En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

lunes, 19 de septiembre de 2011

Delta do Mekong

 A nosa entrada no Vietnam desde a Camboxa pola fronteira Prek Chak – Xa Xia, a través do Delta do río Mekong, foi do máis accidentada e rocambolesca. Partimos desde Kampot en furgoneta até a fronteira, para proseguir após do control de aduanas até a cidade de Ha Tien. Alí tivemos que agardar unha hora e media por outra furgoneta que nos levou á cidade de Chau Doc, ao norte de Ha Tien. Nesta cidade tivemos que facer unha “carreira” en dúas motocicletas (con equipaxe e todo) desde a oficina da compañía de transporte que contratáramos a outra coa que realizamos o derradeiro tramo da viaxe até a cidade de Can Tho, onde fixemos noite. Toda unha odisea de máis de 12 horas para cubrir unha distancia de pouco máis de 200 km, si ben unha estupenda forma de coñecer de perto a vida cotidiana das xentes do delta. Supostamente contratáramos un servizo con un só trasbordo para todo o percorrido, mais aquí as cousas van así e hai que relaxarse. O mellor foi o intento de cobrarnos un prezo extra por parte dos motoristas (servizo cuberto pola compañía contratada). Un dos homes dirixiuse a nós falando baixiño para pedirnos cartos, e ante a nosa rotunda negativa botou a rir e realizou o seu traballo sen ningún problema…ás veces hai que poñerse firmes, mais en xeral a xente aquí é moi amábel.
Entrada na República Socialista do Vietnam

 En Can Tho visitamos o famoso mercado flotante de Cai Rang, e dimos paseos pola zona da cidade situada en torno ao río. A visita ao mercado resulta toda unha experiencia. Seica as transaccións non realizadas en “terra firme” non están suxeitas a taxas no país, polo que estos mercados están ateigados de labregos/as, comerciantes e cidadanía en xeral.. Para identificar o “xénero” que leva cada embarcación, só hai que fixarse na mostra que levan pendurada dun pao vertical. Nós visitamos o mercado nun pequeno bote gobernado por unha señora maior. Para chegar a tempo, erguímonos moi cedo, por volta das 6  da mañá xa estábamos no mercado tomando un café servido por un “bar flotante” (unha barca que se vai achegando ao resto das embarcacións ofrecendo café ou té procedentes de fumexantes termos). Á volta da nosa visita, decidimos almorzar como a xente do lugar, e paramos nunha xeitosa terraza para dar boa conta de cuncas de pho bo (sopa de fideos con porco e verduras) e raviolis vietnamitas (recheos de caranguexo e porco)…un almorzó lixeiriño para ser ás 9 da mañá.
Mercado flotante de Cai Rang

A nosa primeira impresión do Vietnam, a pesares de entrarmos por unha zona marcadamente rural, é a de atopármonos nun país moito máis desenvolvido que os que levamos visitado até o de agora...recollida de lixo, alumeado público, edificacións dignas e pouco chabolismo en xeral, motoristas con casco, boa sinalización de rúas...

Desde Can Tho dirixímonos, desta vez nun “moderno e colorista” bus directo, até Cidade Ho Chi Minh, próxima parada da nosa viaxe…
Bus a Ho Chi Minh

 Unha aperta e até a próxima!

2 comentarios:

  1. Almorzo salgado e cargado ás nove da mañá mmm!

    Motosicletas mmmmm!

    E eu ghastando os cuartos nun master....cagonacona

    Pilar: Parabéns atrasados

    ResponderEliminar
  2. Moitas gracias Brais! E gastar os cartos en "culturizarse" nunca está demáis...Un biquiño

    ResponderEliminar