima á despedida desta viaxe inolvidábel, con praias, gastronomia e cachaça, moita cachaça...

Buenos Aires

O noso primeiro contacto coa capital da Arxentina foi a través das xanelas dun carro. Un familiar, remisero de profesión, levounos nun paseo de hora e media polos lugares máis típicos da capital arxentina; Palermo, Puerto Madero, e o centro foi parte do percorrido, mais o estadio Monumental (a cancha de River Plate) foi a parada estrela, xa que na Arxentina o futból vivese cunha inmensa pasión, e un siareiro do River (inda que a súa equipa baixara a segunda...) é ben fachendoso en todo o referente a súa equipa e sintese na cancha case mellor que na casa!
O paseo foi estupendo, ademais de servir dun primeiro contacto coa cidade que axudou a ter unha mellor orientación nas nosas posteriores visitas.
 
Avenida 18 de Julio

Nunha das nosas incursións na capital e na súa contorna (durmimos en Haedo, na municipalidade de Morón, en provincias, a unha hora máis ou menos do centro en transporte público, na chamada liña do tren Sarmiento, un dos trens máis infernais, sobre todo nas horas punta, dos que temos experimentado nesta viaxe), fomos até a Casa de Galiza, para coñecer onde os galegos e galegas pasan as súas horas de lecer, e de alí ao Tigre, para percorrer en barco o delta do río Paraná. Viaxamos no " Tren de la Costa" desde a Casa de Galiza até o Tigre. Visitando este relexado lugar, semella que non se está nunha grande cidade como Buenos Aires.

Paseamos muito polo centro da cidade: Avenida Florida, Corrientes, 18 de Julio...visitando o famoso Obelisco, a Catedral Metropolitana, o Cabildo, a Casa Rosada, a Manzana de las Luces, o Palacio del Congreso ou o Teatro Colón, entre voutros lugares. Doa barrios característicos da cidade, visitamos San Telmo, La Boca, Recoleta, Palermo e Puerto Madero.

Casa Rosada
San Telmo, barrio da clase alta no pasado, é un hoxe un lugar agradábel para pasear, ademáis do centro da cultura do tango na cidade. As súas rúas e prazas adoquinadas, xunto coas súas antigas mansións e tendas de antigüedades, son hoxe un atractivo turístico de primeira orde. Nós xantamos nun asador do barrio, coñecimos o seu antigo mercado, e tomamos café nunha terraza da Praza de Dorrego, con espectáculo de tango ao vivo incluído.

Tango nas rúas de San Telmo
La Boca, tardicional barrio de clase traballadora xunto ao Riachuelo, fundado pola emigración italiana, agocha numerosos atractivos. La Bombonera, estadio de Boca Juniors, é visita obrigada. As rúas que rodean "la cancha" están todas pintadas coas cores da equipa, e con murais que lembran a persoeiros do clube, como Maradona ou "loco" Gati. Paseamos tamén por Caminito, o paseo peatonal con casas de metal, unha das típicas imaxes da cidade. Dicer que ao chegarmos á tardiña ao barrio, a nosa visita non foi moi extensa, xa que cando anoitece, o lugar non é mio seguro.

La Boca
En Recoleta, un dos barrios da clase alta bonaerense, visitamos o seu famoso cemiterio. Fixemos unha interesantísima e gratuita visita guiada poloa camposanto. Os seus mausoleos son realmente impresionantes (varias xeracións da elite arxentina descansan aquí). O percorrido rematou, como non podía ser doutra forma, na tumba de Evita.

Palermo foi un dos lugares dos que máis gostamos en Buenos Aires. Os seus parques, xardíns e lagos son unha gozada para pasear. Ao sul dos parques, visitamos o Museo Eva Perón e camiñamos polas rúas de Palermo Viejo (hoxe coñecido como Palermo Soho e Palermo Hollywood a modo hortera para o  reclamo turístico). O barrio está cheo de impresionantes restaurantes e tendas de roupa, e tamén se está a convertir nun dos centros da vida nocturna na capital.

Mate e fútbol na Costanera Sur

Puerto Madero é un barrio exclusivo, novo e moderno, construído arredor de antigos almacéns portuarios, hoxe reconvertidos en bares e restaurantes. Gostamos muito da expresión "concheto (señorito, pijo...) de Puerto Madero", adicada pola presidenta Cristina a un seu vicepresidente económico residente no barrio, e con quen tivo públicas diferencias. Pois eso, pasamos unha tarde por Puerto Madero, en plan vida de "conchetos": comida de nivel, cafecito, paseo...Perto de alí está areserva ecolóxica da Costanera Sur, un enorme lugar onde camiñar e esquecer o axetreo da gran cidade.

Fora do centro visitamos, alén do Tigre, a zona de San Isidro, chea de parques, equipamentos deportivos e terrazas perto do río, e tamén o bonito zoolóxico de Temaiken.

Gastronomicamente falando, dicer que Arxentina fixo que recuperáramos os quilos perdidos no transcurso da viaxe. Chegamos feitos uns fiunchos e partimos "ben mantidos". A súa carne, as empanadas, as pastas, a pizza, os xeados ou o doce de leite son responsábeisdesta recuperación. abofé que ter comido "na casa" muitas veces tamén axudou.

Para a nosa familia na Arxentina, e con quen coincidimos precedentes da Galiza, só temos palabras de agradecemento. Seus nomes non saen neste blog por preservar a súa intimidade, mais non esqueceremos a súa amabilidade, os asados, os cafés, as conversas...e poder xogar coas novas xeracións, que veñen con forza e son increíbeis...e despedirnos como merece de quen nos deixou durante estes meses, de quen tanto nos lembramos durante esta viaxe e que agora descansa tamén na cidade que tanto amou.

Deixamos Arxentina e dirixímonos ao Brasil, derradeira parada da nosa viaxe, que vai rematando...

viernes, 16 de diciembre de 2011

Uruguai: visitando Colonia e Montevideo

Desde Bos Aires fixemos unha breve e estupenda singladura polo Río da Prata até avistar Colonia do Sacramento, onde desembarcamos, e desde onde viaxamos até a capital uruguaia. Foi unha breve paréntese na nosa estadía na Arxentina, polo que decidimos avanzar primeiro en esta entrada a visita a Uruguai.
Varias empresas conectan  Bos Aires con Colonia e Montevideo, dúas delas ofrecen o servizo de venda de boletos online (Colonia Express e Buquebus).
E cabe sinalar que nesta singladura non íamos soas. Despois de tanto tempo, atoparnos coa familia foi xenial, alomenos para nós, pois descargamos boa parte dos millares de anécdotas da viaxe nas agradábeis e longas sobremesas que tivemos. E foron longas porque temos que recoñecer que tiñamos "carrete para rato" (compadecemos anticipadamente ás nosas amigas e amigos polo que lles agarda en poucos días...). Pacientemente a nosa familia aturounos todo e até botou algunha que outra risotada.


Colonia do Sacramento

Colonia é unha pequena vila, con perto de 23.000 habitantes. É facilmente abarcábel a pé, sobretodo pola concentración dos sitios a visitar no casco histórico.
Esta vila foi fundada en 1680 polo pobo portugués, coa intención de pasar o contrabando a través do Río da Prata á capital arxentina. Foilles arrebatada polos colonizadores españois en 1762, e só a conservaron até o 1777, cando as reformas fiscais mudaron para permitir a entrada de mercadorías estranxeiras a Bos Aires.





Faro de Colonia
O barrio histórico está plagado de casas coloniais de tella e estuco, con rúas adoquinadas que complican o paseo senón se conta cun calzado axeitado. O estilo portugués percébese en cada esquina, en cada praza e nas abundantes igrexas ou capelas espalladas polo barrio.
Na Praza de Armas atópase a Igrexa Matriz a que conseguimos entrar grazas á belixerancia co horario da senhora encargada de fechar a Igrexa, pois a pesares de estar fechando cando nós chegamos, deixounos botar unha ollada ao interior. E a verdade é que tivemos sorte porque a Igrexa é ben fermosa.
Perto das ruinas do convento de San Francisco está o Faro, desde o que hai unhas boas vistas de Colonia e das súa costa.


