En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

jueves, 8 de septiembre de 2011

Phnom Phem

A capital de Camboia é impresionante...non deixa de sorprendernos a cada segundo con novas fotografias, algunhas máis agradábeis que outras... a cidade esconde rincóns preciosos e xente entrañábel, mais tamén amosa imaxes como a de vellos occidentais repugnantes con rapaciñas camboxanas, ou a de meniños/as moi pequerrechos/as durmindo sós nas rúas! Ás veces resulta moi díficil controlarse...

A verdade é que non imaxinábamos así a cidade, con grandes avenidas, espazos públicos, boas edificacións, bares e restaurantes de primeira, un pequeno comercio de artesanía local sorprendente...o que si non vimos por ningures foi o perigo do que preveñen moitas publicacións sobre viaxes...pola nosa experiencia, Phnom Phem é unha cidade tan segura como o é o resto do sudeste asiático. 

Aproveitando que tíñamos que facer o visado para Vietnam, paseamos por rúas nada turísticas até chegarmos á embaixada, e sorprendeunos a tranquilidade que se respiraba, ademáis das estupendas casas e do mágnifico parque móbil que circulaba...Abundan os "todoterrenos" Lexus e Prado e os coches Camry de Toyota.

De novo, vivimos unha situación un tanto insólita coa policia camboxana, na figura do policia que supostamente vixía a entrada da Embaixada do Vietnam, pois este home pretendía tramitarnos él mesmo o visado cobrándonos 10 dolares máis do prezo fixado pola propia embaixada...

Museo nacional
Recorrimos tamén a pé as zonas máis turísticas: fumos desde o Palacio Real paseando pola ribeira do Tonlé Sap, até subir con moitísimo esforzo a montaña máis alta da cidade (que ten nin máis nin menos que case 27 m!! jejejej). Visitamos todos os mercados da cidade e un centro comercial moderno (e non compramos nada para variar...). A cidade, que ten en torno a 1,3 millóns de habitantes, non conta con transporte público algún, si ben para percorrer o centro non o botamos en falta. A maioría dos occidentais (turistas ou non) móvense en tuc-tuc. Nós só nunha ocasión precisamos coller unha moto para chegarmos a tempo ao Palacio Real. É toda unha aventura ir dúas persoas en moto (tres co conductor obviamente) a toda velocidade pola cidade, mais os conductores locais están afeitos e saen moi a conta.


Interior da prisión S21
Gostamos moito da visita ao antigo instituto Tuol Svay Prey, convertido polos xemeres vermellos na prisión S-21 (tamén coñecida como a "Oficina de Seguridade Especial"), onde interrogaban, torturaban e asasinaban ás mulleres e homes "contrarrevolucionarias/os". O lugar, agora convertido en museo, conserva as celdas das persoas presas, as máquinas de tortura, e as calaveras das persoas mortas no centro S-21...Espeluznante. Cerca de 14.000 persoas pasaron pola prisión, mais só sairon 12. O museo está cheo de fotografías das vítimas, e conta tamén con diversa documentación sobre a guerra civil e o ascenso ao poder dos xemeres vermellos, biografías dos seus dirixentes e información sobre o que foi o proceso revolucionario posterior (desprazamentos de populación das cidades ao rural e traballos forzados incluídos), as bases sociais que sustentaron a Kampuchea Democrática e o seu fin coa intervención vietnamita no ano 1.979. Por último, uns paneis informan do proceso xudicial auspiciado pola ONU que está a levar ante os tribunais aos principais líderes supervivintes dos xemeres vermellos, e amosa testimonios de homes e mulleres que foron tanto guardas como persoas presas do centro.

Gastronomicamente falando diremos que provamos o famoso amok camboxano, un peixe asado en folla de plataneiro con especias e leite de coco. Está moi bo, un pouco picante, mais nada comparado cos platos tailandeses. Outra das agradábeis sorpresas da cidade é a happy hour, durante a cal as xarras de cervexa local só costan medio dolar...

Mil bicos!

No hay comentarios:

Publicar un comentario