En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

jueves, 15 de diciembre de 2011

Santiago de Chile

Salón do hostal
A viaxe a Santiago foi terríbel por mor (máis unha vez) dun virus estomacal. E esta vez si que foi forte. Así que durante dous días non puidemos sair do hostal, e menos mal que tivemos a sorte de ter reservado un hostal estupendo cunha caseira fora de serie, que estivo ao tanto de nós en todo momento (especialmente da viaxeira que sofreu en maior medida os efectos víricos dun ceviche podrido), pendente de que tomara as menciñas e de que sempre tivera a man líquidos para evitar as deshidratacións.

E cando as pernas xa podían co corpo, comezamos (eso sí, moi de vagar) os paseos pola cidade. O primeiro día collimos un metro até o centro, e paseamos polas prazas da Liberdade, da Constitución e a famosa praza de Armas, visitando o Palacio de la Moneda, a Catedral e o Mercado.

Palacio de la Moneda

No segundo día fomos ver o Museo da Memoria e dos Dereitos Humáns, unha das visitas das que máis gostamos. Este museo rexistra os atentados acometidos durante a dictadura militar de Pinochet contra as persoas e as liberdades, despois do golpe militar do 11 de setembro do 1973 que aniquilou ao goberno democrático presidido por Salvador Allende. O museo é moi didáctico, máis tamén é moi emotivo.


Virxe
Tamén fixemos unha excursión ao cerro de San Cristóbal, ao que se chega nun funicular que ascende 485 metros desde a praza de Caupolicán. Ao chegar ao cumio fumos recibidas por unha xigantesca Virxe, e por unhas vistas da cidade inmellorábeis. A baixada por suposto foi a pé, mais hai que dicir que o sendeiro estaba sucio e en moi mal estado.







Bódega Viña Aquitania
A pesares de que a cata de viños ía estar vedada por mor do virus, a visita a unha bodega era inexcusábel. A escollida (fundamentalmente por razóns de accesibilidade) foi Vinha Aquitania, unha bodega moi pequeniña pero ben xeitosa. Para chegar desde a parada de metro máis próxima, tivemos que camiñar uns cuarenta minutos, xa que non dispoñíamos da tarxeta de bus, e non permiten o pago en metálico. No camiño pasamos dúas zonas contíguas na rúa pero totalmente dispares: ao comezo todo eran casiñas precarias e a basura estaba por todas pares, mais unha urbanización de luxo daba comezo a unha zona totalmente diferente, cheia de casas impresionantes e centros comerciais.



Os barrios de Providencia e Bellavista decepcionáronnos un pouco. Inda que eran do máis animado da cidade, é de supoñer que a xente non fai moita vida de rúa, pois nos bares (pegadiños ás Universidades) só estaban estudantes tomando cervexas.


Cartaces na fachada da Universidade por mor das folgas estudiantis para demandar o estudo gratuito


 Por certo, o que sen dúbida máis me fastidiou de ter estado enferma foi perder o concerto que Violadores del Verso daban na capital chilena ao día seguinte da nosa chegada!! Foi unha verdadeira mágoa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario