En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

jueves, 15 de diciembre de 2011

Machu Picchu (e Wayna Picchu) e o Val Sagrado

Machu Picchu é sen lugar a dúbidas un dos lugares máis marabillosos que temos visto até o momento, se ben non é apto para todos os petos. Organizar a viaxe de xeito independente é doado grazas ao internet. De feito, a partires de xaneiro do 2012 as entradas para o Machu Picchu só se poderan mercar na web (inda que de momento funciona con algún que outro problema).

Un rapaz catalán, que coñecimos en Camboxa, faláranos da posibilidade de chegar a Machu Picchu dun xeito moito máis económico que collendo o tren de Peru Rail, desde Cusco ou desde Ollantaytambo, a través da vila de Santa Teresa (na Lonely Planet tamén ven explicada esta ruta alternativa). Se ben, coma sempre, non tiñamos días de abondo para aventurarnos a ir por este camiño, xa que as combinacións de buses facían que tiveramos que empregar alomenos un día máis en chegar.

Na ruta maioritaria, ou a máis turística, os billetes de tren tamén se poden mercar na web de Peru Rail . Canto antes se merquen máis opcións hai de conseguir prezos máis axeitados e mellores horarios. Para nós, que os compramos con tres días de antelación, a opción que nos viña máis a conta era sair desde Ollantaytambo ( e non directamente desde Cuzco). Ademais, Ollantaytambo ben merecía unha visita!!


As nosas compañeiras de autobús
O percorrido foi o seguinte: desde Cuzco collimos un autobús a Urubamba, e de alí un minivan até Ollantaytambo, desde onde parte o tren cara Aguas Calientes (vila onde é habitual ubicar o campamento base para a subida ao Machu Picchu). O bus que nos levou a Urubamba ten un prezo fixo, pero no minivan tivemos que regatear un pouco. Existen buses directos Cuzco-Ollantaytambo onde soen ir os e as turistas (máis rápidos e pouco máis caros), que nós descartamos "ya que nos va la marcha” das viaxes en transporte local…Pasamos nada máis e nada menos que tres horas no bus.



En Ollantaytambo tivemos unhas seis horas para pasear e visitar as súas impresionantes ruinas, unhas das máis recoñecidas do Val Sagrado. O complexo Inca desta vila marca un dos poucos lugares onde os conquistadores/colonizadores perderon unha batalla, grazas a estratexia do Inca Manco. As enormes pedras que conforman o complexo foron extraídas dunha ladeira bastante afastada, polo que resulta sorprendente pensar que estas foron transportadas sen ningún tipo de medio mécanico.



Complexo Inca de Ollantaytambo



E tamén houbo tempo para comer un económico menu, cunha sopa exquisita con pito, millo e outras verduras (algunhas das cais descoñecemos).

Sopa

As catro da tarde, collimos o tren cara Aguas Calientes. O tren (chamado “panorámico” xa que ten grandes xanelas e teito transparente) vai ao rente do río, deixándonos idílicas imaxes das que practicamente non sacamos ningunha foto.

Ao chegar á estación de Aguas Calientes (onde había cartaces pedindo que se chamara á vila polo nome de Machu Picchu Pueblo), atopámonos coa nosa “caseira” agardando por nós. O hotel contratáramolo a través do proprio hostal de Cusco, e para o que hai non estaba mal.

En Machu Picchu Pueblo, hai unhas termas de auga quente que por suposto fumos probar antes de cear. O ambiente, abarrotado de rapazada, era demasiado barullento. A cor e o cheiro das augas é bastante noxento, así que non aguantamos máis de unha  hora.

A mañá seguinte, erguímonos ás catro para chegarmos das primeiras a Machu Picchu,  xa que tiñamos por diante unha camiñata de hora e media. Existe a posibilidade de subir en bus (un bus que debe ser o máis caro do mundo) pero apetecianos camiñar, e aforrar, claro!! Temos que recoñecer que ao chegar arriba estabamos exhaustas, pero as vistas do Machu Picchu eliminaron rapidamente todo ápice de cansanzo.

Cando mercamos a entrada para o Machu Picchu, mercamos tamén a entrada que da acceso ao Wayna Picchu (ou Huayna Picchu, como ven escrito na web oficial), un monte colindante desde o que hai unhas vistas impresionantes. Recomendaríamos sempre subir ao  Wayna; paga moito a pena inda que a súbida é bastante dura e complicada (tendo mesmo que subir e baixar por escadas feitas con troncos de madeira, seguras a simple vista, pero bastante rudimentarias). Non entendemos eso sí, como ao entrar non hai ningún aviso da dificultade da subida,  xa que unha persoa maior ou en mala forma física  pódeo pasar realmente mal. 

Vistas de Machu Pichu desde o Wayna Pichu
Dúas anécdotas aconteceron durante a subida ao cumio do Wayna Picchu; a primeira é que vimos unha serpe de tamaño considerábel cruzándose no noso camiño, e a segunda foi cando chegamos ao Templo da Lúa. Alí, un “guía/vixilante” (que afirmaba ter guiado polo Machu Picchu a importantes persoas e famosos/as como Sigourney Weaver) deunos mil e unha explicación sobre Machu Picchu, sobre o seu famoso descubridor Hiran Bingham, e o saqueo arqueolóxico que levou a cabo. Recomendounos a lectura de dous libros sobre Machu Picchu, os dous que considera máis rigurosos desde o ponto de vista científico, e os dous están escritos por mulleres! (agora non atopamos as referencias, pero completaremolas en canto apareza a anotación!).

E despois de catro horas durísimas de subidas e baixadas de vertixe (o camiño leva máis ou menos tres horas, mais nos pasamos unha co guia), voltamos para o Machu Picchu e fumos até o último ponto que nos quedaba por ver: a ponte das/os Incas, unha impresionante construcción pendurada dunha parede totalmente vertical. O camiño tampouco é apto para aquelas/es que sofran de vertigo (inda que tampouco este indicado en ningún sitio), de feito cruzámonos cunha rapaza que estaba a sofrer un ataque de pánico (ou algo así).

A ponte das e dos Incas
Ao finalizar a baixada de novo até Aguas Calientes, xa non tiñamos forza nin para levantar a merecidísima xarra de cervexa que tomamos. E ás seis da tarde (máis ou menos) voltamos no turístico tren a Ollantaytambo, onde collimos un minivan directo a Cusco. Chegamos ás once da noite, e cos últimos folgos conseguimos darnos unha ducha para eliminar os abundantes restos que o esforzo da visita a Machu Picchu deixara nos nosos corpos. Nunca estiveramos tan cansas/os, pero tan contentas/os (pode soar cursi, pero é que realmente foi unha excursión única).

No hay comentarios:

Publicar un comentario