En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

sábado, 5 de noviembre de 2011

Hong Kong

O tifón Nesat e nós chegamos a un tempo a impresionante cidade de Hong Kong. Nunca viviramos un tifón, e menos un de nivel 8, así que foi un ingrediente máis para seguir cociñando esta marabillosa aventura.
Hong Kong deixounos coa boca aberta nada máis sairmos do aeroporto. O percorrido en autobús até o centro da cidade permite intuir un pouco do que agarda na visita a esta rica e heteroxenea cidade…
A pesar de que leramos en diferentes blogs, e por suposto na Biblia dos e das viaxeiras (a Lonely Planet), que as visitas e o turismo na China durante as festas nacionais son unha “loucura”, non puidemos evitar que a nosa estancia no país concidira co Día Nacional.

E a verdade é que se complica todo un pouco. O primeiro foi a procura de aloxamento, xa que o número de turistas triplícase é a dispoñibilidade de cuartos libres é escasa se non se reserva con moita antelación.
Por prezos decidimos aloxarnos en Kowloon, xusto en fronte da illa de Hong Kong e comunicada con esta  por frecuentes barcos da compañía Star Ferry; e onde os hostais están ubicados en altos rañaceos. En cada andar dos rañaceos pódense atopar até tres ou catro hostais diferentes. Os prezos non difiren moito uns dos outros, mais as calidades sí son moi diferentes. Así que non queda outra que agardar pacientemente polo ascensor, e visitar varios hoteis e/ou edificios para comparar e poder atopar un bo aloxamento que se adapte as capacidades económicas de cada quen. As expectativas non deberían ser moi altas se o orzamento é escaso, xa que case todos os cuartos son pequenísimos e resulta díficil atopar algún que teña xanela.
Vista de Hong Kong desde Kowloon

Outro problema de visitar China nas súas festividades é o incremento exponencial dos prezos. Os dous primeiros días pagamos un prezo elevado para o que viñamos gastando até o de agora, mais tamén para o que nos ofreceron (o noso cuarto non tiña máis de catro metros cuadrados, non tiña xanela, pero sí tiña unhas enormes cucarachas coas que compartir cama). Despois de tres días, os amábeis indios que rexentan o Hotel Canada, subiron o prezo nun 100% por mor de coincidir coa véspera da festividade do Día Nacional da China). Por motivos que agora contaremos, tivemos que reservar para dúas noites máis do que inicialmente acordáramos, e nese momento os prezos subiron nun 250% .

O motivo de que tiveramos que ficar dous días máis do previsto foi que, se ben en Hong Kong e Macao non se precisa de visado, tiñamos que tramitar o de China antes de partir cara Shanghai. Nesat paralizou a cidade, fechando tendas, restaurantes, transporte público e todas as entidades oficiais, polo que non puidemos ir até a oficina para tramitar o visado até dous días despois do previsto. Ademais, ao coincidir co Día Nacional a oficina fechou outro día máis, e a pesar de desembolsar un extra importante para ter un visado urxente, este non chegaba a tempo para poder coller o seguinte voo.

Non comentaramos nada dos nosos voos, así que este pode ser un bo momento, Compramos dous billetes fechados a través de Iberia para unha volta ao mundo coa alianza One World. Nunha plataforma online podes seleccionar até dezaseis segmentos (traxectos) en tres continentes. Tamén hai opcións para viaxar a máis ou menos continentes, e segundo o número de continentes que se escolla, obviamente o prezo varia. O itinerario é fechado, é dicer, unha vez que decides as cidades que se van visitar nonpodes modificalas, pero as datas quedan abertas co que podes modificalas sen coste, sempre e cando avises á compañía coa que tramitaches o voo con antelación. Así que nos tivemos que chamar a Iberia para cambiar o voo Hong Kong – Shanghai, e por suposto non foi unha tarefa nada doada. Despois de tres chamadas a tres números diferentes, conseguimos dar coa axente de Iberia que tiña a función de cambiar os voos, inda que de primeiras rexeitaba facelo. Durante 30 mintuos esta persoa consultou como facelo, e conforme ian pasando os minutos as gotas de suor corrian pola nosa frente pensando na factura telefónica que ía chegar! En total levounos 50 minutos e tres chamadas diferentes para arranxar o cambio de voo. Iso sí, unha vez conseguido, e cos nervios xa templados, fumos a dar boa conta dun copioso e económico plato de “udons”, unha especie de tallarines xaponeses feitos ao momento.

Hong Kong é impresionante, as súas principais avenidas no centro están plagadas de tendas das primeiras marcas, e ás súas portas, ringleiras de chineses e chinesas agardan o turno para gastar os seus “hongkongs dólares”. Ademais de tendas, centros comerciais e rañaceos, esta cidade ten uns parques incríbeis, onde poderíamos pasar todo un día. Unha das maiores atraccións turísticas consiste en subir no funicular Peak Tram, até o parque Victoria Peak. Pasear polo parque Victoria foi unha das camiñatas máis bonitas que fixemos nunca. O parque, inda que é moi turístico, ofrece unhas vistas espectaculares, e o entorno é formidábel, pois a intervención na natureza é minima e integra perfectamente os servizos públicos, as zonas para facer picnic e os postos de información. Nunca nas nosas vidas viramos baños públicos tan limpos como nesta cidade! Tanto nos parques como nos centros comerciais os baños son algo “digno de ver”.
Vista desde Victoria Peak

Visitamos tamén o Museo do Espazo e Planetario, coa sorte de que os mércores as entradas aos museos son gratis! O museo merece unha curta pero entretida visita, xa que ademais de ser moi gráfico e sinxelo nas explicacións, ten varias actividades moi interesantes como un voo en parapente simulado ou un cuarto onde experimentar a falta de gravidade na lúa (esta última actividade foi vetada para nós, un por exceder a altura permitida e a outra por levar saia!).

