En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

martes, 6 de septiembre de 2011

Battambang

Emprendimos viaxe a Battambang en barco a través do lago Tonlé Sap. Este lago ocupa durante a temporada seca unha superficie de 3.000 km2, mais cando chegan as choivas, anega as terras circundantes chegando a ocupar 13.000 km2, o que fai posíbel ir de Siem Reap a Battambang "case case en liña recta".

Navegar entre as copas das árbores é toda unha experiencia. O vello e pequecho barco no que viaxamos emprégase principalmente para usos turísticos (é moito máis rápido e económico viaxar entre Siem Reap e Battambang en bus), si ben ao longo da travesía fomos recollendo tamén xente local, que ao habitaren nas aldeas flotantes do lago, non teñen outro medio de transporte público que non sexa este. A viaxe, que dura unhas 6 horas contando as paradas para recoller e deixar xente e unha parada máis longa para xantar nunha das aldeas flotantes do camiño, transcurre entre preciosos canais de auga. É unha tranquila e fermosa maneira de coñecer a vida mariñeira da Camboia interior.


Battambang é unha pequena localidade (140.000 habitantes) con pasado colonial. Actualmente a arquitectura colonial está un tanto deteriorada, e o principal atractivo da localidade reside nos templos e aldeas da súa contorna, que amosan ao viaxeiro a realidade da vida labrega do país, con extensas plantacións de arroz, feixóns, chiles e mesmo unha cativa zona vitivinícola. Á nosa chegada, e despois de atopar hotel, dimos un largo paseo pola ribeira do rio, polas rúas principias e tamén polos bairros máis deprimidos, que sempre agochan as imaxes máis impactantes da xornada…

Á noite fomos a un concerto no Phare Ponleu Selpak , un centro artístico para nenos e nenas desfavorecidas. A experincia foi moi curiosa. O grupo en cuestión, do que non lembramos o nome, facía unha especie de fusión entre música tradicional camboiana e músicas populares contemporáneas (pop, rock, reagge...), acompañada de danza. Ficamos sorprendidas do éxito que tiña entre o público local, inmensa maioría na sala, e que enfervorizado berraba, batía palmas e bailaba...


Ao día seguinte fixemos unha excursión nun tuc-tuc (taxi local consistente nun carromato tirado por unha motocicleta) compartido con uns alemáns. Visitamos en primeiro lugar o tren do bambu, e fixemos unha viaxe nunha das plataformas de bambu propulsadas por un pequeno motor. A viaxe resulta interesante, mais demasiado turística, xa que este medio de transporte, inda vivo noutras localidades do país, en Battambang está principalmente dirixido ás/aos turistas. O máis curioso é que cando dúas plataformas de bambu coinciden en sentido contrario, a que ten menos pasaxeiras/os ten que desmontarse e deixar pasar á máis pesada.

 Após visitar o tren do bambu dirixímonos ao templo de Phnom Banan, unhas construccións anteriores ás de Angkor, e que supostamente inspiraron estas. A colina na que se atopa o templo alberga tamén algunhas covas. Resulta algo intrigante buscalas entre avisos de peligro por existencia de minas, e non tranquilizan en exceso as palabras das persoas locais que aseguran que a zona xa está “peinada” e non ten perigo explorala.

As emocións máis fortes da xornada chegaron coa nosa visita a Phnom Sampeu. O camiño que leva a esta preciosa montaña é toda unha mostra da forma de vida das xentes do lugar. Homes e mulleres traballando nos campos de arroz, sacando ás vacas, sementando legumes, collendo cocos….e infinitos grupos de nenos e nenas xogando polos camiños e saudando ás e aos viaxeiros que por alí pasan, unha auténtica gozada. 


Ao chegarmos ao noso destino contratamos un guía local supostamente coñecedor dos lugares máis importantes que alberga a montaña (paga a pena facer a visita sen guía). Levounos por algúns templos e imaxes de buda sen moito interese, e finalmente chegamos ao lugar que nós procurabamos, as grutas e covas empregadas polos xemeres vermellos para executar presas e presos da zona durante o seu goberno. Resulta increíbel que moreas de cráneos e osos de vítimas non identificadas fiquen no lugar a modo de macabro recordatorio…


As vistas desde o cumio do monte son, por outra parte, espectaculares....


Temos que destacar da nosa visita a Battambang, o bo hotel no que estivemos hospedados, o Royal Hotel. Unha enorme e limpa habitación doble cun amplo baño no seu interior por 8 dólares a noite. Palabras maiores merece o pequeno restaurante situado a 10 metros deste hotel, cunha cociña tanto xemer como occidental de primeira e a moi bo prezo, e con xarras de cervexa a medio dólar.

No momento de escribir está entrada, estamos de camiño en bus cara a Phon Phem, a misteriosa capital do país, onde pasaremos os próximos días...

Até outra.

2 comentarios:

  1. Dan ganas de irse a Camboia... xa un amigo, Vicente, me dixera unha vez que era espectacular. Eu fágovos unha recomendación: que busquedes e escoitedes algo de rock camboiano dos 60 (aínda que o podedes atopar no Spotify). Antes da chegada do xemer vermello había unha movida rockeira moi moi orixinal en Camboia. Agora hai un grupo americano con cantante camboiana que recolle ese son en discos novos: chámase Dengue Fever e está moi ben.
    Aproveito para preguntarvos o teléfono de Manolo e Chus e o de Luis. Vai comezar a tempada de billarda e non sei se Se Foras Traballar vai facer equipo faltando vós, porque a tempada pasada foron moi poucos días a xogar. Queríamos propoñerlles que viñesen con Culombio...
    Pasádeo ben, apertas!

    ResponderEliminar
  2. Grazas pola suxerencia Moi! O Dengue Fever xa o coñeciamos porque aparece na Biblia (como lle chaman á Lonely Planet), mais haberá que ver que atopamos sobre o rock dos 60s!!
    Os teléfonos xa están enviados!! E se finalmente hai unión, e victorias, lembradevos de tomar unha a nosa saúde!! Bicos para ti e para E.

    ResponderEliminar