En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

lunes, 10 de octubre de 2011

Hanoi

A nosa estadía na capital dividiuse en dúas etapas, unha antes de visitar Sapa e outras após desta viaxe ás montañas do norte do Vietnam.

O noso primeiro día en Hanoi, no que celebrábamos un dos nosos aniversarios, fomos xantar a un recoñecido restaurante local, con chef francés. Ao irmos á hora do xantar, o prezo non foi alto, grazas aos menus económicos dos que goza a diario unha clientela composta por occidentais desprazados e vietnamitas con nivel económico medio-alto . Comimos gazpacho, carpaccio de vitela, ensaladas, sobremesas…estivo ben este oasis de cociña mediterránea no Vietnam, aínda que neste país faise menos necesario do que noutros, xa que a gastronomía vietnamita está, ao noso entender, moi por riba que as dos seus veciños.

Instalámonos na parte vella da cidade, perto do lago Hoan  Kien e da catedral de Santo Xosé, onde existe unha ampla oferta de hostais para persoas con orzamento apretado.  Unha das noites que pasamos aquí tivemos a sorte de durmir nunha habitación de auténtico luxo (cama redonda, baño enorme, plasma, dvd, computador con acceso a Internet, café de balde…), grazas a unha xenerosa rebaixa no prezo despois da habitual negociación. A rebaixa chegou ao 150 %...neste país nunca se sabe onde está realmente o prezo real das cousas.


Nunha das nosas numerosas “pateadas” pola cidade, visitamos o Templo da Literatura, exemplo da arquitectura tradicional vietnamita do século XI que albergou a primeira universidade do país; o Museo das Mulleres, cun transfondo bastante patriarcal mais cunha sección sobre o papel das mulleres na guerra impresionante; e o Museo de Historia, que fai un repaso da historia local desde a prehistoria até o século XX, con especial atención aos periodos Cham e dos emperadores da dinastía Nguyen.

Percorrer o Complexo do Mausoleo de Ho Chi Minh levounos toda unha mañá. O Museo Ho Chi Minh resulta sorprendente, coa súa mistura entre documentación histórica sobre a vida do “Tio Ho” e arte vietnamita contemporánea cargada de “simbolismo revolucionario kitch”. Non poidemos ver o corpo embalsamado de Ho Chi Minh, xa que seica por estas datas, e durante tres meses ao ano, pasa unha temporada en Rusia para a súa correcta conservación. Perto do complexo está o Palacio Presidencial, antiga residencia do gobernador da Indochina, e na mesma propiedade, e muito máis austeras, as dúas vivendas que ocupou Ho Chi Minh na súa etapa como presidente do Vietnam.


Unha das experiencias máis sorprendentes da cidade é observar (ben á mañá moi cedo  ou á noitiña) á xente practicar deporte arredor do lago Hoan Kien. Non hai nada mellor que comprarse algo para almorzar e sentarse nun dos bancos ollando para unha multitude de persoas de todas as idades (mesmo paisanos e paisanas de 90 anos) practicando tai-chi, ximnasia deportiva, diferentes artes marciais, facendo pesas…tamén cabe a posibilidade de exercitarse con eles e elas…houbo quen practicou tai-chi cun grupiño de mulleres maiores…

En Hanoi aistimos tamén a un espectáculo teatral de marionetas de auga. Non gostamos muito del, sobre todo da parte musical do mesmo. En xeral demasiado turístico, a pesares de ser representado por membros da compañía municipal desta arte tradicional vietnamita..

Uns dos días que pasamos en Hanoi adicámolo a visitar a famosa Bahía do Halong. Como sempre comentamos, non gostamos muito das excursións organizadas, mais a bahía fica lonxe da capital e chegar alí resulta complexo e caro por conta propia. A excursión inclúe a traslado en autobús até a cidade de Halong, un percorrido en barco polas numerosas illas da bahía, o xantar no propio barco e, no noso caso, un tempo para percorrer a bahía pola nosa conta en kayak (dicer que non se nos deu especialmente ben a actividade,..meso chegamos a ter serios problemas para sortear un barco que se cruzou no noso camiño). Declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO, o lugar resulta impresionante, con máis de tres mil illas cheas de grutas. Especialmente recomendábel é a visita á cova de Thien Cung, que hai que facer a pé.

Remata a nosa viaxe polo Vietnam, país do que gostamos muito, e ao que agardamos algún día volver...
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario