En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

jueves, 1 de septiembre de 2011

Birmania/Myanmar


Imos con retraso nas entradas do blog, mais este acolledor país non permite o libre acceso ao noso blog...
Así que desde Camboia apuntamos os post das cidades visitadas noutro país con dous nomes...

A nosa chegada a Yangon agardounos no aeroporto o amábel persoal do hotel que tiñamos reservado para as dúas noites que pasamos na antigua capital do país, o Motherland Inn 2. Metéronos nun microbus do máis pintoresco e leváronos de ruta pola cidade antes de achegarnos ao hotel. Este hotel/pensión é moi recomendábel. Vante buscar ao aeroporto, as habitacións están limpas en comparación co que se ve por aquí, e o almorzó vai incluído, todo por uns 13 euros a habitación doble. Ao chegar á tardiña, deixamos as maletas e dirixímonos ao centro de Yangón camiñando para trocar moeda e cear algo. No vestíbulo do hotel coñecimos a unha rapaza portuguesa que viaxa soa pola zona e viuse connosco. Falamos no noso idioma despois de varios días, e comprobamos máis unha vez, que “a nossa língua é mundial”, e que nos relaciona con millóns de persoas polo mundo adiante. Por certo que a rapaza caeunos moi ben e coincidimos con ela noutras paradas da nosa viaxe por Myanmar.

As primeiras sensacións ao pasearmos polas rúas da cidade son as de atopármonos nun lugar extremadamente pobre, sen os principais servizos básicos que debera ter unha cidade destas dimensións (5 millóns de habitantes). As estradas están destrozadas, as beirarrúas ou non existen ou están completamente anegadas, case non hai alumeado público, amoréase o lixo, os animais andan soltos pola rúa (pitas, vacas…). Semella que fas unha viaxe cara atrás no tempo….os homes vestidos cos seus tradicionais longyis (saias), mascando todo o día betel,unha folla rechea de noces, tabaco e outras cousas que lle dan sabor…un estimulante que produce euforia, con componentes alucinóxenos, mais que en doses elevadas produce sedación. Nós probámolo nunha ocasión, estás salibando durante unha hora e cuspes un líquido vermello… ao tomarmos só unha dose, non notamos os efectos…

Kyats trocados no mercado negro

Betel


Para conseguir trocar dólares a un prezo aceptábel, tivemos que probar no mercado negro. Non resulta moi complexo. Hai que deixarse ver por algunha zona comercial, e se ninguén ofrece a posibilidade de trocar, preguntarlle directamente a algunha persoa local, preferentemente home, polo asunto. A nós levounos un dos camereiros do bar onde ceamos a outro local onde nos trocaron dolares por kyats a un prezo razoábel, moi superior ao “troco oficial”. A operación é surrealista, xa que as persoas locais non lles vale calquer billete, teñen que ser billetes novos, inmaculados….e tes que ir sacando billete a billete até que atopan un que lles vale. A sensación é estraña, porque non sabes realmente cantos cartos levas no peto, xa que dependendo do estado do billete, de que sexa un billete de cen dólares ou non, ou da cidade na que te atopes, ou da persoa con quen des…o troco é diferente…ao que se une que podas ter no peto muitos billetes de dólar que aquí ninguén queira por estaren pintados ou minimamente arrugados….todo esto nun país no que non existen os caixeiros automáticos…

Ao día seguinte visitamos a maravillosa Shwedagon Pagoda, coa súa famosa agulla de ouro, probabelmente a stupa máis impresionante de todo o sudeste asiático. Xa pola tarde, paseamos por rúas e mercados, e pola zona do peirao. O paseio foi duro debido á intensa choiva que nos acompañou toda a xornada. En Myanmar pódese decir que coñecimos realmente a dureza da estación húmida, xa que en Tailandia chovéranos máis ben pouco. A choiva aquí é ben diferente, é como se te botaran un balde de auga por riba, e os chuvasqueiros pouco fan. O bo é que coa calor que vai secas pronto…

O terceiro día visitamos algunhas pagodas polo centro e descansamos no noso hotel, desde onde reservamos o billete do autocarro nocturno para a nosa seguinte parada, a segunda cidade do país, Mandalay. Aproveitando que dúas persoas aloxadas no hotel tiñan billete no mesmo bus, compartimos taxi con elas até a estación de autocarros, unha auténtica cidade dentro da propia Yangón, con edificios dentro, numerosos bares, un traxín increíbel de xente, incontábeis buses…unha “loucura”…

O taxista que nos levou foi a primeira persoa local que nos falou abertamente da situación política do país. Foi moi crítico co goberno do desgoberno. Pareceunos un pouco sorprendente a escasa presenza policial e/ou militar nas rúas, pero o taxista aclarounos que “que nos nos os viramos non significaba que non estiveran”. Parece ser que o goberno opta pola policia secreta e informadores “civis” que denuncian as súas veciñas e veciños ante calquera mínima crítica ao goberno de Thein Sein. A situación política é lamentable… para máis info: http://www.amnesty.org/es/region/myanmar/report-2010

Rangún/Yangon a pesar de ser a cidade con máis habitantes, xa non é a capital do país desde o 2005. É moi curioso que a maioría dos habitantes de Birmania non saben que Yangon xa non é a capital. Os motivos do cambio da capital son... delirantes! 
Sobre o tema, atopamos este interesante artigo: http://www.ub.edu/geocrit/b3w-753.htm
que merece a pena ler.
Ademais o artigo sinala outros estrafalarios (por chamarlles de algún xeito) feitos acaecidos nos últimos anos da historia birmana, como por exemplo, o día que Ne Win, gobernante entre 1962 e 1988, decidiu cambiar toda a moeda local a billetes multiples de 9, deixando na ruína a toda a cidadanía, xa que os billetes anteriores perderon todo o seu valor dun día para outro... 



Shwedagon Pagoda


No hay comentarios:

Publicar un comentario