En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

viernes, 16 de diciembre de 2011

Uruguai: visitando Colonia e Montevideo

Desde Bos Aires fixemos unha breve e estupenda singladura polo Río da Prata até avistar Colonia do Sacramento, onde desembarcamos, e desde onde viaxamos até a capital uruguaia. Foi unha breve paréntese na nosa estadía na Arxentina, polo que decidimos avanzar primeiro en esta entrada a visita a Uruguai.
Varias empresas conectan  Bos Aires con Colonia e Montevideo, dúas delas ofrecen o servizo de venda de boletos online (Colonia Express e Buquebus).
E cabe sinalar que nesta singladura non íamos soas. Despois de tanto tempo, atoparnos coa familia foi xenial, alomenos para nós, pois descargamos boa parte dos millares de anécdotas da viaxe nas agradábeis e longas sobremesas que tivemos. E foron longas porque temos que recoñecer que tiñamos "carrete para rato" (compadecemos anticipadamente ás nosas amigas e amigos polo que lles agarda en poucos días...). Pacientemente a nosa familia aturounos todo e até botou algunha que outra risotada.


Colonia do Sacramento

Colonia é unha pequena vila, con perto de 23.000 habitantes. É facilmente abarcábel a pé, sobretodo pola concentración dos sitios a visitar no casco histórico.
Esta vila foi fundada en 1680 polo pobo portugués, coa intención de pasar o contrabando a través do Río da Prata á capital arxentina. Foilles arrebatada polos colonizadores españois en 1762, e só a conservaron até o 1777, cando as reformas fiscais mudaron para permitir a entrada de mercadorías estranxeiras a Bos Aires.





Faro de Colonia
O barrio histórico está plagado de casas coloniais de tella e estuco, con rúas adoquinadas que complican o paseo senón se conta cun calzado axeitado. O estilo portugués percébese en cada esquina, en cada praza e nas abundantes igrexas ou capelas espalladas polo barrio.
Na Praza de Armas atópase a Igrexa Matriz a que conseguimos entrar grazas á belixerancia co horario da senhora encargada de fechar a Igrexa, pois a pesares de estar fechando cando nós chegamos, deixounos botar unha ollada ao interior. E a verdade é que tivemos sorte porque a Igrexa é ben fermosa.
Perto das ruinas do convento de San Francisco está o Faro, desde o que hai unhas boas vistas de Colonia e das súa costa.


O paseo de San Gabriel fronte ao río, ao solpor, abriunos de novo o apetito (e iso que comeramos máis unha vez un copioso asado con buffet de ensaladas), así que sentamos nunha terraza a disfrutar da frescura da tarde cunhas cervexas acompañadas pola xa tamén clásica na nosa dieta, a pizza!


Vistas da praia desde o paseo
A verdade é que a pesares de ser unha vila con moita afluencia de turistas, e de irmos en días próximos a unha longa ponte de feriados na Arxentina, non notamos demasiada presenza de xenñ, salvo polo cheo dalgúns hoteis nos que preguntamos por aloxamento.
Os hoteis en xeral teñen unha peor relación calidade/prezo do que os europeios, mais nós dimos atopado con un bastante xeitoso.


Montevideo

A capital uruguaia recibíunos cunha temperatura moi elevada; as súas rúas, un tanto decrepitas, refumaban unha húmida e incómoda calor.
Desde a estación de autobuses collimos un taxi para chegar ao centro e ir na procura dun hotel económico, mais adaptado aos mínimos de hixene e confortabilidade que nos xa esqueceramos, e que pola contra a familia consideraba indispensábeis. A tarefa noi foi demasiado complicada e atopamos un hotel que nos complaceu a todas/os, cunha xerenta do máis simpática.

Vistas da cidade desde o hotel no que almorzamos

Por certo, o taxista que nos levou acababa de retornar de Canarias, e voltaba pola mala situación económica que está a viver o estado español. Isto foi unha constante, tanto en Bos Aires en Uruguai, pois coñecimos varios casos de retornadas/os...

O centro de Montevideo acolle unha frenética vida diurna, mais en canto cae a tarde todo o bullicio desaparece e o centro queda totalmente deserto. Mesmo a maior parte dos restaurantes fechan. Isto reduciu considerabelmente as nosas opcións para as ceas, mais non por iso deixamos de cear! De feito, estes días coa familia serviron para recuperar os kilos perdidos en Asia (e o doce de leite e os xelados arxentinos fixeron que mesmo vaiamos a voltar con algún kilo de máis).

Gostamos moito da visita ao mercado, ao carón do peirao. Para chegar, o camiño levounnos por unha zona bastante deprimida. A pesares de ir en horario escolar, cruzamos moitas nenas e nenos xogando na rúa, saído e entrado en casas realmente humildes.O xantar no mercado foi moi agradábel, e para descansar un pouco dos asados que comeramos en Bos Aires, decidimonos por comer un pouco de peixe (agardando que o mesmo fora pescado lonxe da ribeira, pois as augas do Mar de Prata non inspiran demasiada confianza).

Vistas desde o peirao

E para baixar a comida voltamos cara o centro a continuar paseando. Concretamente pola Praza da Independencia, a Avenida 18 de Xullo e a Praza do Entrevero e a Praza Cogancha. Do que máis gostamos foi do Palacio Salvio, que no seu tempo foi o edificio máis alto de America do Sul, e do Teatro Solís.


Palacio Salvio
Unha pequena máis intensa escapada ao Uruguai que recomendamos a quen visite Bos Aires, xa que resulta moi cómodo e rápido desprazarse polo Río da Prata....




No hay comentarios:

Publicar un comentario