En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

viernes, 2 de septiembre de 2011

Lago Inle

Máis unha vez, as viaxes son toda unha aventura... Neste caso foi moi divertida grazas ao noso compañeiro de viaxe. Sen el, as 14 horas de autobus terían sido moito máis aburridas...

O Lago Inle é un paraíso natural no medio das montañas do estado shan. Un mundo acuático relaxado, con xardín e mercados flotantes, con unha rica artesanía e agricultura…e con xente acolledora e amabilísima, que fan da estancia un auténtico remanso de paz.

Mariñeiro remando co pé

Nós estivemos hospedados no hotel Min Ga Lar, nunha habitación ampla e bonita, con un bo baño, e o mellor, con uns almorzos memorábeis (zume, café, ovos, filloas recheias de tomates e cebola, sandía, plátanos tostadas, “rollitos primavera”…). O prezo por noite para dúas persoas, con almorzó incluído, foi de 16 dolares.

O noso primeiro día no lago realizamos un circuito en lancha motora para visitar mercados, plantacións de tomates, talleres de tecedeiras, mosteiros e pagodas, tomar algo vendo o precioso solpor…pasamos un día increíbel. Para abaratar a excursión, combinamos con tres persoas máis (a nosa amiga portuguesa, e uns novos amigos: un alemán e un austríaco moi riquiños), xa que nas barcas entran cinco e así saiamos máis a conta. Pagamos uns 3 euros por persoa pola embarcación, que partiu ás 8 da mañá e regresou por volta das 6 da tarde.

O único “malentendido” durante a nosa viaxe en barco foi a parada nunha tenda na que se “MOSTRAN” ás mulleres de pescozo largo. Evitar que esta tortura se converta nun reclamo turístico é importante, polo que optamos por ficar na porta e comentarlle amabelmente ás persoas que alí estaban a nosa postura en contra de torturar e mutilar os corpos das mulleres, e que non queríamos contribuir a perpetuar este tipo de violencia contra ás mulleres visitando a tenda nen sacando fotografías as rapazas.

O segundo día reparounos unha experiencia inesquecíbel. Contratamos un guía de senderismo para realizar un roteiro polas montañas que rodean o lago. Como chovera bastante o día anterior, o camiño estaba impracticábel e a ascensión fíxose realmente dura. O percorrido incluía a visita a algunhas aldeas pa-o (unha minoría étnica da zona), para finalizar no Mosteiro de Kuon Soun Taungbo, onde xantamos e desde onde observamos a grandiosidade do Lago Inle. O noso guía resoltou ser unha persoa realmente coñecedora do lugar, e con moitas ganas de saber sobre a nosa forma de vida. Preguntaba muito sobre como é vida na Europa, e non tiña reparos en falar da situación política do seu país (sempre deixando claro que a conversación non debía sair de alí, por suposto)…falounos da corrupción, dos abusos policiais, das tensións étnicas e relixiosas. Ao chegarmos ao mosteiro estabamos realmente agotadas fisicamente. Pola súa banda, o guía tiña forzas dabondo para facernos o xantar, e dispoñerse a iniciar a baixada, esta vez descalzo…Antes de deixarnos de volta no noso hotel, convidounos á súa casa, que viña de rematar de construir e da que estaba moi orgulloso. Fomos recibidos pola súa muller e filla, e convidados a té, doces e froita. Foi unha experiencia inexquecíbel, e unha familia marabillosa…

A xente é tan amábel que paga a pena que vos aburramos con outra anécdota. Unha das noites perdémonos na vila no medio dunha torrencial choiva nocturna. Pois ben, un home que iba en moto parouse e insistiu en levarnos ás dúas na súa moto até o hotel! E por suposto, non aceptou nin un pitillo!!

O noso periplo por Myanmar rematou cunha viaxe de 12 horas en bus entre o Lago Inle e Yangón. No aeroporto tivemos unha longa espera até coller o voo de volta a Bangkok, desde onde partimos por estrada cara Camboia, próxima parada da nosa viaxe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario