En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

martes, 6 de septiembre de 2011

Templos de Angkor


A nosa viaxe desde Bangkok á Siem Riep, para visitar os templos de Angkor, foi bastante accidentada. Trataremos de resumila: Primeiro collimos un metro desde o centro de Bangkok para enlazar co tren que leva até o aeroporto, desde alí un bus até a cidade fronteiriza de Aranya Prathet, para cruzar a pé a fronteira até Poipet, xa na Camboia, para desde alí coller un taxi até o destino final, Siem Riep. A anécdota viu por parte da policia da fronteira camboiana, que pretendeu extorsionarnos para que pagaramos unha cantidade maior de cartos que a oficialmente estipulada para o visado. Ante a nosa negativa non puxeron obxección, e recibimos o visado igual que outras persoas que si pagaron o soborno....ora ben, mal rato si que pasamos.

Os templos de Angkor son unha das principais atraccións turísticas de todo o sureste asiático, si ben na temporada de choivas comprobamos que é posíbel visitalos sen aglomeracións. Nós mesmo estivemos sós nalgúns dos máis afastados.


É unha mágoa que ningunha das nosas fotos (consultar o noso facebook) amose realmente o bonito que son os templos de Angkor.O primeiro dos templos que visitamos foi o Angkor Wat, o maior edificio relixioso do mundo. A seguinte parada foi na cidade fortificada de Angkor Thom, que mide uns 10 km2 aproximadamente. No marco desta cidade visitamos o Bayon, a terraza dos elefantes, o baphuon, a terraza do rei leproso... Logo fumos ao Preah  Khan, e de aí fumos parando en todos os templos até chegar ao impresionante Ta Prohm, moi coñecido pola peli de "Tomb Raider", peli que nos inda non vimos. A natureza convive aquí dun xeito estravagante coas ruinas do templo, parece de feito que as xigantescas árbores lle están quitando espazo aos restos arquitéctonicos...Agora ben, o protagonismo comparteno ao 50%, e a mistura é impresionante...

Tanto a Lonely Planet como moitos viaxeiros ven moi apresurado facer este circuito nun día, e a verdade é que se tes moito tempo (e cartos! porque a entrada para os templos costa 20 dolares por día) paga a pena espaciar un pouco máis a visita. Para dar unha idea da grandiosidade do lugar decir que nunha das súas épocas máis encumbradas , no tránsito entre os séculos XII e XIII, Angkor contaba con perto de un millón de habitantes, cando Londres na altura apenas chegaba aos 50.000. De todos xeitos, é factible velo todo nun día madrugando moito e reducindo os tempos de descanso...ou renunciando a eles como no noso caso.

A cidade de Siem Riep, o lugar onde se centralizan os servizos para as persoas que visitan os templos de Angkor, non está mal, mesmo diremos que ten un encanto propio. Nós gostamos moito desta cidade. A súa oferta de restaurantes, sobre todo os de barbacoas, é completísima; ten unha zona na ribeira do río onde resulta agradábel pasear; e mesmo conta con algúns exemplos xeitosos da herdanza arquitectónica francesa.

Para rematar: Contratar un tuc tuc para todo o día co que percorrer os distintos templos, costounos 15 dolares...Non perder a calma con todos os conductores de tuc tuc, non ten prezo...(ah! e a visa aquí non serve para casi nada)

No hay comentarios:

Publicar un comentario