Nos trenes chineses fúmase, cómense, e tíranse pipas e outros restos de comida no chan… todo un exemplo da solidaridade entre viaxeiras/os, de cidadanía e de civismo.
Xi’an, antigo punto de partida e chegada da ruta da seda, e capital de varias dinastias chinesas en diferentes periodos, é hoxe unha enorme cidade de máis de tres millóns de habitantes, se ben conserva parte do seu encanto pasado nomeadamente coas súas impoñentes murallas e o seu barrio musulmano. E na súa contorna, alberga o famoso Exército de Guerreiros de Terracota e as tumbas imperiais.
O noso hotel en Xi’an foi un “remanso de paz”, despois dunha viaxe tan axitada. A pesares de ter reservado dúas camas nun cuarto compartido non apareceu ninguén por alí até o último momento, no que chegaron dúas rapazas españolas ao cuarto. O edifício do hotel é espectacular con diferentes patios interiores, sofas onde descansar e botar un pitillo, e un bar cunha cociña excelente.
Do que máis gostamos na cidade foi do barrio musulmano, coas súas rúas ateigadas de “puestitos” de comida, e as típicas tendas de produtos de imitación. Comimos un típico prato a base de cordeiro de Xi’an, noodles feitos ao momento, e varias sobremesas musulmanas. Faltounos por probar a sopa con pan…o estómago xa non daba para máis!
Ao non contarmos con demasiado tempo en Xi’an, e ter algo de cansanzo e preguiza, decidimos visitar o Exercito dos Guerreiros de Terracota a través dunha excursión organizada desde o noso hotel. A verdade é que costa imaxinarse un exército soterrado a tamaño real, con miles de soldados, carros e cabalos. Este achado arqueolóxico descuberto recentemente (1974) aínda está por descubrir na súa totalidade, incluíndo as tumbas reais próximas ao mesmo. As dimensións do recinto impresionan, e si ben na segunda e terceira fosa que se visitan non son muitos os guerreiros que se poden ver, a primeira das fosas alberga 5.000 guerreiros aliñados en formación de batalla, unha imaxe realmente impactante. Ao longo dos espazos accesíbeis para as persoas visitantes existen distintas vitrinas onde poder ollar de perto figuras de guerreiros perfectamente restauradas. Nós gostamos muito desta visita, e tamén do económico xantar con variedade de pratos tradicionais incluído no noso tour.
No hay comentarios:
Publicar un comentario