O paseo de San Gabriel fronte ao río, ao solpor, abriunos de novo o apetito (e iso que comeramos máis unha vez un copioso asado con buffet de ensaladas), así que sentamos nunha terraza a disfrutar da frescura da tarde cunhas cervexas acompañadas pola xa tamén clásica na nosa dieta, a pizza!


Vistas da praia desde o paseo
A verdade é que a pesares de ser unha vila con moita afluencia de turistas, e de irmos en días próximos a unha longa ponte de feriados na Arxentina, non notamos demasiada presenza de xenñ, salvo polo cheo dalgúns hoteis nos que preguntamos por aloxamento.
Os hoteis en xeral teñen unha peor relación calidade/prezo do que os europeios, mais nós dimos atopado con un bastante xeitoso.


Montevideo

A capital uruguaia recibíunos cunha temperatura moi elevada; as súas rúas, un tanto decrepitas, refumaban unha húmida e incómoda calor.
Desde a estación de autobuses collimos un taxi para chegar ao centro e ir na procura dun hotel económico, mais adaptado aos mínimos de hixene e confortabilidade que nos xa esqueceramos, e que pola contra a familia consideraba indispensábeis. A tarefa noi foi demasiado complicada e atopamos un hotel que nos complaceu a todas/os, cunha xerenta do máis simpática.

Vistas da cidade desde o hotel no que almorzamos

Por certo, o taxista que nos levou acababa de retornar de Canarias, e voltaba pola mala situación económica que está a viver o estado español. Isto foi unha constante, tanto en Bos Aires en Uruguai, pois coñecimos varios casos de retornadas/os...

O centro de Montevideo acolle unha frenética vida diurna, mais en canto cae a tarde todo o bullicio desaparece e o centro queda totalmente deserto. Mesmo a maior parte dos restaurantes fechan. Isto reduciu considerabelmente as nosas opcións para as ceas, mais non por iso deixamos de cear! De feito, estes días coa familia serviron para recuperar os kilos perdidos en Asia (e o doce de leite e os xelados arxentinos fixeron que mesmo vaiamos a voltar con algún kilo de máis).

Gostamos moito da visita ao mercado, ao carón do peirao. Para chegar, o camiño levounnos por unha zona bastante deprimida. A pesares de ir en horario escolar, cruzamos moitas nenas e nenos xogando na rúa, saído e entrado en casas realmente humildes.O xantar no mercado foi moi agradábel, e para descansar un pouco dos asados que comeramos en Bos Aires, decidimonos por comer un pouco de peixe (agardando que o mesmo fora pescado lonxe da ribeira, pois as augas do Mar de Prata non inspiran demasiada confianza).

Vistas desde o peirao

E para baixar a comida voltamos cara o centro a continuar paseando. Concretamente pola Praza da Independencia, a Avenida 18 de Xullo e a Praza do Entrevero e a Praza Cogancha. Do que máis gostamos foi do Palacio Salvio, que no seu tempo foi o edificio máis alto de America do Sul, e do Teatro Solís.


Palacio Salvio
Unha pequena máis intensa escapada ao Uruguai que recomendamos a quen visite Bos Aires, xa que resulta moi cómodo e rápido desprazarse polo Río da Prata....




jueves, 15 de diciembre de 2011

Valparaíso

Valparaíso, declarada Patrimonio Mundial pola UNESCO é unha cidade portuaria con coloristas casas que se amorean nos cerros ao longo da costa. As súas empinadas rúas, a súa variada arquitectura, o océano Pacífico e os seus pintorestcos ascensores (construídos entre finais do s XIX e comezos do XX, e aínda activos e necesarios para librar tan importantes desniveis) son os principais atractivos do lugar.

Porto de Valparaíso
Ao chegarmos a Valparaíso, atopámonos con unha enorme manifestación do estudantado chileno en contra da privatización do ensino. A cidade alberga a sede do Congreso, polo que este tipo de protestas deben ser habituais. O conflito educativo, que ten paralizado o ensino medio e superior desde hai seis meses, semella enquistado e sen trazos de solución. Nós acompañamos a manifestación até o final do seu percorrido, e alí poidemos comprobar "como se las gastan" en Chile manifestantes e policía. Pedras e adoquíns contra botes de fume e auga a presión...unha auténtica batalla campal!. En Santiago, visitamos tamén unha das facultades ocupadas polo estudantado.

