En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

miércoles, 28 de septiembre de 2011

Hue


A viaxe desde Hoi An até Hue en autobús vía Danang dura unhas catro horas, contando cunha estratéxica parada de media hora nunha tenda de souvenirs para turistas a medio camiño (nós aproveitamos o interesado receso para baixar un rato á unha maravillosa praia).
Hai quen afirma que Hue, capital do Vietnam entre 1802 e 1945, é o centro intelectual, cultural e espiritual do país. Nós non chegaremos a afirmar tal, mais a verdade é que conta con muitos atractivos que fan que pague a pena parar nela. A cidade está dividida polo río Song Huong (río do Perfume), e a pesares de contar con 335.000 habitantes, é facilmente abarcábel a pé.

O primeiro día percorrimos a Ciudadela, a que fora cidade imperial, que data de 1804 e está cercada por unha muralla de 6 m de altura e 2,5 km de lonxitude. No interior das murallas visitamos a Cidade Proibida Púrpura, a residencia privada dos emperadores da dinastía Nguyen. O recinto imperial está un tanto descoidado, se ben conserva parte do seu encanto, e as dimensións do recinto impresionan. Após sairmos do recinto, paseamos polos barrios populosos que o rodean, e paramos a tomar un batido de frutas nunha terraza ateigada por xente local. O batido consistiu nun vaso cheo de fruitas (identificamos tamén anacos de abacate) con leite condensada. A maiores puxeron unha cunca con xeo picado e unha culler coa que machacar a fruita e o xeo até facer o batido manualmente. Estaban moi bos, e pagamos polos dous menos de un dólar.

O noso segundo día en Hue adicámolo a visitar, a través dunha viaxe organizada, as tumbas reais máis a pagoda de Thien Mu, na contorna de Hue. O circuito faise en autobús a excepción do último treito, no que se regresa á cidade en barco polo río do Perfume. Non gostamos en exceso destas visitas organizadas, ainda que ás veces son unha boa solución para visitar lugares alonxados aos que resulta complexo chegar se non contas con muito tempo. A visita ás tumbas de Tu Duc e Minh Mang, xunto coa pagoda de Tien Mu, son moi recomendábeis, sobre todo polo seu precioso entorno natural.

Incenso
Tamén visitamos o que ía ser unha vila onde se fabrica o incenso, e que resultou ser un conxunto de tendas de souvenirs onde señoras corren a sentarse nas súas mesas de "traballo" para preparar algunhas varillas de incenso en canto os e as turistas baixan do autobús.

Gastronomicamente falando dicer que atopamos de casualidade un restaurante marabilloso. Estaban a cair baldes de auga e metímonos no primeiro lugar que vimos aberto coa intención de tomar un café. Ao botarlle un ollo á carta decidimos xantar alí. Comimos un atún guisado de primeira, xunto cunhas xudías con gambas e carne de porco, arroz, tres cervexas e dous tés…todo boísimo e nun patio chulísimo…por uns 8 dólares.

Como curiosidade, deixamos esta foto, que reflicte unha outra forma de machismo... Os cánones de beleza aos que están sometidas as mulleres asiáticas son un tanto "peculiares". Resulta que non está nada de moda estar bronceada, así que moitas mulleres (especialmente as novas) cubren totalmente os seus corpos e caras como se levaran un burka, para evitar que lles de un raio de sol!! Coas altas temperaturas que hai por aqui, ir tan tapadas debe ser toda unha tortura... E por se fora pouco, case todos os productos de beleza conteñen algo así como "branqueante". Por suposto os homes non teñen reparos en sentarse nunha terraza e disfrutar do sol.


Desde Hue viaxamos de  novo nun autobús cama até Hanoi, onde faremos unha pequena parada antes de dirixirnos a Sapa, cidade situada nas montañas do norte do país, próximas á fronteira chinesa. 

Unha aperta!

No hay comentarios:

Publicar un comentario