En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

jueves, 15 de diciembre de 2011

Valparaíso

Valparaíso, declarada Patrimonio Mundial pola UNESCO é unha cidade portuaria con coloristas casas que se amorean nos cerros ao longo da costa. As súas empinadas rúas, a súa variada arquitectura, o océano Pacífico e os seus pintorestcos ascensores (construídos entre finais do s XIX e comezos do XX, e aínda activos e necesarios para librar tan importantes desniveis) son os principais atractivos do lugar.

Porto de Valparaíso
Ao chegarmos a Valparaíso, atopámonos con unha enorme manifestación do estudantado chileno en contra da privatización do ensino. A cidade alberga a sede do Congreso, polo que este tipo de protestas deben ser habituais. O conflito educativo, que ten paralizado o ensino medio e superior desde hai seis meses, semella enquistado e sen trazos de solución. Nós acompañamos a manifestación até o final do seu percorrido, e alí poidemos comprobar "como se las gastan" en Chile manifestantes e policía. Pedras e adoquíns contra botes de fume e auga a presión...unha auténtica batalla campal!. En Santiago, visitamos tamén unha das facultades ocupadas polo estudantado.

Enfrontamentos entre estudantado e policía
De Valparaíso gostamos muito do Cerro Alegre máis do Cerro Concepción (especialmente do chamado paseo iugoslavo). Pasear polas rúas da cidade observando as maxestuosas edificacións, muitas delas en estado decadente, amosounos a importancia deste porto no pasado (era lugar de parada de naves internacionais, baleeiros, e ponto de saída das exportacións chilenas), até a inauguración do Canal de Panamá.

A rúa do noso hostal
Á noite ceamos nun precioso bar perto do hostal unhas empanadas (as nosas "empanadillas") con queixo e pesto increíbeis. Durmimos nun albergue algo decrépito, mais que pagou a pena tan só polo almorzo con un excelente pan caseiro .

Tumba de Pablo Neruda
Desde Valparaíso dirixímonos a Isla Negra, 80 quilómetros ao sul, para visitarmos a casa-museo de Pablo Neruda. A casa, situada sobre un cabo rochoso xunto ao mar, conserva numerosos obxectos persoais do escritor. Alberga tamén a tumba de Neruda e da súa terceira esposa. O emprazamento da casa, a súa escéntrica arquitectura (a casa é moi alongada, segundo a guia pola intención de Neruda de que a súa casa fose como o seu país), e as impresionates vistas ben merecen unha visita, alén dos conteudos do museo. Voltamos a Santiago para facer máis unha noite e viaxaren cara Buenos Aires, próxima parada da nosa viaxe, e a que estamos desexando chegar, sobre todo por ver á familia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario