Onte puxémonos as primeiras vacinas. En principio só é obrigatoria para entrar en algúns estados a da febre amarela (hai que pagar unha taxa pública de 18 €), mais nós imos completar o proceso coa vacina das hepatites A e B e algunha máis que xa deberamos ter posto inda que non partiramos de viaxe (menixite, tétanos...). Para non ter que poñer todas as vacinas a un tempo, voltaremos nos meses de marzo e abril ao hospital, xa nos días previos á nosa partida, para completar a nosa vacinación. É recomendábel realizar a visita médica coa suficiente antelación. No noso caso acudimos a segunda feira día 14 de febreiro e temos previsto saír de viaxe na primeira semana de maio.
A atención por parte do persoal do departamento de medicina preventiva do Hospital do Meixoeiro foi moi boa. Repasaron con nós os diferentes destinos da nosa viaxe, facilitaron información para previr doenzas durante a viaxe e recomendaron que levar a modo de pequeno botiquín. Publicaremos máis información sobre estes temas cando teñamos definido que levar no botiquín así como cando teñamos completada a nosa vacinación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario