En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

viernes, 18 de noviembre de 2011

Lima





Chegamos a Lima tarde, perto das 23h. Ao termos reserva hotelera no barrio de Miraflores, tivemos que tomar un taxi desde o aeroporto até o noso hostal. Ao chegarmos, os problemas habituais…que non aparecía a reserva, que estaban completos…ao final hospedáronnos noutro hotel da cadea perto de onde nos correspondería. O cuarto estaba suxo e o hotel era do pior que levamos visto. Por sorte ao día seguinte voltamos ao hotel orixinal, nun cuarto limpo e con balcón cara o Parque Kennedy, nun bonito edificio con aires coloniais. A reserva incluía almorzo na terraza dun bar cercano. O barrio de Miraflores, xunto co de San Isidro e Barranco, conforman os barrios da clase alta peruana. Son unha illa de xente “branca” no oceáno crioulo e indíxena do Perú. A pesares de ter a sensación de viver nun burbulla, son un bo lugar para hospedarse na capital, tanto pola súa situación (perto do mar e a 15 minutos en autobús do centro) como pola seguridade.

Barrio de Miraflores
 Miraflores é un barrio residencial repleto de bares, restaurantes, librarías, tendas, etc. Ademais, as vistas do mar e das praias (non as visitamos ao non acompañar o tempo) desde os seus acantilados son impresionates, e alberga as ruinas de Huaca Pucllana. Nós percorrimos o seu malecón, visitando os parques Faro, Raimondi, do Amor e Salazar. O barrio celebrou nas datas unha feira do libro, cheiramos mais non compramos nada, os prezos eran moi elevados.

A 15 minutos a pé do noso hostal, atópanse as moi recomendábeis ruinas preincaicas de Huaca Pucllana, coa súa enorme pirámide de adobe desde a cal a cultura dos limas adoraba ao deus mar. Só é posíbel entrar con visita guiada. O noso guía foi formidábel: explicacións interesantes, amplos coñecementos…mesmo coñecía Galiza e a existencia do noso idioma. No recinto consérvase unha parella dunha peculiar raza peruana de cans sen pelaxe, e cunha altísima temperatura corporal, que eran empregados polos antigos  moradores e moradoras da Huaca Pucllana (huaca=recinto sagrado) para quentarse.

Cans na Huaca Pucllana
 O centro de Lima é un espectacular e enorme exemplo da arquitectura colonial. Mágoa que a zona non sexa moi segura. En canto escurece convén liscar, polo que paga a pena madrugar e realizar a visita á luz do día. A nós fíxosenos de noite e tivemos que marchar sen ver algún recuncho como a Praza de San Martín. No centro da cidade visitamos a Praza de Armas, o Mosteiro de San Francisco, a Praza Bolívar (onde coñecimos o interesante Museo da Inquisición e o Congreso peruano) e a zona do paseo e praza Grau. Fixemos o percorrido de vagar, parando tomar algo nos cafés, descansando nas prazas…Fixemos tamén unha parada para visitar o Museo da Historia da Literatura Peruana, situado na Estación dos Desamparados.

Praza de Armas
 Lima é un dos paraísos gastronómicos de Latinoamérica. Nós, coas nosas obvias limitacións económicas, adentrámonos á nosa maneira na cociña peruana. No tocante as carnes, destacaremos os moi valorados anticuchos. Comímolos de corazón de vaca formando parte dunha parrillada para dos con carne de vaca, porco, chourizo, morcilla, patacas e varios mollos para acompañar. A verdade é que o corazoón de vaca á grella está tremendo. Un dos pratos máis recoñecidos do país é o cebiche, pescado ou marisco crú mariando con lima, chile e cebola. Outra variedade é o tiradito, a mesma preparación mais con outro corte. Para probar este manxar dirixímonos ao restaurante “La Choza Náutica”, no centro de Lima. Ademais de comer de marabilla fomos atendidos por un camareiro moi interesado na música española dos anos oitenta de onda punk (Alaska, Aviador Dro, Derribos Arias, Parálisis Permanente, etc). Un tipo moi simpático. Respecto á bebida, nada mellor que o pisco sour, cóctel a base de pisco (augardente local), clara de ovo, zume de limón xarope, xeo picado e angostura…unha delicia!...sempre tomamos pisco sour a modo de aperitivo previo ao xantar ou a cea.


Cebiches
 Gostamos moito de Lima, mais o noso tempo no Perú é limitado e temos que arrancar cara a nosa próxima visita, Paracas, famosa polas súas dunas de area e polas Illas Ballestas...

No hay comentarios:

Publicar un comentario