En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

miércoles, 21 de diciembre de 2011

Buenos Aires

O noso primeiro contacto coa capital da Arxentina foi a través das xanelas dun carro. Un familiar, remisero de profesión, levounos nun paseo de hora e media polos lugares máis típicos da capital arxentina; Palermo, Puerto Madero, e o centro foi parte do percorrido, mais o estadio Monumental (a cancha de River Plate) foi a parada estrela, xa que na Arxentina o futból vivese cunha inmensa pasión, e un siareiro do River (inda que a súa equipa baixara a segunda...) é ben fachendoso en todo o referente a súa equipa e sintese na cancha case mellor que na casa!
O paseo foi estupendo, ademais de servir dun primeiro contacto coa cidade que axudou a ter unha mellor orientación nas nosas posteriores visitas.
 
Avenida 18 de Julio

Nunha das nosas incursións na capital e na súa contorna (durmimos en Haedo, na municipalidade de Morón, en provincias, a unha hora máis ou menos do centro en transporte público, na chamada liña do tren Sarmiento, un dos trens máis infernais, sobre todo nas horas punta, dos que temos experimentado nesta viaxe), fomos até a Casa de Galiza, para coñecer onde os galegos e galegas pasan as súas horas de lecer, e de alí ao Tigre, para percorrer en barco o delta do río Paraná. Viaxamos no " Tren de la Costa" desde a Casa de Galiza até o Tigre. Visitando este relexado lugar, semella que non se está nunha grande cidade como Buenos Aires.

Paseamos muito polo centro da cidade: Avenida Florida, Corrientes, 18 de Julio...visitando o famoso Obelisco, a Catedral Metropolitana, o Cabildo, a Casa Rosada, a Manzana de las Luces, o Palacio del Congreso ou o Teatro Colón, entre voutros lugares. Doa barrios característicos da cidade, visitamos San Telmo, La Boca, Recoleta, Palermo e Puerto Madero.

Casa Rosada
San Telmo, barrio da clase alta no pasado, é un hoxe un lugar agradábel para pasear, ademáis do centro da cultura do tango na cidade. As súas rúas e prazas adoquinadas, xunto coas súas antigas mansións e tendas de antigüedades, son hoxe un atractivo turístico de primeira orde. Nós xantamos nun asador do barrio, coñecimos o seu antigo mercado, e tomamos café nunha terraza da Praza de Dorrego, con espectáculo de tango ao vivo incluído.

Tango nas rúas de San Telmo
La Boca, tardicional barrio de clase traballadora xunto ao Riachuelo, fundado pola emigración italiana, agocha numerosos atractivos. La Bombonera, estadio de Boca Juniors, é visita obrigada. As rúas que rodean "la cancha" están todas pintadas coas cores da equipa, e con murais que lembran a persoeiros do clube, como Maradona ou "loco" Gati. Paseamos tamén por Caminito, o paseo peatonal con casas de metal, unha das típicas imaxes da cidade. Dicer que ao chegarmos á tardiña ao barrio, a nosa visita non foi moi extensa, xa que cando anoitece, o lugar non é mio seguro.

La Boca
En Recoleta, un dos barrios da clase alta bonaerense, visitamos o seu famoso cemiterio. Fixemos unha interesantísima e gratuita visita guiada poloa camposanto. Os seus mausoleos son realmente impresionantes (varias xeracións da elite arxentina descansan aquí). O percorrido rematou, como non podía ser doutra forma, na tumba de Evita.

Palermo foi un dos lugares dos que máis gostamos en Buenos Aires. Os seus parques, xardíns e lagos son unha gozada para pasear. Ao sul dos parques, visitamos o Museo Eva Perón e camiñamos polas rúas de Palermo Viejo (hoxe coñecido como Palermo Soho e Palermo Hollywood a modo hortera para o  reclamo turístico). O barrio está cheo de impresionantes restaurantes e tendas de roupa, e tamén se está a convertir nun dos centros da vida nocturna na capital.

Mate e fútbol na Costanera Sur

Puerto Madero é un barrio exclusivo, novo e moderno, construído arredor de antigos almacéns portuarios, hoxe reconvertidos en bares e restaurantes. Gostamos muito da expresión "concheto (señorito, pijo...) de Puerto Madero", adicada pola presidenta Cristina a un seu vicepresidente económico residente no barrio, e con quen tivo públicas diferencias. Pois eso, pasamos unha tarde por Puerto Madero, en plan vida de "conchetos": comida de nivel, cafecito, paseo...Perto de alí está areserva ecolóxica da Costanera Sur, un enorme lugar onde camiñar e esquecer o axetreo da gran cidade.

Fora do centro visitamos, alén do Tigre, a zona de San Isidro, chea de parques, equipamentos deportivos e terrazas perto do río, e tamén o bonito zoolóxico de Temaiken.

Gastronomicamente falando, dicer que Arxentina fixo que recuperáramos os quilos perdidos no transcurso da viaxe. Chegamos feitos uns fiunchos e partimos "ben mantidos". A súa carne, as empanadas, as pastas, a pizza, os xeados ou o doce de leite son responsábeisdesta recuperación. abofé que ter comido "na casa" muitas veces tamén axudou.

Para a nosa familia na Arxentina, e con quen coincidimos precedentes da Galiza, só temos palabras de agradecemento. Seus nomes non saen neste blog por preservar a súa intimidade, mais non esqueceremos a súa amabilidade, os asados, os cafés, as conversas...e poder xogar coas novas xeracións, que veñen con forza e son increíbeis...e despedirnos como merece de quen nos deixou durante estes meses, de quen tanto nos lembramos durante esta viaxe e que agora descansa tamén na cidade que tanto amou.

Deixamos Arxentina e dirixímonos ao Brasil, derradeira parada da nosa viaxe, que vai rematando...

No hay comentarios:

Publicar un comentario