En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

viernes, 9 de diciembre de 2011

Puno e o lago Titicaca

Puno é a porta de entrada para coñecer o lago Titicaca, mais a cidade ten o seu encanto propio, especialmnte o seu porto e a zona peonil próxima á Praza de Armas. Tamén é un bo lugar para comprar artesanía peruana, sobre todo roupa de lá tecida a man polas xentes do lugar. Nós compramos chaquetas, calcetíns, gorros...todo a moi bo prezo...mais houbo que regatear coa paisana, por suposto. Gastronomicamente falando comentar que comimos "alpaca", un camélido peruano similar á "llama" que viste e alimenta á poboación local. Frito con allo está ben bo.
Puno

O lago Titicaca é o lago a máis altura do mundo (3.808 metros), ocupa unha superficie de 8.900 km2 e fai de fronteira entre Perú e Bolivia. Para coñecer algunha das súas illas dirixímonos ao porto de Puno e compramos dous boletos de ida e volta nun dos barcos empregados pola poboación local para desprazárense polo lago, e que paraba nas illas flotantes da tribu das e dos Uros e na illa Taquile. O bo de non acudir ás excursións organizadas é que podes compartir viaxe con lugareños e lugareñas (e coas súas mercadorías e gando), sempre dispostas/os a compartir as súas follas de coca, tan boas para combatir o "soroche" ou mal de altura (nós gostamos máis da infusión, coñecida como mate de coca, que do mascado). O negativo, que o barco é extramadamente lento...

Mate de coca
As illas flotantes dos Uros están construídas con capas superpostas de canas de "totora", un tipo de xunco acuático.Estas canas son empregadas tamén para construir casas, barcos e mesmo serven de alimento para os uros (a verdade é que non saben a nada). Resulta increíbel pensar que estas illas, nas que viven numerosas familias, mesmo flotan á deriva polo lago cando os fortes ventos azotan o lugar. A día de hoxe, as tribus dos uros, tradicionalmente adicadas á pesca e ao comercio da "totora", viven do turismo e da elaboración de produtos de artesanía para vender ás e aos turistas.

Compañeiros de viaxe polo lago
 A illa Taquile é u remanso de paz só alterado cando os barcos repletos de turistas atracan no seu peirao. As e os habitantes da illa, de fala quechua, manteñen un tipo de vida alleo por completo á modernidade e aferrado ás súas tradicións. Destaca a súa producción textil. Na praza principal existe un tenda cooperativa onde poder comprar diferentes prendas. Os restaurantes e hostais tamén funcioan de forma que beneficien ao conxunto da comunidade, abrindo alternativamente cun sistema rotativo para repartir ganancias. As vistas desde os diferentes camiños que percorren a illa son espectaculares.

Illa Taquile
A viaxe polo Perú vai tocando ao seu fin. A nosa próxima parada será a cidade de Cusco, desde onde achegarnos ao Val Sagrado dos Incas e ao mítico Machu Pichu, ponto final da nosa estadía no país.

No hay comentarios:

Publicar un comentario