Enfrontamentos entre estudantado e policía
De Valparaíso gostamos muito do Cerro Alegre máis do Cerro Concepción (especialmente do chamado paseo iugoslavo). Pasear polas rúas da cidade observando as maxestuosas edificacións, muitas delas en estado decadente, amosounos a importancia deste porto no pasado (era lugar de parada de naves internacionais, baleeiros, e ponto de saída das exportacións chilenas), até a inauguración do Canal de Panamá.

A rúa do noso hostal
Á noite ceamos nun precioso bar perto do hostal unhas empanadas (as nosas "empanadillas") con queixo e pesto increíbeis. Durmimos nun albergue algo decrépito, mais que pagou a pena tan só polo almorzo con un excelente pan caseiro .

Tumba de Pablo Neruda
Desde Valparaíso dirixímonos a Isla Negra, 80 quilómetros ao sul, para visitarmos a casa-museo de Pablo Neruda. A casa, situada sobre un cabo rochoso xunto ao mar, conserva numerosos obxectos persoais do escritor. Alberga tamén a tumba de Neruda e da súa terceira esposa. O emprazamento da casa, a súa escéntrica arquitectura (a casa é moi alongada, segundo a guia pola intención de Neruda de que a súa casa fose como o seu país), e as impresionates vistas ben merecen unha visita, alén dos conteudos do museo. Voltamos a Santiago para facer máis unha noite e viaxaren cara Buenos Aires, próxima parada da nosa viaxe, e a que estamos desexando chegar, sobre todo por ver á familia.

Santiago de Chile

Salón do hostal
A viaxe a Santiago foi terríbel por mor (máis unha vez) dun virus estomacal. E esta vez si que foi forte. Así que durante dous días non puidemos sair do hostal, e menos mal que tivemos a sorte de ter reservado un hostal estupendo cunha caseira fora de serie, que estivo ao tanto de nós en todo momento (especialmente da viaxeira que sofreu en maior medida os efectos víricos dun ceviche podrido), pendente de que tomara as menciñas e de que sempre tivera a man líquidos para evitar as deshidratacións.

E cando as pernas xa podían co corpo, comezamos (eso sí, moi de vagar) os paseos pola cidade. O primeiro día collimos un metro até o centro, e paseamos polas prazas da Liberdade, da Constitución e a famosa praza de Armas, visitando o Palacio de la Moneda, a Catedral e o Mercado.

Palacio de la Moneda

No segundo día fomos ver o Museo da Memoria e dos Dereitos Humáns, unha das visitas das que máis gostamos. Este museo rexistra os atentados acometidos durante a dictadura militar de Pinochet contra as persoas e as liberdades, despois do golpe militar do 11 de setembro do 1973 que aniquilou ao goberno democrático presidido por Salvador Allende. O museo é moi didáctico, máis tamén é moi emotivo.


Virxe
Tamén fixemos unha excursión ao cerro de San Cristóbal, ao que se chega nun funicular que ascende 485 metros desde a praza de Caupolicán. Ao chegar ao cumio fumos recibidas por unha xigantesca Virxe, e por unhas vistas da cidade inmellorábeis. A baixada por suposto foi a pé, mais hai que dicir que o sendeiro estaba sucio e en moi mal estado.







Bódega Viña Aquitania
A pesares de que a cata de viños ía estar vedada por mor do virus, a visita a unha bodega era inexcusábel. A escollida (fundamentalmente por razóns de accesibilidade) foi Vinha Aquitania, unha bodega moi pequeniña pero ben xeitosa. Para chegar desde a parada de metro máis próxima, tivemos que camiñar uns cuarenta minutos, xa que non dispoñíamos da tarxeta de bus, e non permiten o pago en metálico. No camiño pasamos dúas zonas contíguas na rúa pero totalmente dispares: ao comezo todo eran casiñas precarias e a basura estaba por todas pares, mais unha urbanización de luxo daba comezo a unha zona totalmente diferente, cheia de casas impresionantes e centros comerciais.



Os barrios de Providencia e Bellavista decepcionáronnos un pouco. Inda que eran do máis animado da cidade, é de supoñer que a xente non fai moita vida de rúa, pois nos bares (pegadiños ás Universidades) só estaban estudantes tomando cervexas.


