En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

viernes, 2 de septiembre de 2011

Bagan

A viaxe de Mandalay a Bagan foi todo unha experiencia. No bus, que demorou máis de 12 horas en completar unha distancia de 200 quilómetros, conviviamos viaxeiras/os e mercadorías. O cheiro dentro era tremendo, non entrabamos nos nosos asentos, parte dos nosos compañeiros de viaxe estaban colocados e non deixaban de botar peidos e arroutos…En medio da noite, e nunha zona no medio da nada onde non había iluminación algunha máis alá dun marabilloso ceo estrelado…o bus avariouse. Durante dúas horas, acompañamos ao conductor e demais tripulación que, sentados no medio da estrada á luz dunhas lanternas, sacaron o motor e comezaron a darlle golpes cunha ferramenta irrecoñecíbel até que, non nos explicamos como, volvérono colocar e o bus arrancou. 




Bagan é unha chaira repleta de templos (seica 4.400). Case todos remóntanse á mesma época, en torno ao século XII. Este enclave arqueolóxico ocupa unha extensión de 42 km2, polo que querer visitar a totalidade das edificacións resulta completamente imposíbel. Nós combinamos varios transportes para facer a visita: camionetas locais que transportan á xente dunha localidade a outra, carros de cabalos, e muitos paseios a pé. O lugar é increíbel, e as vistas desde os templos aos que se pode, literalmente, “escalar”, impresionantes.

En Bagan durmimos tres noites en tres hoteis diferentes. A primeira noite nun hotel normaliño, a segunda foi unha homenaxe nun hotel moi bonito con piscina e todo, e a terceira fixémolo nunha “cuadra” perto da estación de autobuses, xa que partiamos ás 4 da mañá para o Lago Inle e só queriamos un lugar para deixar as maletas e botar unha cabezada.

Gostamos muito da gastronomía en Bagan. Ao ser un lugar turístico, hai variedade de lugares onde xantar. Nós fixémolo nun vexetariano que tiña un tofu riquísimo, e nun restaurante con ampla carta onde dimos boa conta dun menu indiano a base de sopa, chapatis e currys.

No hay comentarios:

Publicar un comentario