En Brasil, a 40º de calor e a dous días de voltar a casa...

sábado, 5 de noviembre de 2011

Macau

A antiga colonia portuguesa de Macau é un centro turístico e cultural de primeira orde na China. A súa ampla oferta museística, os seus innumerábeis parques, os seus paseos polo mar, a súa fermosa arquitectura colonial, a súa gastronomía luso-chinesa de primeira fan de Macau un destino ineludíbel para quen vaia a Hong Kong, e, para os galegos e galegas, a posibilidade de poder comprender todos os indicadores públicos, rótulos de transportes, audios de museos, documentación oficial, cartelería de negocios privados, menus de restaurantes, facilita enormemente a visita…todo aquí está lexendado ou ten escolla en português.
Barrio histórico
O negativo é que a cidade é un dos destinos preferidos dos chineses e chinesas para pasar as feiras xogando nos seus  numerosos e xigantescos casinos, e ao estarmos na semana de feiras principal do país co gaio da celebración do seu día nacional, Macau estaba ateigado de turistas. Antes de viaxar a China hai que informarse das datas das feiras locais, xa que os destinos turísticos están tomados pola nova clase media urbana chinesa, con muitos cartos para gastar, o que fai incrementar os prezos até mesmo duplicárense. Nós tivemos que pagar 30 euros, o máis barato que atopamos, por unha habitación tremendamente porca nunha “cuadra” no barrio chino da cidade, o hostal Vila Tai Loy, que se atopa na Travessa das Virtudes, perto da famosa e preciosa Rúa da Felicidade. O único bo do lugar foi a súa localización, en pleno barrio histórico e a un pequeno paseo do Largo do Senado, centro neurálxico do mesmo.
Casino Lisboa

Non poidemos resistirnos a cear nun restaurante de cociña portuguesa, o Dom Galo. Comimos caldo verde, bacalhau à moda da casa e bifinhos com natas, todo espectacular. Para mellorar inda máis o lugar, dicer que bebimos um vinho tinto da casa moi bo, e tomamos un café expresso português dos de verdade. Cear en restaurantes portugueses sae un pouco máis caro que facelo nos de comida chinesa, mais a calidade dos primeiros fai que pague a pena a inversión, xa que é como cear na casa...
Caldo verde

En Macau visitamos a Avenida de Almeida Ribeiro e as encantadoras rúas repletas da típica arquitectura tradicional portuguesa que a atravesan, como o Largo do Senado, onde se atopan os principais edificios administrativos. Fomos tamén ás fortalezas do Monte e da Guia, que ofrecen unhas excelentes vistas da cidade. Gostamos muito da visita ao Museu de Macau, onde se repasan a historia e as tradicións locais, e no que por certo os portugueses, en contraste con outras potencias imperialistas da época colonial que chegaron a China, son tratados moi ben nos textos e explicacións.

Pasear polos numerosos parques públicos cos que conta a cidade é unha gozada. Nós estivemos no Jardim e Gruta Luis de Camões, onde contan que o escritor escribiu parte da súa obra Os Lusiadas durenta unha estadía na cidade. Perto do xardín está o Antigo Cemitério Protestante, outro dos lugares dos que gostamos muito.
Sede do Governo
A mañá cedo, após durmirmos no noso noxento hotel (houbo quen non durmiu muito e estivo “tragándose” un Sporting de Lisboa – Vitoria de Guimaraes na tele), e antes de tomarmos un barco que nos transportou directamente á terminal de saídas do aeroporto internacional de Hong Kong (con maletas facturadas desde Macao até o noso próximo destino Shanghai a través da compañía de ferrys sen pasar por facturación no aeroporto , así de ben funcionan as cousas aquí), visitamos o sul  da península de Macao. Fixemos un precioso paseo pola costa dos que recomenda a oficina de turismo local a través dos chamados Percursos a pé, e que nos levou pola Sede do Governo de Macau, pola embaixada portuguesa, pola antiga residencia do gobernador portugués e polo templo de A-Ma, o máis antigo da cidade. Ao longo deste paseo pódese abservar na lonxanía a impresionante Torre de Macau, un centro de convencións con restaurante xiratorio nas alturas.

 Dicer que non poidemos resistir a curiosidade de entrar nun dos casinos máis importantes de Macau, o Casino Lisboa. As súas salas ateigadas de fume, están repletas de chineses e chinesas, a maioría xente nova, xogando fichas valoradas en 200 euros como quen bota unha partida ao monopoly… Nós xogamos un par de euros nunha “tragaperras” por facer o chiste. Próximo destino...Shanghai.

No hay comentarios:

Publicar un comentario