En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

martes, 20 de septiembre de 2011

Ho Chi Minh


Ho Chi Minh é unha cidade sorprendente. En nada se asemella ás cidades do sudeste asiático que temos visitado até o de agora. Anchas avenidas, tendas das primeiras marcas, bares e restaurantes de primeiro nivel, rañaceos…e tamén vida de rúa, mercados, arquitectura colonial, infinitas tendiñas de roupa e artesanía local…moitas fouces e martelos, e unha infinita variedade de cartelería socialista do máis interesante…sempre coa presenza obrigada do “Tio Ho”…


Se non hai sitio na estrada...ocupánse as beirarrúas!
Unha das peculiaridades desta cidade é o intenso tráfico. En Ho Chi Minh circulan 4 millóns de motocicletas…e aquí ninguén respecta os pasos de peóns!...cruzar a rúa resulta toda unha aventura, hai que cruzar de vagar, deixando que os/as motoristas teñan tempo de esquivarte…mais non ficar parado/a, sempre avanzar…Na actualidade é obrigatorio o uso de casco, todo un acerto das autoridades, xa que antes de adoptarse esta medida finaban na cidade tres persoas ao día por accidente de tráfico.

De entre a numerosa oferta museística da cidade, nós escollimos o Museo de Cidade Ho Chi Minh e o imprescindíbel Museo dos Vestixios da Guerra, coas súas escalofriantes fotos de torturas e de persoas afectadas por deformacións derivadas do uso de armas químicas, as súas recreacións de celdas de torturas, o seu armamento, o fondo documental sobre o tratamento do conflito nos medios de comunicación, e muitas outras sorpresas máis. Á superioridade militar e moral demostrada no conflito, o pobo vietnamita engade unha xenerosidade tal, que no propio museo existe un espazo para homenaxear as penalidades sofridas por muitos soldados dos EEUU e as súas familias, afectadas tamén polas armas químicas empregadas polo imperialismo norteamericano durante o conflito. Así mesmo, valórase positivamente a reapertura das relacións entre o Vietnam e os EEUU, reiniciadas durante a administración Clinton (que por certo durante a súa visita á cidade parou a comer unha sopiña no austero Pho 2000, moi perto do noso hotel). Na entrada do museo, un panel agradece a todos os pobos, colectivos, partidos e persoas que apoiaron a longa loita do pobo vietnamita pola súa liberdade. A visita a este museo foi probablemente unha das nosas máis emocionantes experiencias do que levamos de viaxe.

Sen comentarios...jejeje
Un dos nosos días na cidade Ho Chi Minh aproveitámolo para visitar os túneis de Cu Chi, unha rede de diminutas galerías e Bunkers que chegou a alcanzar máis de 200 km, e grazas a cal o Vietcong chegou a controlar amplas zonas rurais desde Saigón até a fronteira camboxana. Os túneis orixinais son realmente diminutos. Nós fixemos un pequeño percorrido por un tramo “adulterado” para turistas occidentais (polos orixinais moitos non poderían andar), menuda sensación de agobio!  Durante a visita recibimos interesantes explicacións da vida nas galerías (escolas e hospitais chegaron a ter), e sobre as trampas coas que a guerrilla e as persoas simpatizantes da súa causa agasallaban ás tropas norteamericanas. A “macarrada” da xornada reservámola para o final da visita, onde existe a posibilidade de disparar diferentes armas nun campo de tiro. Obviamente decantámonos polo mítico Kalashnikov, o fusil de asalto soviético AK47. Non acertamos coa diana, e non levamos o premio, un pano dos que empregaban as guerrilleiras e guerrilleiros do Vietcong.

Palacio da Reunificación
Á volta desta excursión visitamos o Palacio da Reunificación, antiguo palacio presidencial de Vietnam do Sur, e símbolo da reunificación do país despois da rendición do Sur ante o Norte. O palacio, un precioso edificio tipo racionalista, exemplo da arquitectura vietnamita dos anos 60, consérvase exactamente igual que o día no que os tanques comunistas derribaran as súas portas o 30 de abril de 1975. Pódese entrar en todas as súas dependencias, mesmo no bunker que servía de centro de operacións militares durante a guerra. A visita paga moito a pena.

O noso último día, antes de collermos o bus nocturno que leva á cidade costeira de Nha Trang, visitamos as pagodas de Cholon, bairro polo que paseamos e onde comimos e bebimos en diferentes postos da rúa. 

Gastronomía

Gostamos moito dos “bocadillos” vietnamitas que ofrecen os múltiples “puestitos” de rúa. Ás veces non se recoñecen todos os ingredientes que levan, xeralmente carne e variedade de verduras e legumes, mais están boísimos e seu prezo non chega ao medio euro! Gastronomicamente dicer que fomos un día cear algo de marisco. As ostras gratinadas con queixo están moi boas, si ben un caranguexo que comimos á grella non tiña moito sabor…

Despedimonos xa! Unha aperta...e até Nha Trang

No hay comentarios:

Publicar un comentario