Cartaces na fachada da Universidade por mor das folgas estudiantis para demandar o estudo gratuito


 Por certo, o que sen dúbida máis me fastidiou de ter estado enferma foi perder o concerto que Violadores del Verso daban na capital chilena ao día seguinte da nosa chegada!! Foi unha verdadeira mágoa.

Machu Picchu (e Wayna Picchu) e o Val Sagrado

Machu Picchu é sen lugar a dúbidas un dos lugares máis marabillosos que temos visto até o momento, se ben non é apto para todos os petos. Organizar a viaxe de xeito independente é doado grazas ao internet. De feito, a partires de xaneiro do 2012 as entradas para o Machu Picchu só se poderan mercar na web (inda que de momento funciona con algún que outro problema).

Un rapaz catalán, que coñecimos en Camboxa, faláranos da posibilidade de chegar a Machu Picchu dun xeito moito máis económico que collendo o tren de Peru Rail, desde Cusco ou desde Ollantaytambo, a través da vila de Santa Teresa (na Lonely Planet tamén ven explicada esta ruta alternativa). Se ben, coma sempre, non tiñamos días de abondo para aventurarnos a ir por este camiño, xa que as combinacións de buses facían que tiveramos que empregar alomenos un día máis en chegar.

Na ruta maioritaria, ou a máis turística, os billetes de tren tamén se poden mercar na web de Peru Rail . Canto antes se merquen máis opcións hai de conseguir prezos máis axeitados e mellores horarios. Para nós, que os compramos con tres días de antelación, a opción que nos viña máis a conta era sair desde Ollantaytambo ( e non directamente desde Cuzco). Ademais, Ollantaytambo ben merecía unha visita!!


As nosas compañeiras de autobús
O percorrido foi o seguinte: desde Cuzco collimos un autobús a Urubamba, e de alí un minivan até Ollantaytambo, desde onde parte o tren cara Aguas Calientes (vila onde é habitual ubicar o campamento base para a subida ao Machu Picchu). O bus que nos levou a Urubamba ten un prezo fixo, pero no minivan tivemos que regatear un pouco. Existen buses directos Cuzco-Ollantaytambo onde soen ir os e as turistas (máis rápidos e pouco máis caros), que nós descartamos "ya que nos va la marcha” das viaxes en transporte local…Pasamos nada máis e nada menos que tres horas no bus.



En Ollantaytambo tivemos unhas seis horas para pasear e visitar as súas impresionantes ruinas, unhas das máis recoñecidas do Val Sagrado. O complexo Inca desta vila marca un dos poucos lugares onde os conquistadores/colonizadores perderon unha batalla, grazas a estratexia do Inca Manco. As enormes pedras que conforman o complexo foron extraídas dunha ladeira bastante afastada, polo que resulta sorprendente pensar que estas foron transportadas sen ningún tipo de medio mécanico.



Complexo Inca de Ollantaytambo



E tamén houbo tempo para comer un económico menu, cunha sopa exquisita con pito, millo e outras verduras (algunhas das cais descoñecemos).

Sopa

As catro da tarde, collimos o tren cara Aguas Calientes. O tren (chamado “panorámico” xa que ten grandes xanelas e teito transparente) vai ao rente do río, deixándonos idílicas imaxes das que practicamente non sacamos ningunha foto.

Ao chegar á estación de Aguas Calientes (onde había cartaces pedindo que se chamara á vila polo nome de Machu Picchu Pueblo), atopámonos coa nosa “caseira” agardando por nós. O hotel contratáramolo a través do proprio hostal de Cusco, e para o que hai non estaba mal.

En Machu Picchu Pueblo, hai unhas termas de auga quente que por suposto fumos probar antes de cear. O ambiente, abarrotado de rapazada, era demasiado barullento. A cor e o cheiro das augas é bastante noxento, así que non aguantamos máis de unha  hora.

A mañá seguinte, erguímonos ás catro para chegarmos das primeiras a Machu Picchu,  xa que tiñamos por diante unha camiñata de hora e media. Existe a posibilidade de subir en bus (un bus que debe ser o máis caro do mundo) pero apetecianos camiñar, e aforrar, claro!! Temos que recoñecer que ao chegar arriba estabamos exhaustas, pero as vistas do Machu Picchu eliminaron rapidamente todo ápice de cansanzo.

Cando mercamos a entrada para o Machu Picchu, mercamos tamén a entrada que da acceso ao Wayna Picchu (ou Huayna Picchu, como ven escrito na web oficial), un monte colindante desde o que hai unhas vistas impresionantes. Recomendaríamos sempre subir ao  Wayna; paga moito a pena inda que a súbida é bastante dura e complicada (tendo mesmo que subir e baixar por escadas feitas con troncos de madeira, seguras a simple vista, pero bastante rudimentarias). Non entendemos eso sí, como ao entrar non hai ningún aviso da dificultade da subida,  xa que unha persoa maior ou en mala forma física  pódeo pasar realmente mal. 

Vistas de Machu Pichu desde o Wayna Pichu
Dúas anécdotas aconteceron durante a subida ao cumio do Wayna Picchu; a primeira é que vimos unha serpe de tamaño considerábel cruzándose no noso camiño, e a segunda foi cando chegamos ao Templo da Lúa. Alí, un “guía/vixilante” (que afirmaba ter guiado polo Machu Picchu a importantes persoas e famosos/as como Sigourney Weaver) deunos mil e unha explicación sobre Machu Picchu, sobre o seu famoso descubridor Hiran Bingham, e o saqueo arqueolóxico que levou a cabo. Recomendounos a lectura de dous libros sobre Machu Picchu, os dous que considera máis rigurosos desde o ponto de vista científico, e os dous están escritos por mulleres! (agora non atopamos as referencias, pero completaremolas en canto apareza a anotación!).

E despois de catro horas durísimas de subidas e baixadas de vertixe (o camiño leva máis ou menos tres horas, mais nos pasamos unha co guia), voltamos para o Machu Picchu e fumos até o último ponto que nos quedaba por ver: a ponte das/os Incas, unha impresionante construcción pendurada dunha parede totalmente vertical. O camiño tampouco é apto para aquelas/es que sofran de vertigo (inda que tampouco este indicado en ningún sitio), de feito cruzámonos cunha rapaza que estaba a sofrer un ataque de pánico (ou algo así).

A ponte das e dos Incas
Ao finalizar a baixada de novo até Aguas Calientes, xa non tiñamos forza nin para levantar a merecidísima xarra de cervexa que tomamos. E ás seis da tarde (máis ou menos) voltamos no turístico tren a Ollantaytambo, onde collimos un minivan directo a Cusco. Chegamos ás once da noite, e cos últimos folgos conseguimos darnos unha ducha para eliminar os abundantes restos que o esforzo da visita a Machu Picchu deixara nos nosos corpos. Nunca estiveramos tan cansas/os, pero tan contentas/os (pode soar cursi, pero é que realmente foi unha excursión única).

Cuzco, Cusco ou Q'osqo...

 Cusco,a que noutra época foi a centro do poderoso Imperio Inca, é hoxe un destino turístico internacional de primeira orde, parada obrigada desde onde organizar a excursión a Machu Picchu.


Cusco
A cidade e a súa contorna contan con innumerábeis atractivos para ser visitada, como os xacementos arqueolóxicos ou diferentes pontos de interese relixoso, mais o abusivo dos prezos das entradas impedíronnos visitar moitos deles. Por outro lado, pasear por esta monumental cidade, a máis antiga do continente permanentemente habitada, e situada a 3.300 metros de altura, resulta toda unha experiencia en sí mesma.

Catedral de Cusco


Bandeira de Cusco, e ao fondo a praza do "Regocijo"
O centro histórico exténdese entre a praza de Armas, a praza do Regocijo e a praza de San Francisco, tres espazos amplos e maxestuosos en torno aos cais discurren estreitas rúas e enormes murallas incas, e que fan de Cusco unha auténtica cidade-museo pola que non nos cansamos de pasear.







