En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

viernes, 2 de septiembre de 2011

Mandalay


A nosa chegada a Mandalay foi un caos, despois de viaxar toda a noite, atopámonos con unha cidade parcialmente anegada, o que imposibilitaba visitar muitos dos lugares de interese. Choveu tanto pola mañá que decidimos retirarnos ao noso hotel (unha habitación no faiado dun edificio, con baño compartido, teito de uralita…horríbel!) a descansar e agardar a que escampara para proseguir o noso paseio.

Mercado

O máis espectacular da cidade é a ascensión á chamada Colina de Mandalay, unha subida que hai que facer descalza/o, e que ten como premio unhas espectaculates vistas desde o seu cumio, desde onde se observa a planicie sobre a que está construída a cidade, as montañas que a rodean, e o enorme río Ayeyarwady (anteriormente chamado Irrawady). Ao longo da ascensión, que leva perto de unha hora, numerosos monxes e estudantes acompáñante durante un anaco para poderen así practicar o seu inglés. Para nós foi tamén unha boa maneira de coñecer xente local.

Vistas desde a colina de Mandalay


Os arredores de Mandalay son moi coñecidos e visitados. Nós estivemos en dúas antigas localidades, Amapura e Sagaing. En Amarapura visitamos un enorme e colorido mercado, unha ponte de teca e un bonito bairro de tecedeiras. O mellor foi podermos asistir a un pwe, unha especie de obra de teatro birmana, medio drama histórico medio musical. Atopámolo sen agardalo, no medio do mercado. Os homes que participaban no espectáculo levaban unha borracheira tremenda, mentras as mulleres non deixaban de realizar ofrendas florais a Buda…Tamén gostamos muito de Sagaing, e das súas colinas coroadas de templos. Coñecimos tamén a parte máis rural do municipio, adentrándonos en pequenas aldeias onde os nenos e nenas non deixaban de sairnos ao paso e ficar sorprendidísimos ollando cara nós…nunca tal cousa viran!.

En Mandalay ceamos sempre no mesmo sitio, un posto de rúa perto do noso hotel rexentado por indianos, no que servían uns chapatis (unha especie de filloa que se molla nuns prebes picantes) deliciosos, e outros pratos de arroz e sopas a bo prezo. Non pagamos nunca máis de 5 euros por cear dúas persoas. O ambiente do local é xenial, as mesas son diminutas e ocupan parte da rúa, a clientela é toda local, e resulta mesmo difícil atopar sitio nas súas horas punta, sobre todo a partires das sete da tarde. A xente procedente da India está completamente integrada nunha Myanmar con maioría de xente de etnia bahamar. A outra gran minoría existente no país, a chinesa, semella non o estar tanto, e resulta máis antipática para a cidadanía birmana. No país conviven dúas grandes relixións, o budismo theravada, practicado pola maioría da populación, e o Islam, profesado por un 10%, con máis presenza nas principias cidades, onde a comunidade musulmana habita bairros enteiros entorno ás numerosas mezquitas.

Mandalay é a segunda cidade birmana en poboación con cerca de 950.000 habitantes aproximadamente (xa que non hai censo oficial desde 2005), e a primeira en número de monxes.
 En Tailandia xa nos chamara a atención o ritual despertino dos monxes recorrendo a cidade na procura de lismosna e comida. Os monxes tailandeses son moi diferentes  dos birmanos, estos últimos moito máis amables e cercanos.
Novicia


 Chamounos tamén a atención o impresionante número de monxas coas que nos cruzamos, especialmente novicias co seu cuenquiño (moi similar ao que utilizan os seus compañeiros masculinos) e descalzas, tamén na procura de cartos e comida....

No hay comentarios:

Publicar un comentario