Ao carón do museo atópase o Centro Cultural de Hong Kong, un polémico edificio sen xanelas fronte unha das vistas máis espectaculares do mundo. No interior do edificio, ademais do Museo das Artes, hai varios auditorios onde se representan obras teatrais, danza, e concertos. Ambos edificios museísticos e artísticos están ao carón do paseio que separa a illa de Hong Kong da península de Kowloon, e nesta mesma ribeira atópase a “Avenida das Estrelas”, con multitude de actores e actrices da importante industria cinematográfica local, si ben case que todas elas descoñecidas para nós, coa excepción de Jackie Chan ou Bruce Lee, que conta cunha estatua de bronce na famosa avenida.

Nos muitos paseos pola cidade destacariamos, entre outras, as visitas ao Western Market, un precioso edificio de 1906 e que sigue a albergar un bonito mercado, o templo de Man Mo, coas súas enormes espirais de incenso; ou o Hong Kong Convention & Exhibition Center, impresionante e moderno edificio onde tivo lugar a devolución de Hong Kong a China. Neste lugar asistimos a unha subasta da famosa galería de arte Sotherby. As cantidades que se manexaban eran increíbeis, e alí estabamos nós, vestidos de montañistas e tomándolle un café (de balde) entre o máis selecto da adiñeirada sociedade local. Entre as obras á venda, ademais de obras de Picasso ou Monet…un cuadro de Andy Warhol propiedade de José María Cano. 

Deixamos tempo para percorrer tamén o barrio onde estabamos hospedados, Kowloon. O seu parque público e un lugar ideal para sentarse e observar aos diferentes grupos de xente pertencentes a distintas minorías étnicas con presenza na cidade a practicar tai-chi, artes marciais, cantar, bailar, xantar, etc. Unha das cousas das que máis gostamos entre as que caracterizan esta metrópole é a súa variedade étnica, lingüística e cultural. Existen importantes continxentes de indios, filipinos, indonesios, ingleses, africanos de todas as nacionalidades, hispanos tamén, e muitos outros máis…
Illa de Lantau

Durante a nosa estancia en Hong Kong, fixemos unha excursión a Lantau, vila mariñeira, que combina praia e montaña e agocha o Buda de bronce máis grande do mundo (neste punto, sempre nos preguntamos cantos Budas levaremos visto? Pero especialmente preguntámonos se xa completaríamos a lista dos Budas máis grandes do mundo nas súas modalidades específicas: O Buda de ouro máis grande do mundo, o Buda de bronce máis grande do mundo, o Buda deitado máis grande do mundo, etc…)

Unha curiosidade  foi cando pasou ao noso carón un tranvia con publicidade do Real Madrid…A equipación facía de reclamo turístico para visitar Madrid. A saber canto pagou a Comunidade e o Concello de Madrid polo anuncio, e a saber tamén o que opinarán as e os madrileños siareiros do Atlético ou do Rayo Vallecano. De todos xeitos cabe decir que de momento, vense muitas máis camisolas do Barça que do Real Madrid.

Gastronomía
Hong Kong ofreceunos unha enorme variedade de experiencias gastronómicas. Anteriormente falamos dos “udons”, pois ben, no centro comercial Woodstone, xusto ao carón do “noso hostal”, atopamos un restaurante xaponés de luxo, polo ben decorado e a excelente comida (tanto polas súas xenerosas racións, como polo económico dos prezos), onde a especialidade son os famosos “udons”, que estaban realmente bos. O prato de udons acompañase de variedade de carnes, verduras, cogumelos e salsas segundo o gusto de cada quen. Unha noite ceamos noutro xaponés de sushi. Hong Kong presenta varias oportunidades para degustar gastronomía xaponesa a un prezo muito máis económico do que resultaría unha comida similar no Xapón. O sitio en cuestión era auténtico, sentados nunha barra e cos pratos de peixe pasando por diante nunha cinta eléctrica.

Unha das cadeas de comida na que tamén paramos algunha que outra vez foi na “Food Republic”. Esta cadea caracterízase por ocupar grandes espazos de centros comerciais, onde abre varios restaurantes de comida rápida, mais cada un coa súa especialidade (comida xaponesa, pizzerías, comida de Macau, comida chinesa…). Os restaurantes teñen uns precios moi aceptábeis e a comida non está mal.
Posto de comida na rúa

Mais por suposto, e roubándolle a frase a unha amiga portuguesa…”the street food, the best food”. E corroborámolo mais unha vez no Soho, onde tomamos dúas cervexas de 600ml e dous enormes pratos, un de noodles con sopa e outro de cordeiro, ben ricos. Neste empinado barrio ateigado de restaurantes e bares pódense subir as escaleiras macánicas máis grandes do mundo. Nós subimos un tramo até que nos cansamos de tanta subida. En muitas partes da cidade existen tamén postos de rúa nos que “tapeamos” brochetas de carne e peixe a bo prezo.

Deixamos Hong Kong, que nos impresionou pola súa enormidade, polo ben que funcionan os servizos públicos, polo limpos e abundantes espazos públicos cos que conta, pola súa variada gastronomía...e dirixímonos a antiga colonia portuguesa de Macau.

No hay comentarios:

Publicar un comentario