Cuy
Dous dos lugares dos que máis gostamos en Cusco foron o barrio de San Blas e o Mercado Central. San Blas é o barrio bohemio da cidade. Situado no alto dunha empinada costa, a súa animada praza principal estaba chea de postos de artesanía, hippies, e bares. Lembrounos ao Albahicín granadino. O mercado Central, perto da estación de tren de San Pedro, é todo un espectáculo: postos de zumes, de comida típica local...mesmo se pode comprar, de botarlle valor, "cuy" (conejillo de indias), que semella máis unha rata que outra cousa. Nesta zona, algo afastada do centro histórico, pódense atopar restaurantes con menus a metade do prezo dos que ofertan os lugares máis turísticos.

Visitamos tamén o museo do chocolate, e máis curiosa foi a visita ao museo da coca. Na súa tenda compramos diversos produtos derivados deste cultivo, como caramelos ou infusións. O debate en torno ao cultivo da coca está moi de actualidade no Perú ante a chegada ao poder dun goberno que se presupón contrario á política de erradicación e subsitución de cultivos auspiciada polos EEUU (por certo, os primeiros consumidores do seu derivado, a cocaína, no mundo). A administración Humala, no poder en grande medida polo apoio dos produtores cocaleiros, un dos cais mesmo é o responsábel do departamento encargado da cuestión, non aboliu os acordos para a erradicación e sustitución dos cultivos. Esta situación está a levar a graves conflictos con sectores labregos que ven reducidos notabelmente os seus ingresos coa posta en marcha destas actuacións (os cultivos alternativos son menos rendíbeis que a folla de coca), e que agardaban do novo goberno unha aposta como a boliviana, que baixo a máxima "coca si, cocaina non" derogou os acordos de erradicación e incrementou cultivos presionando na comunidade internacional para que a folla de coca sexa eliminada das sustancias prohibidas, buscando usos alternativos e legais para que os produtos derivados do cultivo podan ser exportados.

O asunto da coca é paradigmático da situación do goberno do presidente Ollanta Humala. A nosa viaxe polo Perú coincidiu cos 100 días no poder do novo presidente. O seu goberno, progresista, de corte reformista e nacionalista, semella estar nunha situación de indefinición política. Pola dereita, está a ser presionado polos tradicionais grupos ultraconservadores peruanos, contarios a calquera fórmula de redistribución da riqueza, e que desde os numerosos medios de comunicación que contralan están a levar a cabo unha dura campaña de acoso e desprestixio que mesmo alcanza tintes golpistas. Na esquerda, muitos dos sectores que conformaron a base social que levou a Humala ao poder, vense decepcionados polo continuismismo no económico e pola falta de reformas profundas. Resultando innegábeis os avances no plano social que se están a producir, a falta de transformacións de fondo calado (ou o seu anuncio) amenaza ao goberno coa perda dos seus apoios na esquerda máis tradicional e no agro.


Nunha entrevista emitida pola televisión co gaio dos 100 días de mandato, o presidente facía esforzos por tranquilizar aos periodistas presentándose como defensor de valores tradicionais como a familia, afastándose de posicións "extremistas de esquerdas", afirmando que non está na axenda do seu goberno reformar a cosntitución vixente (elaborada durante os gobernos de Fuyimori), e tentando restar importancia a que un dos seus vicepresidentes esté inmerso nun suposto caso de corrupción (non o pode cesar xa que o cargo é elexíbel pola cidadanía, como o do presidente). En fin, temas complexos que vamos deixar aquí, xa que tampouco temos a información necesaria para os valorar, nen este tipo de reflexións son o motivo deste blog....

O noso hotel en Cusco, o Walkon Inn, resultou ser un tranquilo lugar perto da praza de Armas, con fantásticas vistas da cidade desde o seu comedor. O persoal foi moi amábel. A primeira noite, ao chegarmos as catro e media da maña, deixaronos "durmir" en dous sofas do patio sen cobrarnos. Bo detalle, xa que andar de noite por Cusco con todas as pertenencias non é moi recomendábel. Neste hostal permanecimos nas nosas dúas paradas na cidade, xa que desde Cusco partimos cara o Val Sagrado e as ruinas do Machu Picchu (dicer que no hotel puidemos deixar as nosas mochilas e así so viaxar co fundamental para dous días de grandes camiñatas),  mais isto xa forma parte da seguinte entrada.