En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

viernes, 9 de diciembre de 2011

Paracas: visita as illas Ballestas e sandboard

E despois da estadía na capital, tocaba ir a visitar ás illas Ballestas, tamén coñecidas como “as Galápagos dos pobres”. O campamento base, desde o que partir cara ás illas, ubicámolo na pequenísima e excesivamente tranquila aldea de Paracas.

Para ir até alá, escollimos os autobuses da compañía Cruz del Sur. Os autobuses, aos que se accede baixo un estricto protocolo de seguridade, son do máis confortábel. Até teñen wifi!!! Son un pouco máis caros que os de outras compañías pero a diferenza na calidade do servizo fai que pague a pena pagar un pouco máis.
A estación de autobuses está a 200 metros do hotel que reservamos, así que rapidamente acomodámonos e fumos reservar a excursión ás illas para o día seguinte.


A excursión dura aproximadamente dúas horas (media hora de viaxe para chegar, unha hora navegando entre as illas, e media hora para regresar a porto), e pódese escoller entre o turno das 08.00 ou das 12.00. Nós fumos madrugadoras e ás 07.30 xa estabamos no peirao listas para saír.

Candeeiro dos tres brazos
Antes de chegar ás illas o barco pasou polo famoso “Candeeiro de tres brazos”, tamén coñecido como Tridente ou Tres Cruzamentos, un xeoglifo de máis de 177 m. de longo e 54 m. de ancho (na súa base aparece un rectángulo de 20 por 14 m. onde hai unha gran focha central) cunha profundidade na area que flutúa entre os 10 e 60 cm. na actualidade. O vento foi cubrindo de area o que anteriormente se cre que eran sucos cunha profundidade dun metro aproximadamente, e en cuxo leito máis profundo descubriuse unha codia branco-amarelenta de composición cristalina, que fai supoñer que no pasado o candeeiro brillaba cos reflexos do Sol sobre a súa superficie, sendo moito máis definido e visíbel na distancia.
Segundo o guía que nos acompañou na singladura, ao Candeeiro relaciónaselle coas liñas de Nazca, a pesar de que a súa orientación non sinala na dirección destas liñas nin a outros lugares "sagrados". Tamén se asocia con traballos de colleita ou con accións de piratas como proba do seu paso por estas terras, aínda que tampouco se descarta que sexa un símbolo realizado a principios do século XIX cuxo propósito inicial foi o de orientar a navegantes e pescadores. Outros identifican a súa forma coa do "peiote", unha variedade de cacto do que se extrae por parte das/os indíxenas un potente alucinóxeno usado en rituais máxicos. Fálase tamén da representación dunha constelación: a Cruz do Sur. Pero o único realmente certo é que se descoñece con certeza cuales foron as súas orixes, tanto no que respecta ás persoas que o contruiron, as datas, e por suposto, ao seu significado e a súa verdadeira utilidade.
O que parece certo, tanto a súa estratéxica situación coma as súas enormes proporcións, é a intención por parte das persoas que o fixeron de que fose visto desde grandes distancias (din que con tempo despexado é perfectamente visible a 20 km. da costa), destacando especialmente a súa contemplación desde o mar, pero sobre todo desde o aire.
A pouco de pasar polo Candeeiro, chegamos ás illas Ballestas e o primeiro que nos chamou a atención non foron ás miles de aves que habitan estas illas, senón o indescriptíbel cheiro do guano. Guano é unha palabra que provén do quechua "wanu" e é o nome que se lle dá aos excrementos das aves mariñas do guanay, o piqueiro e o mascato, coñecido tamén como pelicano. O guano das aves é utilizado como aboamento eficaz na agricultura debido aos seus altos niveis de nitróxeno e fósforo. Ademais a súa materia orgánica mellora a estrutura do chan. O guano é unha importante fonte de ingresos para a poboación local, que vive durante seis meses nas illas para a recolección do mesmo. Esta recolección faise cada seis anos, e un dos principais importadores do guano é Inglaterra, segundo ás explicacións do guía. 

Pingüinos de Humboldt, pelicanos e outras aves
Pero supoñemos que moito máis interesante que esta anecdótica descripción do guano é falarmos das illas. Pois ben, as illas Ballestas son un grupo de pequenas illas compostas por formacións rochosas onde se encontra unha importante fauna mariña con aves guaneras como o guanay, o piqueiro e o gabián. Tamén se poden apreciar pelícanos, pingüíns peruanos en perigo de extinción, e dúas variedades de lobos mariños (lobos finos e lobos chuscos). Os lobos estaban case todos a durmir, xa que parece que gostan máis da noite… Inda así, algún había desperto, e foi toda unha experiencia velos no seu hábitat natural, e non nos zoos!
Ás 10.30 estabamos de volta, con todo o día por diante e sen nada que facer. O autobus para o seguinte destino (Arequipa) saía ao día seguinte, así que dispoñíamos de dez horas para organizar unha excursión que debía ter un obxectivo claro: baixar unha enorme duna nunha táboa de sanboard (algo así como o snowboard sobre areia)!!.

Sandboarding
A opción máis factíbel parecía ir até Huacachina, unha vila famosa polas súas enormes dunas, a uns 74 km de Paracas. A pesar de estar non demasiado lonxe, a viaxe era un tanto complicada, xa que precisabamos cambiar até tres veces de autobús, e os horarios non eran moi compatíbeis. Mais o simpático rapaz que traballa na oficina onde contratamos o tour ás illas Ballestas, díxonos que tiñamos unha opción máis económica e cómoda de facer sandboard a quince minutos en coche de Paracas.

Surfeando as dunas en 4x4
Aceptamos, e ás 16.00 comezou a aventura. O guía e conductor que nos viu recoller foi super riquiño, e tivemos a sorte de ir sen compañía na excursión. 
A sensación de baixar as xigantescas dunas co 4x4 foi incríbel, moito mellor que ir nunha montaña rusa.  E isto, combinado co sandboarding fixo que a excursión fora inolvidábel. O guía levounos a varias dunas onde poder practicar o sandboard. A primeira baixada foi un pouco complicada, xa que a posición para baixar é moi diferente a do snow, e a táboa clavábase moito. As seguintes baixadas foron moitísimo mellores, e a verdade é que chegou a pouco (para aquelas/es que se pregunten se cambiaría o sandboarding polo snow…pois que sepan que “ni hablar”! O sandboard está moi ben, pero acabo de comprar táboa nova de snow, e non o cambio por nada do mundo).

Inca Kola
En canto a gastronomía, Paracas cumpriu de lonxe coas nosas expectativas, inda que non foi nada barato. Todo está orientado ao turista e resultou difícil atopar sitios económicos. Paracas resultou ser un ponto moi interesante para a experimentación gastronómica: probamos a famosa Inca Kola (un refresco moi apreciado en Perú con sabor a golosina ou algo semellante propiedade de Coca Cola),e repetimos o ceviche e o famoso Pisco Sour!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario