En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

sábado, 12 de noviembre de 2011

Beijing

 Chegamos a Beijing sen nada reservado para durmir. As dúas referencias que tiñamos resultaron ser demasiado caras, e deunos noite sen hotel e coas mochilas ao lombo. Finalmente, reservamos on-line un hotel nunha das zonas de hutongs ao norte do centro da cidade. Os hutongs son estreitos e escuros calexóns con destartaladas vivendas (muitas das cais non contan con baños), e que forman interminábeis laberintos onde vive unha parte importante dos e das habitantes da capital. Non foi doado atopar o hotel, xa que nen a veciñanza nen a policía do lugar coñecían a súa localización (en Beijing existen uns 2.000 hutongs). A pesares de ter que percorrer calexas realmente humildes, a sensación de seguridade foi, como en toda Asia, total. Ao chegarmos ao hotel resultou que non dispoñían de habitacións do tipo das que reserváramos. No seu lugar ofrecéronnos un cuarto sen baño en moi mal estado situado no 4º andar, onde viven varias persoas chinesas. Como eran xa ben tarde e o prezo da habitación resultaba moi económico, aceptamos. Compartir “vida” cos noso veciños e veciñas foi toda unha experiencia. Fuman polos pasillos, cuspen no chan, os baños cheiran a mexo dunha forma tan intensa que produce “arcadas”.

O primeiro día visitamos as zonas próximas ao noso hotel, concretamente as torres do tambor e da campá, e a zona dos lagos e o parque de Jingshan, desde o que se pode gozar dunha excelente vista panorámica da Cidade Prohibida. Fomos paseando a rente do foso da Cidade Prohibida até chegarmos ao precioso parque de Zhongshan. Unha vez atravesado este parque, atopámonos de fronte co inmenso espazo empredrado que ocupa a Praza de Tiananmen, a praza pública máis grande do mundo, ponto final a este día e comezo do seguinte, onde coñecimos diversos edificios da mesma e visitamos a veciña Cidade Prohibida.

Para poder acceder ao Mausoleo do Presidente Mao tivemos que facer unha cola de tres horas. Milleiros de chineses e chinesas ansiosos por ver o corpo momificado do gran timonel forman un caos no que intentar colarse e empurrar ao de diante é o habitual. Poucos son os turistas occidentais que visitan este lugar. Xa dentro do recinto, o percorrido “en fila india” leva a unha gran sala homenaxe ao histórico lider comunista, para pasar a unha máis pequecha onde se atopa o seu corpo momificado, cunha cabeza tan iluminada que fai dubidar da autenticidade do corpo (semella un boneco, con todos os respectos, tal cual un “gusiluz”). A visita non leva máis de cinco minutos. Na Praza de Tiananmen, onde está o mausoleo, coñecimos tamén o Gran Salón do Pobo, sede dos congresos do Partido Comunista Chinés, cun auditorio coroado por unha impresionante estrela vermella na súa cúpula. Detrás deste edificio, e rodeado dun tranquilo parque e unha lagoa artificial, atópase o Gran Teatro Nacional, un moderno edificio construído en titanio e cristal que semella un ovni e que pon o contrapunto á monumentalidade da Praza de Tiananmen.


Porta Celestial
Após cruzaren a Porta Celestial, co seu enorme retrato de Mao, dirixímonos á entrada da Cidade Prohibida, morada das dinastías de emperadores Ming e Quing. O recinto é enorme, e visitalo require tempo. Nós tivemos un problema engadido, xa que ao estar en fin de semana, estaba plagado de turistas locais. Tomámonos a visita con calma, sen agobios por se algo ficaba sen ver. Deambulamos por xardíns e pavillóns sen un itinerario marcado e fuxindo no posíbel das aglomeracións de xente.

Adicamos un día completo a visitar o Palacio de Verán, o antigo lugar de recreo da corte imperial. Trátase dun enorme parque, en torno ao lago Kunming, repleto de templos, xardíns, pavillóns,canais, roteiros…un lugar incríbel onde perderse, pasear e gozar da natureza. De facto, foi a visita da que máis gostamos en Beijing (a pesares de non ter tempo suficiente para completala ao vir a noite).



A Cidade Prohibida

De entre a oferta de galerías de arte da cidade, escollimos coñecer a chamada Factory 798, un enorme complexo de fábricas abandonadas e recuperadas agora pola comunidade artística local. Pasear  por ela resuta tremendamente interesante, cunha gran cantidade  de galerías, tendas e cafés nos que pasamos unha agradábel tarde.

Ricos escorpións que probamos nun mercadillo
Gastronomicamente falando contar que probamos o famoso pato pekín, servido con prebe, cebolas e tortas. Cortan diante das e dos clientes o pato en lascas, e con elas tes que facer paquetiños empregando as tortiñas, as cebolas e o mollo. Comimos tamén en diferentes postos de comida na rúa. Unha das cousas máis curiosas dos mesmos son a súa oferta de iogurtes en tarros de cristal, que están boísimos. Hai que tomar o iogurte diante do paisano ou paisana do “puestito”, xa que hai que entregar o tarro ao final.

Visita obrigada desde a capital é achegarse a algúns dos tramos da Gran Muralla. Nós decidímonos polo de Mutinyu, menos turístico que o máis coñecido de Badaling. A maioría dos e das turistas chegan á muralla en grupos organizados, mais resulta ben doado facelo por conta propia. Tivemos que coller un autobús até unha vila cercana, e alí negociar cunha das furgonetas privadas que desde alí realizan o traxecto á muralla. Negociamos un moi bo prezo para nós máis para tres turistas máis, unha parella francesa e un basco de mediana idade que viaxaba só e co que fixemos boas migas. Ficaron agradecidos pola nosa arte no “regateo”. Para voltar, montamos nun bus directo desde Mutinyu a Beijing que atopamos sen agardalo. Estivemos cinco horas percorrendo a muralla. A grandiosidade da muralla e o entorno natural da mesma son impresionantes, e nesta época do ano as tonalidades marróns das árbores son preciosas. Pasamos un bo día na muralla, e metímonos unha boa camiñada.


A Gran Muralla China
En claro contraste coa Gran Muralla, contar que visitamos tamén as futuristas instalacións deportivas que albergaron as olimpiadas de Beijing 2008. Tanto o Estadio Olímpico como a Piscina son increíbeis, si ben non entramos porque as entradas son caras. Como poderedes imaxinar, as dimensións da Cidade Olímpica son enormes.

A nosa estadía  na capital chinesa demorouse máis da conta, xa que o dispoñérennos a embarcar no voo que nos tiña que levar a México DF vía Chicago enterámonos de que un de nós (Manu) non tiña permiso para pisar “chan estadounidense”. O problema é que descoñeciamos que houbera que formalizar un permiso para estar en tránsito nun aeroporto dos EEUU sendo cidaddáns da UE. Pilar tiña o permiso de estadía nos EEUU (chamado ESTA) ao ter estado en Nova Iorque o pasado ano por traballo (os cidadáns da UE non precisan VISA, e este permiso ten unha validez de dous anos). Ao intentar formalizar dito permiso no último momento por internet, as autoridades norteamericanas denegárono, facéndo que perdéramos o voo e obrigándonos a acudir á embaixada dos EEUU en Beijing para obter unha VISA. Finalmente, despois de gastar muitos cartos, perder días da viaxe, pasar por un proceso burocrático interminábel e esgotador, asistir a unha entrevista persoal con funcionariado da embaixada, cubrir un enorme formulario con innumerábeis datos persoais e preguntas do tipo ten participado vostede en actividades antiamericanas?, conseguimos a VISA e poidemos marchar da China após tres días de trámites.

No hay comentarios:

Publicar un comentario